Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (26)

Na corda frouxa do xénero

Por un lado podes caer en ser unha barbi ou unha árbore de nadal e na outra caer no máis patriarcal e considerar que o que socialmente se asocia ao feminino é desprezable. Escribe María Reimóndez.

María Reimóndez - 09:45 20/08/2008
Tags:

Interpretar
As rapazas miran todo, preguntan, amosan sorpresa ante as casas, os negocios. Eu síntome sempre estraña e esgotada polo feito de ter que explicar a normalidade. Sempre no medio, sempre en terra de ningures, sempre sen ser totalmente de aquí nin de alá. Pero ao tempo coa visión privilexiada de quen realmente ten dous ollos e non só un. Chego á casa o primeiro día morta de cansazo, cunha xornada laboral enteira do meu traballo remunerado (interpretar dunha lingua ás veces inglés ás veces tamil ao galego e viceversa) co extra de explicar, explicar e explicar. Ambal entende o meu cansazo e respecta o meu silencio. É o único que preciso ao rematar o día.

E penso en cando regreso de Santiago (xa non digamos de Asturias, ou de Murcia, ou de Berlín!) a Vigo ao final dun par de xornadas de interpretación simultánea (ou dunha semana, dúas), despois de que o meu cerebro se vaia ralentizando a velocidade normal no tren/bus de volta, e a ledicia de estar soa na miña casa, en silencio, ás veces simplemente mirando para o aire, ás veces vendo unha película que non implique grande atención pola miña banda e a maior parte das veces simplemente indo para a cama sen dar explicacións de por que son as nove e media e xa estou durmindo. É un cansazo moi difícil de explicar pero que todas as intérpretes coñecemos perfectamente. Non en van facemos o segundo traballo máis estresante despois de controladora aérea. Co cansazo coñecido vou para a cama.

Moitas veces e todas diferentes
Cando entro nas súas casas, xa as coñezo. Sei a quen imos ver. Repito as preguntas das rapazas e Faridah contesta unha vez máis. Tamén as mulleres do grupo de aforro de Korodan Thoppu. É como ver unha película moitas veces, só que esta nunca se cansa unha de escoitala. Esta evoluciona. E cada vez que nos vemos, cada vez que contan o que pensan, o que queren, o que fixeron, por moito que eu xa o soubese, nunca farta a ledicia de entender a totalidade do que as súas palabras significan.

Máis cartos
Paduvai Nagar dálles ás participantes do Vanakkam este ano a primeira oportunidade de achegarse ao mercado e ao Mallakotai, o templo que preside Tiruchy e que iremos ver o sábado. É realmente fermoso, moi fermoso, alá no seu curuto dourado. Mais hoxe quedamos a ras de chan, a carón do grupo de mulleres de Paduvai Nagar (un dos máis de 10 que hai no suburbio), que nos proporcionan unha vista diferente pero tamén excepcional da unidade entre elas, da capacidade de xestionar os seus negocios, da cantidade de cartos que son capaces de manexar.

Hoxe precisamente debaten a posibilidade de que o banco lles dea 200.000 rupias en crédito. Xa recibiron anteriormente 50.000 e como as xestionaron de moi boa maneira o director do banco ofreceulles un crédito moito maior. Mais a presidenta e a tesoureira non toman decisións dese tipo sen convocar xuntanza. Así que nesas están cando chegamos e por suposto a resposta é que si, adiante cos cartos. Para poder ampliar os seus diversos negocios (venda de saris, flores...), para seguir crecendo xuntas.

Na corda frouxa do xénero
Mais a noticia do crédito non é o único grande evento da tarde. A nosa visita failles ilusión, tanta que nos dan doces feitos por unha delas, póñennos grilandas de xasmín no pelo feitas por outra compañeira, unha integrante máis do grupo faille a Natalia unha tatuaxe de henna na man mentres falamos, distribúen bindis...

Eu coñezo estes rituais, que a min xa non se me aplican, primeiro pola miña presencia normalizada nas vidas das mulleres e segundo pola miña aversión a certo tipo de cuestións (como todas aquelas relativas aos coidados de beleza femininos e ás atencións por estatus). Pero entendo o sentido e o afecto, a hospitalidade e o que teñen de vinculación entre as mulleres. Son cousas que sempre me deixan un pouco dividida entre o meu sentido espartano da vida e sobre todo o meu rexeitamento ancestral aos modelos de feminidade baseados no físico e na beleza (dende a miña infancia pasando pola adolescencia na que rexeitei as presións de “depila as pernas” “pon saias algunha vez que non se sabe que tes pernas” “maquíllate” “leva tacóns” expresadas en diferentes modalidades máis ou menos insultantes e que continúan ata a actualidade cando a xente me mira as pernas peludas no bus rindo e sinalando, todo moi bonito) e entender os vínculos que se buscan con eses comportamentos.

É como ir andando por unha corda frouxa na que por un lado podes caer en ser unha barbi ou unha árbore de nadal e na outra caer no máis patriarcal e considerar que o que socialmente se asocia ao feminino é desprezable. Se cadra o equilibrio está en aproveitar o mellor de cada compartimento e crear un no que se rompan as fronteiras, novamente nunha posición intermedia. Rexeitando a violencia do masculino patriarcal e a señorita pepis do feminino patriarcal e recollendo os valores positivos dos dous lados (a forza e o coidado, a independencia e o colectivo, o público e o privado).



Crónicas anteriores:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: