Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MEQUETREFE, ROCK

O rapaz que na Fonsagrada soñaba con ser un Flaming Lip

En xuño gañaron o concurso de maquetas do Festival Foc&Sound, o que lles permitirá gravar un álbum con Dress for Excess Records.

Marcos S. Pérez - 09:30 18/08/2008
Xan Molina, 'Mequetrefe'

Xan Molina, 'Mequetrefe'

Bar Vista Alegre. Tres Estrellas; tapa de callos. O ruído da cafeteira aseméllase á distorsión dunha guitarra eléctrica. En persoa, Mequetrefe non se parece ás súas cancións: densas, escuras, arrevesadas. Mequetrefe é Xan Molina, un rapaz da Fonsagrada que lía a Rockdelux na Biblioteca Municipal. Durante anos ("once anos", di) compuxo e gravou música na súa habitación; distorsións cos Flaming Lips, Spacemen3, The Beta Band ou Schwarz de fondo. Hai cousa duns meses decidiuse a colgar as súas cancións nun myspace. E de aí os parabéns chegados dende calquera parte do mundo, de aí a publicación de dous ep's, de aí os primeiros concertos e necesidade de buscar unha banda.

Atopouna en Gerardo (Almax, ex Hemisferio Izquierdo), Santi (Almax, ex Puzzle, ex Espectro, ex Sebastopol) e Campini (Ropa de los Domingos, ex Taxi Driver). A Familia Feliz, aquel colectivo que xurdiu en Compostela a comezos dos noventa, e no que tamén estaban o gran Marco Maril e Rafa e Diego Anido, continúa a dar froitos. Os catro viaxaron once horas nun coche para gañar en Valencia o pasado mes de xuño o concurso de maquetas do Festival Foc&Sound. O triunfo, ademais de levalos a tocar no propio festival o vindeiro 22 de agosto, outorgoulles un contrato discográfico coa compañia Dress for Excess Records. O álbum de Mequetrefe soará en todo o Estado en 2009.

Vaia ano, non? De gravar unhas cancións na casa a gravar un disco...

Tivemos moita sorte. O proxecto comeceino eu só en abril do ano pasado, a través do myspace. E xa como grupo empezamos en setembro a currar, para preparar o concerto do Marco. E despois tivemos a sorte de gañar o concurso en Valencia, que nos abriu moitas portas e permitiranos gravar un disco.

Como vai ser o disco? Estarán as cancións dos ep's ou haberá cancións novas?
En principio gravaremos as nove cancións que xa aparecen nas maquetas. Aínda temos que falar coa discográfica, e temos algún tema novo, pero basicamente regravaremos o que xa temos. De feito o concurso que gañamos xa saía un pouco fóra dos tradicionais concursos de maquetas que normalmente tes que enviar tres cancións, e aquí había que enviar oito xa, porque o obxectivo era gravar un disco. E está ben, porque hai bos temas.

As cancións van ser distintas? Van cambiar moito ao regravalas, coa nova produción?
Ao tocar todos agora, algo si que van cambiar. As guitarras soan máis potentes, porque eu primeiro graveinas na casa, e non é o mesmo. Despois hai temas que deixei sen baixo, e van cambiar moito, porque Campini meteulle unhas liñas de baixo moi chulas. Pero a esencia das cancións vai ser a mesma, e de feito as baterías van estar pregravadas.

Aínda non levades batería nos directos?
Non, é complicado. Cando a pillemos, pillaremos unha batería electrónica, porque hai cancións nas que chegan a soar tres baterías á vez.

As cancións naceron nunha habitación. É moi difícil adaptalas para o directo?
Non demasiado. As cancións están moi marcadas xa e como moito pódenselles engadir algunhas cousas. Hai algunhas que son moi longas, e que permiten certos desenvolvementos e improvisacións na parte final.

Que che impulsou a sacar esas cancións da habitación e colgalas no myspace?
Eu empecei hai once anos, xa, cun teclado Yamaha e unha gravadora como a que tes para a entrevista. Despois xa co ordenador, funlle engadindo elementos: altofalantes, tarxeta de son...

Como recibiches o éxito inmediato que acadaches no myspace?
Moi flipante. Porque se súpeto unhas cancións que só lles amosaras a catro amigos, resulta que un tipo de Australia diche que lle molan, é moi raro. Despois fixen un par de entrevistas en Sono-tone e Radiooceánica...

...E fixeches unhas fotos tamén...
Si, hehehe. Eu tiña claro que non quería unhas fotos do grupo mirando ao infinito.

Como é que se forma a banda? Cando se converte Mequetrefe nun grupo?
Cando chegou o convite para tocar en Vigo no Marco Sonoro eu non tiña banda. E en cinco semanas tivemos que montar o grupo, con Gerardo e con Santi; fixemos un par de ensaios e saíu ben.

E despois chegastes a semifinais do Proyecto Demo de Radio3...
Si, este (Xan mira para Santi) é talismán. 'Ti xa chegaches con Almax e Sebastopol', 'E con Puzzle'. 'Con Puzzle tamén?, joder!'

Con que grupos actuais vos sentides identificados?
Non sei, hai moitos. Deerhunter, No Age, ou Liars, que son case como unha continuación de Sonic Youth. Hai bastante variedade. O que pasa é que ese tipo de grupo seguen sendo moi minoritarios...

Lévanse as fórmulas no pop-rock, e no indie, grupos que soan máis ou menos igual todos, de escoita máis doada...
Si, á parte do que chamamos tontipop, despois de saír Belle and Sebastian, comezaron a aparecer vinte e mil grupos, que tocan ben, moi parecidos aos Beatles, cunha posta en escena tranqui e xa, pero sen moita alma. E eses son os que levan o público: Sunday Drivers, ou Lori Meyers por exemplo. Están Los Planetas, que veñen doutras influencias, como Spacemen3, pero todos os grupos que saíron imitándoos tiraron máis para o rollo de Sunday Drivers, ou metéronlle algo de distorsión e xa, como La Habitación Roja. Hai grupos españois moi bos, como Schwarz ou 12twelve, pero a maior parte móvense no rollo pseudoindie ou no comercial.

Hai grupos galegos que vos gusten ou cos que teñades relación, ou cos que vos sentides identificados?
Telephones Rouges, cos que xa tocamos. E descubrimos hai pouco a Alddao, que están moi guai. Algunha canción de 6PM, tamén, Triangulo de Amor Bizarro...

Por que o nome de Mequetrefe?
Na Fonsagrada hai un grupo que se chama 'Os Gurmantes' e meu pai preguntoume un día 'Ti que vas tocar, cos Mequetrefes?'. E fíxome gracia. Tamén un pouco para contrastar co tipo de música que facemos, e con eses nomes que poñen algúns grupos, como 'La Oreja de Van Gogh'.

Supoño que sempre vos gustou a música. Como foi crecer en vilas pequenas como A Fonsagrada (Xan) ou Valga (Santi)?
Eu acórdome de ir ler a Rockdelux á biblioteca municipal da Fonsagrada, porque aos quioscos non a tiñan. Entón o bibliotecario avisábame de cando chegaba un número novo. E na Fonsagrada escoitábase Radio3, as radios privadas non chegaban, pero Radio3 si. E despois acórdome de ir buscar os discos a Lugo, como en peregrinación, porque daquela, claro, non había internet, non era como agora.


Ligazóns

4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mequeflux, 'vídeo inspirado nos sons mequetrefiles'

O grupo, actuando en Valencia
O grupo, actuando en Valencia
Capa do segundo EP do grupo
Capa do segundo EP do grupo