Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (20)

A presión foi tanta que acabou desterrando á filla

Ten tamén o desprezo absoluto do seu home, que lle reprocha que segue parindo fillas. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:25 14/08/2008
Tags:

Salem en datos
Cando saio pola rúa en Salem observo tentando determinar onde están. Onde están esas 200 mulleres que desaparecen cada ano nada máis nacer. Noto o seu oco como se fose un mango ao que alguén lle quitase a carabuña. Abríndoo e con violencia. Un oco forzado e violento como tantos outros que nos asexan. A nosoutras.

A nena tivo que marchar
Danakori peitea o pelo da maior das súas catro fillas. Ben, agora son tres. A última deuna en adopción a uns familiares. Antes de falar co persoal tiña outras ideas das que só fala co eufemismo de “non criar” á filla, a frase que vou escoitar tantas veces de hoxe en diante en Salem. Di que o apoio da traballadora do proxecto a convenceu para por fin adoptar medidas definitivas de planificación familiar e que o tería feito cando pariu a súa segunda filla pero que a súa familia política insistía en que "necesitaban" (outra expresión que será recorrente) un varón. A presión foi tanta que acabou desterrando á filla, algo que se lle vai nas bágoas cando lle preguntamos pola súa decisión. Se tivese un fillo teríao criado, abofé. Pero a nena tivo que marchar.

Obrigas
No caso de Jeshida os argumentos tenos máis que claros: ten a obriga de parir un varón porque o seu home é fillo único e a familia del ten que ter un herdeiro. Pouco importa que na lei haxa décadas que as mulleres teñen igualdade de dereitos na herdanza, esas novas non chegaron aínda ata aquí. Haberá que falar algo do tema, está claro. Jeshida vai por dúas nenas e xa ten previsto dar a seguinte en adopción se volve ter a “mala sorte” de parir outra. Para ela, que a casaron aos trece anos, xa é un cambio grande aceptar cun sorriso a súa filla.

Decisións “libres”
Santoshmary ten tres fillas, dúas delas rebolen ao seu arredor mentres falamos con ela, especialmente a mediana non deixa de parolar e xogar connosco, alegre e rebuldeira. Santoshmary ten tamén o desprezo absoluto do seu home, que adoita dicirlle que o seu pai casou en segundas nupcias e xa ten dous fillos á súa idade e que ela segue parindo fillas.

Ben, en calquera caso debería ser el quen se criticase a si mesmo dado que o sexo do feto é determinado por liña paterna. Pero a bioloxía importa pouco nestes casos, o que importa é que a presión evita que Santoshmary tomase medidas de control da natalidade, algo fundamental para a saúde das mulleres, o seu benestar e o das súas fillas. Xa non falemos de decidir sobre o propio corpo. Que me dá a risa. Este caso é idéntico a cando a xente di que o de aumentar os peitos por unha operación é unha “decisión libre”.

Por suposto, o feito de que estas mulleres non adopten medidas de control de natalidade é unha “decisión libre”, porque saben que existen, por suposto. Pero realmente temos as mulleres esa capacidade de decisión libre cando ao noso arredor a sociedade (as nosas parellas, as nosas familias, os modelos sociais transmitidos por comentarios como o do home de Santoshmary ou por Barbies e programas da tele, tanto ten) rompe as nosas costas día si e día tamén coa repetición do que debemos ser facéndonos sentir “mal con nós mesmas” (como argumentan moitas das operadas por razóns estéticas) se non casamos co patrón? Permitídeme que o dubide moito, aquí e alá.



Crónicas anteriores:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: