Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A 11 días de que comecen as Olimpíadas

Greenpeace avisa os atletas: o aire de Beixín é de moi mala calidade

O colectivo ecoloxista alerta de que os deportistas, e non só eles, teñen razóns para estar preocupados polo que van respirar na cidade chinesa.

Redacción - 19:00 28/07/2008

O colectivo ecoloxista Greenpeace presentou esta segunda feira un informe (titulado China despois dos Xogos: Leccións de Beixín) sobre o traballo ambiental feito na sede olímpica, no que conclúen que os atletas deberían preocuparse de veras pola mala calidade que ten o ar en Beixín.

"Hai razóns para que todo o mundo, incluídos os atletas e os organizadores, estean preocupador pola calidade do aire (...) porque non se cumpren os estándares estatais, nin sequera os da OMS (Organización Mundial da Saúde), dixo Lo Sze Ping, director da campaña de Greenpeace na China. Se non se conseguisen baixar estas emisións nestas dúas semanas, "habería razóns para atrasar algúns dos eventos deportivos", segundo dixo Lo Sze Ping.


Ao parecer, segundo este informe, en Beixín non conseguiron chegar a uns niveis seguros nas emisións PM10, aquelas con partículas en suspensión procedentes do tráfico ou da industria, que poden causar asma, problemas cardiovasculares, cancro de pulmón e mesmo morte prematura

Para Greenpeace, aínda que se fixeron "logros na mellora da calidade do aire na última década en Beixín", como o fomento do transporte público ou a adopción do estándar Euro IV para as emisións dos novos automóviles, con isto non chega, posto que houbo moitas oportunidades para mudar as cousas que non se desenvolveron.

Chegarán as Olimpíadas verdes?
Isto foi o que prometera o BOCOG, comité organizador das Olimpíadas, que a celebración había ser "verde", coidadosa co medio. Mais o obxectivo cada vez parace máis incalcanzábel.

Arestora a cidade chinesa vive no medio dunha brétema constante, que non desapareceu pese á retirada da metade dos automóbiles das rúas o pasado día 20. A oficina municipal dixo este domingo que o aire é "insano para os grupos sensíbeis". Porén, o seu subdirector, Du Shaozhong, asegurou que o fenómeno era basicamente brétema e non contaminación, e sentenciou que "a calidade do aire en agosto vai ser boa".

Aínda así, e segundo Greenpeaxe, nin as Olimpíadas de Sidney, nin Atenas nin Beixín serían cualificadas de "verdes", segundo as directrices que elaborou o colectivo no 2000, porque "todas poderían ter feito máis do que fixeron".


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: