Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No cargo desde o golpe de 1999

O presidente paquistaní anuncia a súa dimisión

Musharraf adiántase así ao movemento iniciado polos seus rivais políticos para forzar a súa destitución, nove anos despois do golpe co que accedeu ao poder.

Redacción - 11:20 18/08/2008

"Despois de consultar os meus conselleiros legais e os meus aliados políticos, e segundo as súas recomendacións, tomei a decisión de dimitir". Así o anunciou nunha intervención televisiva este luns Pervez Musharraf.

O paso chega na véspera da votación parlamentaria coa que os seus rivais ían forzar, a través da Asemblea Nacional, a súa retirada. O Partido Popular de Paquistán, liderado por Ali Zardari, viúvo da ex primeira ministra Benazir Bhutto, e a Liga Musulmá que lidera o ex- primeiro ministro Nawaz Sharif, acordaron hai pouco máis dunha semana iniciar o proceso para forzar a saída da presidencia de Musharraf, quen accedera ao poder cun golpe de Estado que en 1999 acabou co executivo liderado polo propio Sharif.

"Deixo o destino da nación nas mans do pobo, que el sexa xuíz e faga xustiza", afirmou de paso que cualificaba de "falsas" as acusacións dos rivais, desafiando os actuais socios de goberno en Paquistán a presentaren probas e denunciando "intereses persoais" por tras da presión para botalo fóra da presidencia. Ao tempo, Musharraf insinuou que aínda no extremo de ter superado a votación parlamentaria, cousa improbábel dada a correlación de forzas, non terían mellorado as relacións do executivo coa presidencia. "O exército podería terse implicado, e non me gustaría que iso acontecese", agoirou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: