A Xunta sae ben parada do estudo, pois só o 1,2% da cidadanía lle atribúe a responsabilidade da situación económica.
O estudo do Clima Social de Galiza correspondente aos meses de xuño e xullo de 2008 está especialmente marcado pola crise económica. Así, con respecto a anteriores enquisas, o informe presentado pola Secretaría Xeral de Análise e Proxección da Presidencia da Xunta amosa un empeoramento de practicamente todas as variábeis.
O secretario xeral, Xosé Manuel Rivera Otero, quixo salientar que, a pesar de que o 57,6% das persoas enquisadas valoran a situación económica do país como mala ou moi mala, esa percepción non se corresponde coa súa situación económica persoal, que só considera mala o 26% dos enquisados. É dicir, que a crise se percibe como algo máis alleo ca particular.
Outro dos datos que salienta a secretaría xeral é o feito de que a meirande parte das persoas enquisadas consideran que a crise económica está provocada polos mercados internacionais (41%), mentres que tamén ten responsabilidade o goberno do Estado (22,3%) e a Unión Europea (16,5%). En cambio, só o 1,2% lle atribúen culpa da crise á Xunta.
Quizais por iso, o Goberno aínda acada a aprobación do 52% da cidadanía. A intención de voto directa favorece ao partido do presidente da Xunta, co 23,4%, fronte ao 21,4% do PP e o 13,6% do BNG, que medra fronte á anterior enquisa. Porén, o 24,7% dos enquisados non se decidiu aínda por ningunha opción electoral. Os dous líderes do Goberno aproban (Emilio Pérez Touriño leva un 5,49 e Anxo Quintana un 5,04), mentres que o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, queda cun 4,46.
A cidadanía séguese a manifestar maioritariamente tan galega como española (61,5%), fronte ao 22,6% que se ve máis galega ou só galega e o 14,2% que se considera máis española. No que se refire aos principais problemas do país, a crise económica vólvese facer notar: encabezan a clasificación o paro, o atraso económico, as baixas retribucións e a vivenda.
Percíbese, ademais, que a situación económica galega é semellante ou algo peor á do resto do mundo e á do resto das comunidades autónomas, e o 55,2% considera que a crise aínda está a comezar, polo que prevé que irá a peor no futuro. Porén, o 60,4% non vai, polo momento, variar os seus hábitos de consumo.
"a meirande parte das persoas enquisadas consideran que a crise económica está provocada polos mercados internacionais (41%), mentres que tamén ten responsabilidade o goberno do Estado (22,3%) e a Unión Europea (16,5%). En cambio, só o 1,2% lle atribúen culpa da crise á Xunta."
do que se pode deducir que un goberno con competencias limitadas non pode ser responsábel do que non lle compete. Máis claro, auga...
E a aprobación do goberno bipartito non ten que ver en absoluto coa súa responsabilidade ou irresponsabilidade na crise económica. Esa aprobación podería ter máis que ver polo demérito dos anteriores inquilinos de San Caetano que por mérito propio, que despois de case catro anos, é bastante mediocre.