Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Chícharo Psicótico

"Nós xogamos a isto da música de xeito semiprofesional"

Fernando del Río, profesor de económicas na USC polo día e cantante do Chícharo Psicótico cando chega a noitiña, fala con Vieiros da súa banda "nihilista á par que inconformista".

Clara Figueroa - 09:30 13/08/2008

Fernando del Río, letrista, voz e ánima mater do Chícharo Psicótico, un grupo de cinco amigos de Ordes que non aspira a vender discos nin encher estadios -moito menos vivir da música- explica a Vieiros a actitude dun grupo que se define a si mesmo como "nihilista á par que inconformista".

Chícharo Psicótico veñen de actuar a pasada fin de semana no festival Brincadeira de Ordes con Def con Dos.

Que é o Chícharo Psicótico?

Chícharo somos un grupo de rock con algunha actitude punk e bastante ecléctico nas súas formulacións musicais. En realidade somos un grupo de amigos procedentes todos doutras fornacións musicais anteriores, rockeiras como Santa Compaña ou Nahn, pero tamén do folk.

Cantos sodes?
Actualmente somos cinco no grupo, Prego á batería, Mario aos teclados, José Antonio na guitarra, Suite no baixo e Fernando, que son eu, á voz. Levamos cinco anos xuntos tocando como Chícharo Psicótico.

De onde ven un nome tan peculiar?
O nome é un nome como ben podería ser outro calquera, pero a idea era que fose sonoro, chamase a atención e reflectira a actitude do grupo, que dalgún xeito é nihilista e inconformista ao mesmo tempo.

Teño escoitado que ás veces chámanche Chícharo por aí. O nome ven de lonxe, como un alcume familiar, ou veu despois da formación da banda?
Non é un alcume familiar para nada, simplemente hai amigos que me chaman así pola banda, pero nada máis.

Quitáchedes xa un cedé á rúa?
Si, en 2005 sacamos o primeiro, editado por Falcatruada e que se chama como a banda, O Chícharo Psicótico.

Quen escribe as letras de Chícharo e por que están en portugués padrão?

As letras fágoas eu e están en portugués padrão precisamente porque as fago eu. É unha opción persoal miña que non teñen por que partillar meus compañeiros da banda, unha opción que elixín porque gosto do portugués e porque o sinto como a miña lingua. Eu son lusista, cando escrebo, o fago en padrão. Aínda que tamén teño que dicir que hoxe temos no repertorio temas en inglés e máis en francés e, ollo, non descartamos para nada facer algunha no seu día en español. Non temos conflito co idioma de ningún tipo.

Pensades quitar un outro traballo á rúa pronto?

A nosa intención é meternos no estudo en outono para gravar de novo, pero aínda estamos dubidando como imos facer coa difusión do disco. Non sabemos se editalo ao xeito habitual ou ben penduralo na internet para que a xente o poida baixar, e deixar tamén as portadas, as letras e demais, de xeito que se alguén quere o disco físico, se o poida construír na casa.

Cos cedés non ides facer moito negocio.
Non, a verdade é que Chícharo Psicótico non ten moito interese en vender cedés.

Disque polo día mudas en serio profesor da USC, como levas a dobre vida?
Pois a verdade é que é un tema completamente á marxe da música. Nas aulas se fala de economía -en realidade eu falo de economía, que é o que teño que facer porque son o profesor-, e non se tratan outras cuestións.

E ninguén chegou un luns dicindo "vinte este sábado dando un concerto"?
O de verme nun concerto aínda non, pero algunha vez, algún alumno me ten feito algún comentario, pero sen importancia e sen mesturar as cousas. Na clase falo de economía e punto.

Tendes en proxecto unha outra aventura audiovisual?
Si que ás veces temos pensado gravar videoclip dunha vez, temos amigos que nos teñen ofertado a posibilidade. Mesmo un bo amigo belga que gosta moito da Galiza, director de curtametraxes e de videoclips para outras bandas, xa no lo ten dito, pero nos imos con moita calma, facemos as cousas cando nos apetezan. Pensa que en Chícharo, agás Prego e José Antonio que son noviños, os demais, digamos os fundadores, andamos nos trinta e pico e xa temos a vida feita. Nós facemos as cousas como nos van saíndo e con moita calmiña.

Entón non andaredes de promoción a rabiar, buscando bolos por todos os recunchos.
Nós tocamos cando nos apetece e cando nos ofrecen algo que verdadeiramente nos chama a atención. Xogamos a isto da música dun xeito semiprofesional. Non andamos a buscar bolos a esgalla, aínda que este outono curiosamente o temos bastante completo.

Por exemplo?
Para comezar, temos prevista unha xira de oito concertos que faremos por salas de toda Galiza. É un proxecto bastante interesante no que oito salas de concertos escollen unha banda que os represente e os oito grupos rulan pola Galiza actuando de sala en sala. Nós iremos representando ao Badulake de Ordes.
Tamén temos datas para actuar en Xerez e no Porto de Santa María, porque o antigo batería de Chícharo é de alí e tiñamos previsto baixar a actuar canda el e a súa nova banda, e que logo eles suban a tocar a Galiza canda nós.
E aínda hai máis, aló por novembro ou decembro, habemos tocar na Sala Nasa de Compostela cos nosos amigos de Kastomä, outro grupo de Ordes, que han quitar novo traballo á rúa e nos convidaron a o presentar nunha actuación conxunta. Agora, tamén che digo que podemos estar tranquilamente tres meses sen facer un bolo e sen problema ningún.

O Chícharo Psicótico dende logo non ha vivir da música.
Hai poucos que realmente o poidan facer, pero ademais, O Chícharo é un hobby de cinco amigos que quedan ás tardiñas para ir tomar as cañas e tocar xuntos.


4,85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: