Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (19)

Infanticidio feminino

Diante nosa máis de 200 mil persoas que aínda pensan de forma maioritaria que matar unha nena ao nacer é algo que ten xustificación. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:00 13/08/2008
Tags:

Remate o primeiro día en Salem
Chego ao cuarto e síntome cansa. Para min resulta estraño ficar nun hotel estando aquí (iso que na miña vida do outro lado resulta máis que habitual) pero esta era a alternativa en Salem. Síntome cansa despois dun día longo e intenso. Xa non só polas case catro horas de coche dende Tiruchy senón sobre todo pola cantidade de información que o meu corpo leva absorbida hoxe. Hai días en que o mundo pesa coma unha lousa. Pero todo o que levo visto hoxe axúdame a pensar que custe o que custe, cómpre levantala.

Incertezas que precisan implicación
Esta mañá reúnome por primeira vez co persoal do noso proxecto de erradicación do infanticidio feminino. Son dez mulleres de persoal de base e un asesor e unha asesora de xénero. A xuntanza é longa, necesito completar a imaxe mental do proxecto que teño dos informes coas súas percepcións e explicacións. Facerme unha idea do que teño por diante e do traballo que me agarda.

O proxecto aínda non completou un ano e enfróntome a el coa preocupación constante en época recente do financiamento. O primeiro ano foi financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Implicadas pero este ano o Fondo decidiu por razóns que se nos escapan, pechar a súa convocatoria de proxectos, o cal reduce aínda máis as limitadas posibilidades de acceder a fondos dentro de Galicia para este tipo de traballo. As alternativas están todas no aire. E diante nosa máis de 200.000 persoas que aínda pensan de forma maioritaria que matar unha nena ao nacer é algo que ten xustificación. Unha vez máis, precisamos cartos para continuar. Adoita non saír nada das peticións que fago dende aquí, pero insisto. Sempre é momento de actuar, de facerse socia ou de colaborar de forma puntual.

Complicado traballo
As traballadoras de base amosan a súa enerxía no traballo, que consiste en facer un seguimento das mulleres embarazadas e referir a aquelas que están en situación de risco ao asesoramento de xénero. Durante as súas interaccións falan de cuestións relativas á saúde e outros temas aparentemente inocuos, e tamén preguntan ás mais se teñen algunha preferencia en canto ao sexo do feto.

Na India está prohibido por lei comunicar o sexo do feto para evitar o chamado feticidio feminino (optar por un aborto se se sabe que é unha nena) pero sabemos observando os datos do proxecto que cada mes acontecen uns 20 abortos na nosa zona de traballo, unha cifra elevadísima que obviamente evidencia que hai clínicas onde pagando se pode saber de todo. A isto hai que engadirlle o medo que impuxeron as medidas punitivas do goberno, que fan que a xente se negue a falar e que as traballadoras teñan que pasar importantes esforzos para conseguir a confianza das mulleres e coñecer cal é a situación real. Hai casos en que a familia política ou o marido prohibe á muller falar co noso persoal, pero as propias mulleres adoitan buscar un espazo onde escoitar o que lles teñen que dicir, xa non só da saúde senón dos dereitos das mulleres e das nenas.


Do horror As traballadoras falan de casos que sei que non verei. Este é un proxecto moi sensible por todas as reticencias que existen entre a comunidade así que iremos só a visitar a certas beneficiarias para non interferir nos procesos de confianza coas traballadoras de base. Mais as traballadoras de base falan de como unha familia ten a unha nena prematura con enfermidade respiratoria nunha choupana, afastada da casa (obviamente agardando que morra por si mesma) ou como finxen emigrar a outro lugar e cando volven a nena nunca está xa coa familia. As traballadoras explican a súa frustración cando non poden intervir, cando ven que as mulleres ou as súas familias rexeitan a axuda. Admiro dende xa a súa fortaleza e resistencia.



Crónicas anteriores:


2,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: