Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"A revolta"

Na procura de irmandiños para o xogo de rol en vivo máis grande do mundo

Aberto o prazo de inscrición para participar na toma do castelo de Monterrei deste ano.

Redacción - 14:00 18/08/2008

Irmandiños: A revolta, o xogo de rol en vivo máis grande do mundo, abre este luns 18 o prazo de inscrición para participar na súa III edición, que ha ter lugar entre o 26 e o 28 de setembro no Castelo de Monterrei (Ourense).

Os xogadores divídense en dous bandos, Irmandiños e Malfeitores. Cada clase social ten unha idiosincrasia e aparencia determinada, á parte dunha serie de debilidades que ter en conta á hora de caracterizarse. Os participantes poderán elixir o bando por orde de reserva. Dende as 9h deste luns 18, os interesados en participar neste xogo poderán inscribirse até ocupar as 500 prazas dispoñíbeis na terceira edición.

O xogo, escrito e dirixido por 13negativo, está ambientado na segunda revolta Irmandiña do século XV, na que milleiros de homes e mulleres de toda clase e condición se alzaron en armas contra os señores feudais debido aos múltiples abusos que contra a poboación se estaban a cometer.

Irmandiños: A revolta
ven de ser recentemente recoñecido como o xogo de rol en vivo máis grande do mundo tras bater o record Guinness na pasada edición. Durante os tres días que dura a revolta, os participantes hanse meter na pel dun irmandiño ou dun soldado nobiliario, enfrontados nunha guerra que decidirá o destino do Reino de Galiza.

Os interesados en participar nesta terceira edición poderán reservar praza dende o luns dezaoito na Dirección Xeral de Xuventude (nos edificios centrais de San Caetano, en Santiago de Compostela); nos teléfonos 981 545 937, 981 545 702 e 981 444 869.

Toda a información en irmandinhos.com.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: