Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (12)

Definitivamente, as cousas cambian

Cando lle pregunto se recibiron dote da rapaza, nega enerxicamente. “Iso non está ben”. E explica que sabe que é ilegal, e tamén o sufrimento que provoca. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:30 31/07/2008
Tags:

Tres horas de estupidez
O domingo imos por fin á cine ver Dasavatharam, a última superprodución da industria tamil. O maior interese: ver ao actor Kamala Hassan en 10 papeis diferentes. Admito que as miñas expectativas non son moi elevadas ante tanto bombo, cola e mencións do evento.

Cando acaba a película despois de tres horas a veciña, que veu connosco pregúntame que me pareceu e só se me ocorre contestar: un horror. Malia a que o meu gusto está xa bastante afeito ás películas locais, que asimilo xa como parte da miña tradición cultural persoal, esta superou todos os límites.

Para facer unha listaxe: os 10 “avatares” de Kamala Hassan eran en realidade disfraces con horrible maquillaxe e intentos de falar en inglés macarrónico que precisaba tantos subtítulos (ao inglés) como cando falaba en xaponés (que tamén facía dun instrutor de artes marciais, ademais de de George Bush!). Por outra banda, a trama non estaba máis que chea de violencia innecesaria, cousa que polo xeral me resulta insoportable, abonda violencia hai no mundo como para trivializala dese xeito, non o soporto. Perdín a conta das mortes despois de media hora. A trama carecía totalmente de orixinalidade: uns científicos queren vender un virus aos terroristas e un deles, tamil que vive nos Estados Unidos e autor do virus, loita por que isto non aconteza. O virus acaba en Tamil Nadu, concretamente en Chidambaram, a só media hora do meu querido Karaikal, por correo postal chega á casa dunha vella (que tamén é Kamal Hassan) que como non ten unha neta preciosa. A vella mete o virus nunha estatua do deus Vishnu (Perumal en Tamil Nadu), que aparece nunha primeira referencia ao século XII que á parte de ser o único visualmente bonito que se ve na película non ten moita relación co resto, e continúan as persecucións e mortes. Para maior ridiculez o virus só pode ser neutralizado con... sal (vaia virus, digo eu).

O colmo dos colmos é que a trama se resolve da forma máis insultante e carente de sensibilidade que vin na miña vida: a tsunami (si, a tsunami que matou a 10.000 persoas na India, 6.000 delas en Tamil Nadu) evita que se espalle o virus ao anegar ao único portador... Aforro dar máis detalles (tipo: un intento de violación sen vir a conto de nada para que o científico protagonista se faga o heroe, a escena final na que o protagonista e a co-protagonista -que en realidade carece de papel á parte de berrar de cando en vez e facer sempre as cousas máis estúpidas- se declaran o seu amor mentres detrás deles a xente berra polas persoas mortas e comezan os labores de rescate e emerxencia, o feito de que a mala da película sexa unha axente da CIA tornada bailarina de barra americana/prostituta e intérprete, cousa que obviamente insulta o traballo ao que me dedico). Sinceramente, demasiado para o meu corpo. Estou tentada a volver á masaxe para borrar toda esta morralla do meu corpo. Tanta estupidez supera o límite das palabras.

Debaixo do alpendre, agora alegría
Aquí estou de novo, en Mahalakshmipuram, debaixo do mesmo alpendre que o ano pasado se derrubou comigo debaixo e “grazas” ao cal souben en que pensaría un segundo antes de morrer... en como seguir viva.

As mulleres do consello comunitario volvérono levantar, desta vez cunha contribución do concello que permitiu afianzar postes de metal fixos que evitarán repetir o episodio do ano pasado no futuro. Mais isto non é todo. Recentemente organizaron un campo sanitario para atender a persoas con problemas oftalmolóxicos, visitamos a Nandini, que está convalecente da súa operación e polo de agora non pode ir á escola, aínda que lle gusta moito estudar. Está claro que o traballo continúa, un ano despois do peche do proxecto. E iso é motivo de alegría.

Máis cambios
Kamala recibiu un crédito do consello de suburbio para poder cubrir os custes da voda do seu fillo. Cando lle pregunto polo dote, se recibiron dote da rapaza, nega enerxicamente. “Iso non está ben”. E explica que sabe que é ilegal, e tamén o sufrimento que provoca e como obrigan ás rapazas a dar máis cartos, as que pasan por esa práctica. Definitivamente as cousas cambian, e tanto!




Crónicas anteriores:


2,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: