Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O GRANDE PREMIO, PARA DÚAS CURTAS GALEGAS

'Paris #1' e 'O Cazador' triunfan no Filminho

Ademais, Peque Varela, Lara Bacelos e o portugués Gonçalo Tocha recibirón cadansúa mención de honor na festa do cinema galego e portugués.

Redacción - 11:15 28/07/2008

Paris#1, a curta de Oliver Laxe, tivo como primeiro título As copas das árbores tremen sobre os restos dun incendio. En efecto os lumes son os protagonistas dun filme rodado principalmente nos Ancares, e que naceu no verán de 2006, terríbel para os montes galegos. O traballo final reflite as relacións entre ser humano e natureza, afondando nun sentimento de celebración da vida e de aceptación da morte.

Pola súa banda, O Cazador, de Ángel Santos, é unha adaptación libre do relato de A. Chejov, filmada en Pazos de Borbén no pasado outono. As dúas curtas estreábanse neste festival e abren un palmarés que de seguro contará nos vindeiros anos con sucesores de peso. Ademais de obter este Grande Premio compartido, O Cazador fíxose tamén co premio Cinema Minhoto, destinado a recoñecer aqueles traballos filmados nas comarcas das beiras do Miño. O xuri do festival estivo conformado por Sério Fernandes, Manuel Mozos, Carlos Quiroga, Martin Pawley e José Manuel Sande.

Finalmente, o xurado tamén decidiu entregar tres mencións de honor. A primeira delas á novísima realizadora ferrolá Peque Varela, pola súa curta de animación 1977. Outra para Lara Bacelo polo conxunto dos seus traballos presentados, nomeadamente a peza a competición John Ballan. E unha terceira para o portugués Gonçalo Tocha, que presentou ao Filminho o documental Balaou.

Os premiados coñecéronse o domingo durante a gala de encerramento do festival. Nesta derradeira sesión entregouse tamén o premio de Conta onde vives coa presenza de membros da asociación cultural Ponte nas ondas. Así mesmo, déronse a coñecer os dous proxectos gañadores do Fórum de Creadores.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: