Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Consello de Contas atopa irregularidades

Ence deixa de pagar perto de 6 millóns de euros e a a Xunta "mira para outro lado"

Desde a Asociación pola Defensa da Ría consideran que é unha proba máis de que houbo e hai "unha conivencia clara" do Goberno coa empresa.

R.N. - 12:00 08/08/2008

Trátase dun burato iniciado durante o goberno de Manuel Fraga, cando na altura do ano 2001 se asina un convenio entre Ence e a Xunta, a través da Consellaría de Política Territorial, co obxectivo de conectar os vertidos da celulosa co emisario submarino. O proxecto foi publicitado daquela por administración e empresa como exemplo do presunto compromiso de Ence co saneamento da ría de Pontevedra. De xeito concreto, obrigaba a pasteira a ingresar arredor de 6 millóns de euros no treito 2002-2006.

Desde aquela, os incumprimentos en materia de vertidos estiveron en repetidas ocasións de actualidade segundo as denuncias da Asociación pola Defensa da Ría (APDR). Pero agora, o Consello de Contas bota luz sobre un aspecto menos coñecido, ao incluír no seu recente informe de fiscalización sobre o organismo autónomo Augas de Galicia os aspectos económicos dese convenio. No documento, a institución repasa os incumprimentos de Ence nas esixencias monetarias estabelecidas no convenio.

Xustificándoo no inferior grao de execución das actuacións previstas, Augas de Galicia rebaixou inicialmente até 4,1 millóns de euros a cantidade a pagar por Ence. Malia iso, a empresa só chegou a pagar 662 mil euros e só no ano 2003. O Consello de Contas sinala que Ence desatendeu reiteradamente as reclamacións realizadas por Augas de Galicia.

O problema continúa malia o cambio na Xunta
Paradoxalmente, en marzo de 2006 e xa baixo a nova administración, Augas de Galicia, desta volta integrada na Consellaría de Medio Ambiente, acorda, segundo subliña o ente fiscalizador, "a suspensión da execución dos requirimentos de pago durante dous meses e posteriormente, en atención á subida do canon que soportou ENCE nos anos 2004 e 2005 e a unha estimación da que poida soportar no 2006, presenta unha addenda ao convenio no que se rebaixan 1.200.000 euros das contías que debe percibir en base á maior recadación do canon de saneamento". Á gravidade do acontecido súmase o feito de que esa determinación de taxas no canon de saneamento é unha competencia parlamentaria, independente do convenio de Augas de Galicia con Ence.

Xa que logo, a débeda de Ence chegaría até 4,55 millóns de euros, segundo os pagos pendentes do convenio, máis 1,11 millóns a maiores polo canon de saneamento. Unha débeda fronte á cal, segundo se laian desde a APDR, o Goberno "mira para outro lado". En conversa con Vieiros, o voceiro do colectivo, Antón Masa, opinou que este novo episodio é exemplo da "conivencia clara da Xunta con Ence". O coordinador da asociación quéixase de que "unha vez máis" a Xunta parece "someterse aos intereses empresariais" e denuncia a falta de vontade política para frear a deterioración que a celulosa provoca na ría.

A APDR entende que a actitude da administración está relacionada coa suposta negociación para o traslado do complexo industrial, e recordan que "coa lei na man" poderían ter decretado hai tempo o cesamento inmediato da actividade da empresa en Lourizán. Porén, critican que non pareza haber vontade de propoñer unha negociación clara. "Buscan o xeito de compensar economicamente o suposto traslado dnha empresa que pola súa condición de morosa coa Xunta non podería recibir ningunha axuda económica", reprochan.


4.5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: