Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (10)

De culebrón, cinema e documental

Hoxe Parakat e o amante bandido escaparon e farán como tantas outras parellas: casar por matrimonio civil e logo xa as familias o dixerirán. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:00 28/07/2008
Tags:

Culebrón
Ás veces as vidas das traballadoras do proxecto son fonte insospeitada de sorpresas, algunhas veces boas e outras malas. Iso si, o calibre da historia de Parakat aínda non o vira menos no cine. Esta semana a nosa instrutora do centro de informática desapareceu sen máis. Non contestaba ao teléfono nin daba sinais de vida así que Ambal foi ata a súa casa, preocupado.

A película tamil estaba por comezar: na súa casa armárase unha boa polo conflito aberto entre o matrimonio arranxado previsto pola súa familia e o feito de que Parakat xa tiña mozo. Un mozo, ademais, de película, que se non fose porque Ambal me perxurou que estaba en serio tería pensado que o que me contaba de que fora cuns matóns á casa da rapaza ameazar que se a casaban montaba un cristo era obviamente unha invención. Pero non, era verdade. As negociacións comezaban, co pequeno detalle de que el é hindú e ela musulmá. O acordo, que el se convertese.

A aposta de Ambal de resolución máis probable: escaparán xuntos e logo xa as familias tragarían. Pois gañou porque hoxe Parakat e o amante bandido escaparon e farán como tantas outras parellas: casar por matrimonio civil e logo xa as familias o dixerirán.

Independente, feliz
Sen dúbida o seu é un caso tan singular que nada máis despois de dicir o seu nome explica a súa situación: ten 50 anos e é solteira! Se cadra vira algún caso así antes, non o recordo, pero o que diferencia a Machiavali do resto das mulleres que adoito entrevistar é que é feliz. Sen cortapisas. Feliz. E así o di con sorriso de orella a orella. E iso que hoxe non se atopa de todo ben e ten que ir poñer unha inxección. Pero é que ela quedou orfa cando tiña dez anos e púxose a traballar vendendo peixe. Sacou adiante ás súas irmás e irmáns e non lle provocou trauma ningún vivir sen un home e quedar para vestir santos que diriamos no noso entorno. Malia ás dificultades, entre elas que a Mariña de Sri Lanka lle matase ao irmán (práctica habitual cando os pescadores invaden as augas do país veciño: non se pregunta, só se dispara.

Estes días hai tensión na costa tamil por esta cuestión), a tsunami, o ter que botar o día todo coa cesta na cabeza, ela é feliz. E explica por que: non teño ningunha preocupación. Agora vive nunha casa das construídas tras a tsunami, estalle cambiando as portas e axeitándoa por dentro e recibiu crédito da federación de grupos de aforro para seguir mellorando o seu negocio. De feito xa antes fora directamente ao banco pedir cartos pero di que prefire pedilos ao grupo ou á federación porque non lle fan perder o tempo con tediosos procesos, os xuros son máis baixos, e sobre todo o diñeiro é delas. E iso, para unha muller independente como Machiavali, ten no mundo o maior valor.

Documental
Cando chego á oficina decido por un día non meter a cabeza no ordenador, nos libros, nos informes e botar un anaco vendo un documental. O traballo de Leena Manimekalai sobre os Naicker e os matrimonios infantís, porén, non pode verse como un momento de lecer.

A directora narra con mestría e dende un punto de vista crítico feminista a persistencia dos matrimonios infantís entre esta comunidade, considerada unha “tribo” (segundo a clasificación do goberno indio). As nenas casan en canto teñen a menstruación con homes de 40 anos. Iso si, logo poden ter mozos e a ninguén importa se os fillos son do marido ou doutro, é este quen os recoñece. Aínda así, o feito de que as mulleres non teñan o mínimo poder de decisión en todo este proceso deixa tanto a Leena Manimekalai coma min cun enorme desacougo.

O documental, e aí reside o seu maior interese, abre tamén a fenda do cambio, co retrato das mulleres que falan da educación como fin da práctica e co retrato daquelas mulleres que foron expulsadas da comunidade por non seguir as normas e que están dispostas a abrir camiños novos para as súas fillas.

Maleta de novo
Cando me dou conta xa é sábado pola mañá. Queda aínda a visita a unha aldea e logo tocará facer de novo a maleta. Hoxe marchamos para Tiruchy. O tempo pasa coma un lóstrego. Quedará por medio a viaxe, da que adoito gozar polo espazo que me abre para pensar e observar, e o domingo, día de descanso e coa promesa de ir ao cine que Ambal lle fixo a Kavin, a súa filla.

Tanto ela coma el levan agardando a miña chegada para ver a última película de Kamala Hassan na que o actor representa nada menos que 10 papeis diferentes. Con tanta ostentación de maquillaxe, terá argumento de algún tipo a superprodución? Saberémolo mañá.




Crónicas anteriores:


Ligazóns

2,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: