Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (32)

Música “india”?

É hora de abrir máis os ollos e os oídos e pechar os libros das mil e unha noites. Achegámoslles a derradeira crónica que María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento, escribiu este verán desde a India.

María Reimóndez - 09:30 26/08/2008
Tags:

Cara á despedida
É xa noite e o bus avanza na noite. Ambal pon música que sabe que me gusta especialmente, música animada e cantamos para ver se a música nos pon dun humor menos de despedida. Sei que vou botar en falta estes momentos de amizade con Ambal, de rir das nosas cousas, dos alcumes que ten o costume de poñer (igual ca min, somos dous pés para un banco) a canto bicho vivente pasa pola oficina, a metade das veces case falamos nunha linguaxe en clave.

Botarei en falta as gargalladas e tamén as conversas serias, o poder resolver as cousas no instante, poder contarlle ou preguntarlle no momento o que me preocupa, a súa capacidade para a escoita. Pero por outra parte síntome sempre inmensamente afortunada por ter atopado a persoas que, como Ambal, están sempre aí, persoas que me fan crecer e ser mellor, persoas que me fan non perder nunca a esperanza no mundo porque me amosan o que realmente significa chamarse ser humano.

Música “india”?
Unha das miñas cancións favoritas pertence á película Alakiya Tamil (película que non vin) e é unha nova versión dunha canción dos anos cincuenta. Faime graza que unha das participantes do Vanakkam comente que non é “música india”. Este comentario daríame para unha enorme disertación sobre o orientalismo, o nacionalismo e a neocolonización occidental na que prefiro non entrar nese momento. Non deixa de sorprenderme que a todo o mundo lle pase desapercibido o impositivo deste tipo de comentarios e o que significan de expectativas que pesan coma lousas.

Porque digo eu, que é entón música india? Ravi Shankar e un sitar, claro. Iso é o que se agarda en occidente. Eu escoito música que sei que é tamil, primeiramente polo idioma (de aí a importancia deste na definición nacional, o idioma é un criterio que neste caso non me deixa lugar a dúbidas, e que ademais é un criterio aberto porque calquera persoa pode aprender outro idioma, non así nacer cunha certa cor de pel ou nun lugar concreto, como definen a identidade nacional por outros lares, pero disto falarei en breve nun encontro organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en Mariñán).

Tamén sei que escoito música tamil porque pertence a unha película, porque é música moderna baseada na tradición propia, porque (e para min esta é unha das cousas máis “indias” que hai) é capaz de apropiarse dos sons doutras culturas (neste caso partes de rap pero todo o que toca os oídos de quen fai a música contemporánea entra na música tamil, dende a salsa pasando polo rock and roll, a música africana e aínda non descubriron as muiñeiras que se non...) ao seu ritmo e gusto particular. O problema é (hai que ler máis a Edward Said, está claro) que en occidente creamos a nosa imaxe da India que nos fai ver aquelo que nós creamos (coma o curri, as bonequiñas fermosas de trapo) e non cousas que son moito máis típicas (se entendemos típico como o habitual), véxanse as cousas de plástico (bonecas que para o noso gusto occidental entrarían directamente na categoría das películas de Chuky), os chales marróns insulsos que son un agasallo de moito prestixio, as papeleiras de plástico con forma de pingüín ou todos os demais elementos kitsch que non nos entran no estereotipo que levamos séculos conformando e impoñendo.

É hora de abrir máis os ollos e os oídos e pechar os libros das mil e unha noites (que nunca entendín por que se asociaron coa India, dado que pertence á tradición de oriente medio) e non acudir á India do Corte Inglés.

Vou, veño, permanezo
O aeroporto de Chennai non descansa nunca. Ambal ten mañá un acto ás nove da mañá e vai viaxar toda a noite así que non queremos atrasar a súa saída. Dámonos a man, verémonos dentro dun ano en Etiopía, onde ten que asistirnos como consultor. Semella moito tempo. Doulle tamén a man a Sahajaraj, recordándolle que tome as súas propias decisións (o tema do seu matrimonio ocupou bastante tempo de humor... pediulle á súa irmá que lle buscase unha moza porque el é tan tímido que non sabe como se fan esas cousas. Con Ambal, Bobby e mais eu ao lado ao pobre non lle demos respiro).

Fáltame o abrazo de Bobby que nos deixou en Karaikal porque tiña que regresar a Tiruchy organizar o acto do domingo. Sigo os meus pasos pola porta de entrada do aeroporto, unha e outra vez o percorrido, o ir e vir.

Sempre con cousas novas dentro, con cousas que non van nin veñen, cousas que permanecen comigo para sempre.

Espero que tamén convosco que estivestes do outro lado.



Crónicas anteriores:


1,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: