Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Moción de confianza este mércores no Concello

O PP insiste no convite aos independentes para tirarlle a alcaldía do Porriño ao BNG

Os populares evitan toda negociación co grupo de goberno para sacar adiante os orzamentos e piden a unión da "maioría de centro-dereita" para recuperar a alcaldía que tiveron durante 22 anos.

Redacción - 17:20 21/07/2008

"Ou acordan outro alcalde ou no Porriño teremos orzamentos". Así desafiou o alcalde do Concello do Porriño, Raúl Francés (BNG), ao resto de formacións políticas, na súa recente comparecencia para explicar a presentación dunha "cuestión de confianza" vencellada á aprobación dos orzamentos.

O rexedor fixou a convocatoria para o próximo mércores 23 de xullo. Caso de que os orzamentos volvan ser rexeitados, ábrese un período de 30 días para a presentación dun goberno alternativo. Do contrario, enténdese outorgada a confianza e aprobado o proxecto orzamentario. "O Porriño vai ter orzamento", afirmou Francés, explicando que con este xesto "de responsabilidade" a súa formación "demostra que non estamos en política por maternos nun cargo, senón por facer boa xestión para a cidadanía".

Os nacionalistas dan este paso ao tempo que lle reprochan ao resto de grupos que simplemente rexeitasen o proxecto de orzamentos achegado polo BNG, sen propoñer nin modificacións nin alternativas. Na opinión dos responsábeis locais do Bloque, isto sería exemplo de que os obstáculos ao diálogo non os poñen os nacionalistas. "Despois de 22 anos de goberno do PP, a chegada do BNG ao goberno hai cinco anos produciu un cambio notábel no municipio", defende Raúl Francés, "agora non é momento de dar un paso atrás", engade.

O PP convida aos outros grupos a un pacto
Fronte aos reproches do Bloque pola negativa das outras formacións a negociar os orzamentos, os populares pilotan agora desde a dirección do partido a recuperación para o PP da alcaldía do Porriño. O presidente provincial do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, convidou este luns a que Cidadáns por Porriño (con tres asentos no Concello) e Independentes de Porriño (con dous edís), unan os seus votos aos catro concelleiros do PP para botar abaixo o actual goberno local liderado polo BNG, que goberna desde 2007 con cinco concelleiros.

En conferencia de prensa, Louzán cualificou o goberno local porriñés de "extremadamente débil" e afirmou que a actual situación é "insostíbel". "Non ten o apoio nin dos que lle votaron para que fose alcalde", comentou en referencia aos tres edís do PSdeG. No mesmo sentido, o coordinador do PP no sur da provincia de Pontevedra, Xosé Manuel Figueroa, reiterou o ofrecemento do PP local aos independentes para asinaren un pacto de goberno. "Segue en pé", confirmou.


4.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: