Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Día de Galiza

"Nacemos para liderar o país"

Debullou o voceiro nacional do BNG as aspiracións de "liberdade e autogoberno da nación", nun camiño que, segundo subliñou, será máis rápido canto maior sexa a representación do BNG no próximo Parlamento.

R.Noguerol - 09:00 26/07/2008

"A mellor carta de presentación de Galiza como nación no mundo". Así se refería o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, á visión dunha Praza da Quintana ateigada de militancia e simpatizantes da formación, nunha das mobilizacións máis numerosas dos últimos anos por esta data. Unha intervención comezada coa banda sonora paralela dos berros, entre outros, "Queiran ou non, Galiza é unha nación". Nese contexto chamou Quintana a dar conta do compromiso coa construción dunha Galiza "libre e dona de seu".

O autogoberno ao servizo da "economía real"
Iniciou o líder do Bloque o seu relato destacando o "modelo alternativo" que en tempos de crise económica propón a súa formación diante do que cualificou de "delirio ultraliberal". Nese contexto de crise, Anxo Quintana defendeu a necesidade de poñer o autogoberno "ao servizo da economía real das persoas e do benestar real dos cidadáns".

A actualidade económica apareceu unha vez máis no discurso de Quintana cando se referiu ás especulacións sobre o uso de fondos públicos para resolver o "desaguisado" da crise de Martinsa-Fadesa. O voceiro nacional do BNG aproveitou para rexeitar tal posibilidade e salientar as políticas que en materia de vivenda protexida desenvolven os nacionalistas no Goberno.

Do mesmo xeito, o líder do Bloque quixo aproveitar a cita do 25 de xullo para subliñar a necesidade de acabar co que cualificou de "mito" ao respecto da idea de país "pobre, subsidiado e sen capacidade de xerar recursos". Anxo Quintana reprochou que "desde Madrid" se queira construír esa imaxe "distorsionada" ao fío do debate sobre as balanzas fiscais. Foi así que ironizou sobre a presunta solidariedade do Estado. "Nin o Estado é solidario, nin Galiza é unha nación pobre", sentenciou, chamando a aproveitar a riqueza da "nación" na medida en que Galiza sexa capaz de "autorresponsabilizarse" co seu futuro.

"Nunca máis Galiza lles sairá barata"
Na mesma liña de contextualización no ámbito da crise económica, Quintana agoirou que en breve este escenario sexa escusa para desculpar todos os posíbeis incumprimentos de compromisos adquiridos con Galiza. Fronte a ese estremo, receitou "unidade" para reclamar fronte ao goberno español, especialmente no que lle toca ás demandas de investimento en infraestruturas.

Por outro lado, o líder do Bloque recuperou este venres a expresión "galeguismo enerxético", á hora de poñer como exemplo das políticas da súa formación o impulso dunha nova ordenación da explotación dos recursos enerxéticos. Nese sentido reprochoulles aos rivais políticos que non sexan até o de agora cando "avogan pola galeguización dunha importante empresa eléctrica agora en venta", en referencia á actualidade sobre Fenosa. Foi nesa liña que insistiu en que exemplo do "proxecto transformador" do BNG está o feito de que "por vez primeira na historia do país a produción de enerxía a través do vento vai ter un primeiro e único beneficiario: o pobo galego".

Na procura de "marcar unha nova fronteira" para o nacionalismo galego
"A maioría galeguista non está disposta a disolverse no silencio e na pasividade", desafiou o voceiro nacional do BNG á súa audiencia este venres na Praza da Quintana, pedindo o esforzo e a activación da formación política cara a unha nova etapa que nos próximos meses marque unha "nova fronteira" para o nacionalismo en Galiza. En clara clave preelectoral, pediu Quintana espremer a "capacidade de sedución dos que aman o país" para a construción dunha maioría social arredor do BNG cara a unha meta concreta: un novo Goberno que lance a oportunidade dun novo "Estatuto de Nación", arela que o líder nacionalista fixa para 2009.

"Nacemos para liderar o país", expresou Quintana, rexeitando que o Bloque sexa "complemento" ou "bisagra" de calquera outra formación, e instando a abrir a porta que conduce á "liberdade soberana de Galiza". O voceiro nacional do BNG prognosticou maior capacidade de decisión e xeración de recursos "canto maior sexa a representación" que a formación consiga no Parlamento á volta das próximas eleccións. Foi deste xeito que insistiu en lanzar a que definiu como "a maior campaña de convencemento, sedución e ilusión". "Un Goberno liderado polo BNG é un mellor goberno para o país", subliñou.


Ligazóns

3,83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: