Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (29)

Dá xeito ver ás nenas falar

Nas súas palabras a esperanza da participación tamén cando sexan adultas, aproveitando como todas facemos, o camiño das que loitaron antes ca nós. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 12:40 23/08/2008
Tags:

O camiño das que loitaron antes
As rapazas do Vanakkam sentan debaixo do alpendre de Mahalakshmipuram e escoitan con interese o que as mulleres lles contan. Tamén o que contan as dúas nenas que forman parte do consello comunitario, orgullosas de contribuír ao desenvolvemento do seu entorno, importantes a pesar da súa idade.

Aínda que a participación de nenas e nenos nos consellos non acontece en todos eles, a súa presenza axuda a que se respecten as opinións sen ter en conta xerarquías de idade e a considerar como afectan as cousas a todos os grupos. Alén disto, dá xeito ver ás nenas falar, nas súas palabras a esperanza da participación tamén cando sexan adultas, aproveitando como todas facemos, o camiño das que loitaron antes ca nós.

Compras
Cando chego á casa o sábado pola noite, tarde, ás dez, levo enriba unha xuntanza co consello comunitario, unha subida ao Mallakotai, o templo da rocha que preside Tiruchy e que estaba a rebordar de xente, un percorrido de tendas para o que me estiven mentalizando toda a semana. Hai cousas que está claro que non son para min. Pero dentro do malo debo admitir que as compras foron menos caóticas do que pensaba, seguramente porque ás rapazas do Vanakkam deste ano mercar lles gusta tanto coma a min e avanzaron con dilixencia polos mandados, encargas e recordos. Malia a todo, mercar aquí é tamén unha experiencia cultural, imaxino. Coa atención de poñerche unha cadeira para que mires con calma, darche un té ou un refresco mentres pasas as mans por medio cento de saris e coa sobredose de cor e de xente que invade as tendas.

Ecuador
Madurai marca o ecuador da visita do grupo do Vanakkam. Eu síntome cansa, Ambal (que dende que rompeu unha perna o ano pasado atopa difícil camiñar moito) e mais eu sentamos por aquí e por alá coma dous refugallos falando disto e do outro, atopando no templo un lugar para o diálogo, que a nós válenos calquera sitio, mentres as rapazas van e veñen, observando os diferentes patios, os deuses e deusas, as esculturas. Ao saír do templo de Madurai penso que nunha semana estarei de volta do outro lado, neste pendular constante, e a dicir verdade os lados impórtanme pouco sempre e cando poida descansar un chisco.

Tamén cansa
Cando estou aquí, neste lado das crónicas, son moitas cousas as que pasan do outro lado tamén. Cousas que non entran nas liñas pero que quedan en min. Moitas treboadas que chegan de diversos lados ata provocar os seus tifóns. Cousas que me afectan de xeito invisible. Como a ruptura da miña amiga. A ruptura consigo mesma e se cadra comigo, quen sabe, nesta distancia na que nado sen a súa compaña, sen saber en que proceso nin en que augas se atopa, calando as ausencias que non fan ruído, que son como o golpe xordo dun puño no fígado. Non se oe, pero dobra o noso corpo. Non se oe, pero tamén cansa.

Resistir
O grupo de mocidade de Panju Kidangu sempre amosa o seu entusiasmo ante as visitas. Reunímonos mentres as nenas e os nenos das clases de apoio xa sacan os seus cadernos e observan con curiosidade a nosa presenza ata que lles toca o protagonismo. As rapazas e rapaces seguen preocupados polas limitacións sociais que se lles impoñen ás mozas, seguen traballando cada mes limpando o suburbio e buscando formas de que a súa voz se escoite por enriba da idade. É complicado, pero resisten, e resistir non deixa de ser o máis importante.

A normalidade altérase
Despois da visita a Panju Kidangu achegámonos ata á casa, Manimekalai e Ambal convidaron ás rapazas cear e comparto a terraza con elas mentres se vai facendo de noite. A súa presenza atrae a atención dalgúns nenos que berran dende outras casas para conseguir un saúdo. A mesquita atrona a conversa de cando en vez. A veciña, como non, vén cheirar e intenta establecer conversa inutilmente, ningunha delas fala inglés suficiente (ademais de que non saben quen é nin por que lles fala e eu, con certa maldade pola miña banda, fago coma quen que non me decato dos seus intentos de osmar nas vidas alleas). Pídolle a Kavin que lles ensine a xogar ao palankuli, un xogo infantil tradicional, e axiña hai montada unha timba. Á hora de cear hai que meter os sofás da sala no meu cuarto, se non non cabemos. A miña normalidade altérase cos seus detalles divertidos, é o que ten compartir.



Crónicas anteriores:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: