Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Traslado da produción de Ence

O alcalde de Ribadeo di que a lentitude da Xunta beneficiou o porto xixonés sobre o de Ribadeo

A operación foi cualificada de "revulsivo económico para o occidente asturiano" polo presidente do Principado, Vicente Álvarez Areces.

Redacción - 19:00 04/08/2008

Feve, Ence e o Principado de Asturias veñen de chegar a un acordo para o transporte da pasta de celulosa e madeira entre a factoría de Navia (Asturias) e o porto de El Musel (Xixón), unha operación que foi cualificada de "revulsivo económico para o occidente asturiano" polo presidente do Principado, Vicente Álvarez Areces. Esta operación prevé que a papeleira empregue este porto xixonés para as súas operacións, un acordo que deixa en mal lugar as expectativas do porto de Ribadeo. Resólvese a polémica pola posible construción dunha terminal de carga e descarga na ría ribadense, o que supoñía a alternativa galega para transportar a materia prima e mailo produto elaborado pola factoría.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez acusa a Portos de Galicia, dependente de Política Territorial, de non estar "espabilada" para ofrecer unha alternativa para o traslado da produción da papeleira. Considera que esta foi unha oportunidade perdida tanto para a vila ribadense, como para Galiza.

Polémica que vén de atrás
As discrepancias neste punto debíanse a que o concello de Ribadeo se negase á construción dun porto flotante anunciado por Portos de Galicia. Tanto o grupo de goberno, como colectivos ecoloxistas da zona, amosáronse en contra desta proposta porque o proxecto supuña a instalación de volumes de ata oito alturas ao pé da ría. Rexeitaban así a construción dunha nave cuberta de 25 metros de altura e 6.000 metros cadrados, dos que 2.200 invadirían a ría do Eo, por considerar esta solución incompatible cun crecemento ordenado e cunha afección ambiental e turística moi importante.

Dende Política Territorial insisten en que a construción deste proxecto en Ribadeo segue aberto e asegura que non se levará adiante se o municipio, ou as Consellerías de Cultura ou Medio Ambiente emiten un informe negativo.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: