Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (18)

E as mulleres falan de política

Antes de que comezase o proxecto votaban o que votase o marido. Pero aínda máis significativo, agora falan da política non como algo partidista senón como intervención social no seu entorno. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:00 12/08/2008
Tags:

Celebrando doutro xeito
Hoxe para min non é festivo e do outro lado dos Urais e dos océanos agroman os problemas pero tento centrarme no que teño diante, na medida do posible, e aí non hai lugar a dúbidas. Hoxe é día de celebración. Na oficina reúnense máis de trinta mulleres. Todas pertencen a grupos de aforro que levan máis de 3 anos funcionando.

Queremos medir o “empoderamento”, este concepto tan amplamente utilizado na cooperación ao desenvolvemento, ás veces para calquera cousa. O empoderamento ten varias dimensións, a psicolóxica (a percepción propia), a económica, a social, a cultural, a organizativa e a política. Estes son os temas que lles pedimos ás mulleres que avalíen en dinámicas de grupo. Moitas das cousas que se din lévoas escoitando dende hai xa anos (o énfase na mobilidade, o cambio de percepción propia de ser incapaz a ser capaz, de ser feble a ter opcións, a mellora económica incuestionable) pero hai outras que chaman a miña atención.

Entre elas está o cambio na percepción dos papeis de xénero na educación de nenas e nenos, que é algo no que o proxecto traballou de forma intensiva e que parece empezar a dar resultados. O aumento dos matrimonios entre castas, outro punto sen dúbida fundamental para os cambios sociais e culturais que leven a unha sociedade mellor e máis igualitaria.

Pero o cambio máis sorprendente para min, despois de tantos anos acompañando ás mulleres dos grupos é a súa percepción delas mesmas como persoas políticas. Por unha banda con respecto aos partidos, mencionan a súa decisión propia á hora de votar, algo inconcibible antes de que comezase o proxecto (votaban o que votase o marido, claro). Pero aínda máis significativo, falan da política non como algo partidista senón como intervención social no seu entorno. Como a capacidade para ser críticas coas autoridades, esixir os seus dereitos (denunciando, recorrendo á xustiza, ás mobilizacións, parando o tráfico, se é preciso) e cambiar a súa sociedade de forma autónoma e a través da solidariedade. Iso é para elas o que significa política. Sen dúbida, para min tamén.

Señora Dalloway de 2 anos
Estes días visítanme Vinay, o consultor do proxecto e a súa muller Geetha coa súa filla máis nova, Chinmaye, que só ten dous anos e se dedica a revolucionar a oficina. Todo o mundo comenta con admiración a súa independencia (vístese soa, come soa, vai ao baño soa, recolle o seu prato, tenta lavar a súa roupa... en fin, unha señora Dalloway de 2 anos). Seguirá ese comportamento e esa admiración dentro de 10, 15, 20, 25... anos ou tornarase en aceptación das decisións alleas sobre a vida propia e ataques por non axustarse ao esperado?

Consello de suburbio
A última vez que estiven aquí o Consello de Suburbio estaba aínda comezando. Mais hoxe esa situación cambiou abondo. Reúnome coas súas integrantes (todas mulleres excepto un home, voluntario de xénero, todas caras coñecidas dende hai anos, activistas dos seus suburbios respectivos) para poñer en común os resultados da miña avaliación. Comentamos os puntos fortes, como que todas as actividades continúen, o seu apoio á comunidade grazas á boa xestión do fondo de crédito que ten o consello, a súa preocupación polas cuestións de xénero e a educación.
Realmente síntome emocionada do traballo e do compromiso destas dez persoas sobre as que recae tanta responsabilidade e que con tanto entusiasmo a aceptan. Din que precisan máis coñecemento, máis formación, escoitan con atención as lagoas detectadas por min (o problema do cambio de estatus das rapazas cando casan e perda dos dereitos que se foron conseguindo, a cuestión dos subornos para o parto, a necesidade de implicar a máis homes no voluntariado sanitario e de xénero, etc.) e propoñen solucións. O máis importante é proporcionarlles as ferramentas necesarias sobre todo para planificar e poder enfrontarse aos problemas da comunidade dunha forma organizada, como fixo o proxecto no seu día. Ambal e mais eu decidimos asignar a unha traballadora de PDI para realizar eses labores de apoio mentres que o resto pasarán xa ao proxecto novo, o corredor de desenvolvemento, que comeza estes días en cinco suburbios e aldeas novas de Tiruchy e as 12 de Karaikal.

Atentados
O xornal abre dous días seguidos con atentados en primeira plana. O sábado, varias bombas estoupan en Bangalore, a capital da veciña Karnataka. O domingo en Ahmehabad, capital de Gujarat. Tamil Nadu está en estado de alerta. Todo isto no medio dunha tremenda crise política no goberno central debido ao polémico acordo de cooperación nuclear que Manmohan Singh pretende pechar antes de que Bush abandone a Casabranca. Tendo en conta que o partido do Congreso goberna grazas a unha complicada coalición, sobre todo con partidos de esquerda e que estes se opoñen radicalmente ao acordo, a polémica está todos os días no xornal. Polo de agora o goberno pasou unha moción de confianza pero este clima faise moi preocupante en relación cos atentados, aparentemente perpetrados (polo menos o de Ahmehabad) por unha célula de Al-Quaeda.

É preocupante porque a alternativa política non é outra có fundamentalismo hindú do Bhartatija Janatha Party (o mesmo partido que cando estivo no poder eliminou a historia musulmá da India dos libros de texto). Como di Ambal, ao final a poboación musulmá de a pé acaba padecendo grazas a uns e outros. Está claro que que unha bomba estoupe en Bangalore ten a súa orixe en moitos lugares diferentes pero todos eles produto do imperialismo exacerbado e a neocolonización que tamén sae de cando en vez nos xornais con outra cara, como nas últimas xuntanzas para retomar as negociacións da OMC nas que os países ricos (os nosos) pretenden seguir coas súas políticas de querer que se abran todos os mercados menos os deles, de establecemento de normas que ao final empobrecen a todo o mundo e fan a vida máis difícil a todas as persoas que traballamos, no norte e no sur, sobre todo a labregas e labregos, para beneficio de catro ricos poderosos aos que lles seguimos dando cartos mercando no Alcampo e no Carrefour.


Crónicas anteriores:


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: