Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ENERXÍAS LIMPAS

O 0,3% da luz do Sáhara podería abastecer de enerxía a toda Europa

A Unión Europea está a estudar a posibilidade de instalar un panel solar no deserto saharauí, o que permitiría reducir as emisións de CO2.

Redacción - 13:00 24/07/2008

A idea baséase no aproveitamento da enerxía solar que se podería producir no Sáhara, facendo uso do poder do sol do deserto. Tal podería ser a potencia aproveitada nesta zona desértica, que un pequeno panel solar podería chegar a subministrar a toda Europa de electricidade limpa. Así o afirman os científicos do Instituto para a Enerxía da Comisión Europea, que veñen de participar en Barcelona no Euroscience Open Forum 2008 (ESOF).

Segundo os seus estudos, o sol do norte de África xera até tres veces máis electricidade da que se podería producir no norte europeo cos mesmos paneis. De aí a petición de que se constrúan grandes granxas solares, ben fotovoltaicas, ben con concentradores de calor que permitirían ferver a auga que, á súa vez, faría prender ás turbinas. A proposta contempla a creación dunha gran rede que transmita a electricidade ao longo de toda Europa, con cables de alto voltaxe e corrente continua, o que, ademais, permitiría a aqueles países que teñen exceso de enerxía exportala máis facilmente.

Cuestión política
Os principais problemas para poñer en marcha esta iniciativa é a construción desta rede de transporte eléctrico, o que implicaría un traballo de reestruturación de infraestruturas en moitos países. Os cálculos científicos falan de moitos anos e moitos cartos: a previsión fala de 450.000 millóns de Euros para que o sistema estivese operativo en 2050.

A proposta conta co apoio político do francés Nicholas Sarkozy e do inglés Gordon Brown, quen xa se apuntaron a esta modalidade de enerxía renovable. Argumentan que, con este sistema, se evitaría o impredicible do clima, xa que o sol brillará nunha das granxas solares, se non o fai noutra.


Ligazóns

3,86/5 (7 votos)


Comentarios (6)

condedecotobade #1 24/Xullo/2008 condedecotobade

Concordo con que se aproveite a enerxía do Sahara, pero non estaría de máis que esa enerxía servise para abastecer de electricidade aos países limítrofes (boa falta lles fai), non a unha Europa que malgasta tanta enerxía.

kkruxo #2 24/Xullo/2008 kkruxo

Pero lembremos que grandes cambios sociopolíticos tiveron lugar coa aparición de novas fontes de enerxía (petróleo, nomeadamente). Será o Sahara o novo centro de producción de enerxía (limpa)?. Saberán isto os actuais gobernantes de Marrocos? ¿e os resistentes dos POLISARIO)

DanielErreCe #3 24/Xullo/2008 DanielErreCe

Neocolonialismo solar... Ambientalmente soa ben, politicamente é discutíbel... Unha cuestión: en vez de sementar bosques de plástico en Murcia e Andalucía, grandes consumidores dunha auga que non teñen, por que non se aplican o conto, que luz solar teñen a montes... En Galiza sabemos moi ben de que vai o colonialismo enerxético, pero eles venden froita de alto valor engadido sen pagar un peso pola auga... nós pagamos o kilowatio mesmamente como en Madrid. A ver se espertamos dunha vez!

Cleoninha #4 24/Xullo/2008 Cleoninha

Colonialismo puro e duro. Vamos a encher o Sáhara de paneis solares para abastecer de enerxía á derrochadora Europa, hala e os saharauís e demais veciños que? Se Europa precisa enerxía que a faga pero non a costa dos demais.

crunha #5 25/Xullo/2008 crunha

Estou a favor desta iniciativa. Por suposto tamén de que os paises onde se poñan saquen o beneficio que lles corresponde.
Aínda que penso que hai moitos intereses económicos en que estas cousas non vaian adiante. Moitas compañías que están facendo negocio co petroleo e co gas. Que por certo, estas si que están expoliando colonialmente os recursos de moitos paises.
Tamén habería que ser máis racionais, non montar negocios baseados na auga en sitios onde non a hai (como dixo DanielErreCe), non construir coches que poden ir a 200 km/h, etc.

maraghota #6 27/Xullo/2008 maraghota

altA voltaxe

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: