Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (25)

Houbo unha época na que as cousas eran diferentes para ela

Vina co seu meniño no colo, escoitei como me contaba que casara “por amor”. Durou pouco e axiña se converteu en posesividade e malleiras. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:30 19/08/2008
Tags:

A semana comeza cun poema
O día comeza cun poema fantástico de María do Cebreiro no correo. O poema titúlase Etiopía e é unha colaboración para o noso próximo libro de poetas etíopes e galegas. Os poemas etíopes levan comigo xa un tempo e nestes momentos temos xa a confirmación das poetas galegas tamén. Estas redes que se crean son tamén parte fundamental da eliminación da pobreza. Porque en Etiopía hai poesía, hai cultura (como non vai haber!), hai historia, hai mulleres que escriben e que necesitan ser oídas. Hai tantas cousas que a nosa pequena mentalidade neocolonial impide ver que as ideas para contrarrestar esa cegueira e xordeira permanente (polo menos a min) semellan non acabar nunca. As enerxías, tampouco. As dificultades, idem.

Este ano tiñamos intención de convidar ás catro poetas tamiles do noso libro Vanakkam-Benvidas que publicamos o ano pasado co apoio da Consellería de Cultura pero a Dirección Xeral de Cooperación Exterior decidiu que non debía de ser un proxecto o suficientemente interesante darlle a oportunidade a estas catro mulleres sen par de vir a Galicia (sería iso ou outra cousa...?) e denegounos a axuda para este proxecto na última convocatoria de proxectos de sensibilización (ademais dun proxecto de cooperación e outro de fortalecemento). Por suposto, as poetas han vir, máis tarde ou máis cedo, con maior ou menor dificultade. En Implicadas, por fortuna, estamos feitas de buxo incandescente. Hai cousas que queiman, si, pero temos as ideas demasiado claras como para que os caprichos, castigos e represalias de certas instancias políticas nos poidan chegar á cerna. Nós, ademais, non cambiamos de pel cada catro anos. E niso levamos moita vantaxe ás instancias políticas. Elas marchan, nós permanecemos. E iso si é poesía.

Dúas historias
Este ano as participantes do Vanakkam van ir escribindo as súas impresións no blog de implicadas así que teremos unha historia paralela, iso que tanto me gusta literariamente, o feito de poder contar as cousas dende varios puntos de vista diferentes. Porque o que acontece, claro, non varía, o que varía é a percepción de cada quen e sen dúbida neste caso a miña é moi diferente á das seis participantes do Vanakkam. Xa non só porque teña que encargarme de coordinar, traducir, levar e traer, co persoal de PDI senón pola miña posición xa diluída entre acó e aló.

Para min o familiar é para elas a novidade. Por iso cando entramos en Ramamoorthy Nagar eu vexo o suburbio antes de empezar o proxecto, vexo que había xente con lepra, analfabetismo, absentismo escolar e pobreza desa que sae na tele cando queren falar dela. Agora non vexo iso, malia a que Ramamoorthy Nagar é un suburbio que leva unha especie de disfraz estraño e pouco satisfactorio. O feito de que estea asentado nas terras do ferrocarril impide que a xente poida mellorar a súa casa. Co cal cómpre mirar dentro das casas aínda de tellado de palla para escoitar e ver o que fai a xente. Aí está o cambio. E tamén na rúa, claro. Agora hai luz e un cano de auga e as rúas están limpas. Tamén hai unha muller que ten un posto para vender peixe e fai bos cartos, e unha rapaza que puxo unha tenda, e nenas e nenos que estudan ata a secundaria e máis. A miña historia vese en retrospectiva, a delas só no presente.

Cara a atrás
Sei que a vida de Sangeetha empeorou. E tamén sei que escapa ao proxecto o que lle acontece, e que houbo unha época na que as cousas eran diferentes para ela. Lembro falar con ela sentada diante da súa casa, cando acababa de recibir o audífono e estaba na escola para persoas con xordeira, contenta de como ía todo. E contenta eu tamén. Pero xa o ano pasado vin que acontecera a catástrofe. Vina co seu meniño no colo, escoitei como me contaba que casara “por amor” que efectivamente durou pouco e axiña se converteu (estou farta deste proceso, aquí, alá, en todas partes) en posesividade e malleiras.

Desta vez ímola ver porque está en asesoramento para ver se adoptan medidas de planificación familiar, eu non conto nada dos seus demais problemas ás participantes no curso por unha cuestión de respecto á intimidade, pero Sangeetha mesma conta os seus problemas. De feito Gayalakshmi está intentando convencer ao home de que se opere (el) e de paso tratar outros temas, como o da violencia, que obviamente é máis importante. Cando as seis rapazas miran para un home que leva un mono polo suburbio eu quedo con Sangeetha e a súa irmá que me conta cousas que entendo alén das palabras. Como que o seu home está fóra seis meses e logo volve e cando marcha, cando a bioloxía así o decide, está embarazada de novo.

Pola súa cara entendo con carraxe que nin os embarazos nin o que a preceden son algo que Sangeetha desexe. Gardo dentro cada unha das súas palabras e os seus xestos para botalos enriba da mesa da oficina cando chego e planificar con Ambal que imos facer neste caso. O proxecto rematou pero as vidas das persoas non e tanto el coma min entendemos iso dunha forma instintiva que non nos deixa ver a alguén na situación de Sangeetha e abandonar.



Crónicas anteriores:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: