Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política

"O conflito proba que a Moscova lle interesaba a secesión cosovar"

Experto internacional na transición política da Europa do Leste, analiza en Vieiros os últimos acontecementos no conflito do Cáucaso.

Fernando Arrizado - 11:25 26/08/2008
Carlos Taibo

Carlos Taibo

O parlamento ruso aprobou este luns, ante a presenza dos presidentes das autoproclamadas repúblicas de Osetia do Sur e Abkhazia, unha moción pola que se insta á Presidencia de Rusia a recoñecer a independencia destas dúas rexións xeorxianas. A resposta estadounidense non se fixo esperar: a Casa Branca considérao "inaceptábel".

Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid e experto internacional na transformación política e social da Europa do Leste nas últimas dúas décadas, analiza en Vieiros esta decisión así como as circunstancias que provocan a erupción dun conflito adormecido, o do Cáucaso.

Vieiros
: Que valoración fai da postura de Rusia ao respecto da independencia de Abkhazia e de Osetia do Sur?

Carlos Taibo
: A posición de Rusia ten dúas fasquías diferentes: a primeira é que, se as potencias occidentais recoñeceron a independencia de Cosova, por que Rusia non vai facer o mesmo con Abkhazia e Osetia do Sur. A segunda é que, se Rusia defendía daquelas a unidade territorial, por que apoia agora o proceso de independencia.

Algo similar ao que acontece no caso de Chechenia, ...

Explícase cos mesmos argumentos. É a dobre moral. Rusia apoia unha decisión, a da independencia de Abkhazia e Osetia do Sur, en base a que a quere unha maioría da poboación destes territorios, algo que coido tamén sucede en Chechenia.

Este luns, o presidente Medvedev advertía en Moldavia -que, ao igual que Xeorxia conta cunha rexión separatista: Transdniestria- do "erro xeorxiano" de usar a forza para retomar o control sobre un territorio arredado...

A situación é similar as expostas antes, coa diferenza de que Transdniestria está separada de Rusia por Ucraína polo que a resposta sería diferente. Mais, Putin en xaneiro de 2007 xa dixera literalmente que se as potencias occidentais recoñecían Cosova, Rusia habería de mover peza.

Dende hai un tempo veño defendendo que conflitos como este proban que a Moscova lle interesaba a independencia cosovar. Rusia podería ter razóns de tipo emocional para apoiar a Serbia, pero Cosova quédalle moi lonxe; a súa estratexia na confrontación con Estados Unidos non pasa por alí, e a independencia de Cosova sérvelle agora como escusa para desenvolvela.

Por que Xeorxia decide, finalmente, atacar Osetia do Sur? E por que Rusia responde militarmente?

Que interese pode haber nun territorio de catro mil quilómetros cadrados? Pois que é unha zona de influencia de EUA. Xeorxia, que é un sucedáneo da política estadounidense, realiza a acción militar co seu beneplácito. Por que lle dan o visto bo? Hai dúas posibilidades: a primeira, porque pensen que Rusia non vai responder; e segunda -e a máis lóxica-, porque saben que vai responder e que os dirixentes rusos non son mesurados nas súas respostas, o que deixa a Rusia nun papel noxento diante da comunidade internacional. Unha resposta que por unha banda é de lexítima defensa e, por outra, ten que ver cunha lóxica imperial.

Vostede defende, con reservas, que detrás deste conflito hai claros intereses electoralistas de cara aos comicios presidenciais en EUA...

Evidentemente non teño datos sólidos, pero as cousas van encaixando. O discurso duro e provocador dos últimos días por parte de EUA confírmao. Ao Partido Republicano interésalle crear unha situación de confrontación con Rusia, que respondeu con severidade excesiva, porque é o mellor escenario electoral. As acedas declaracións de Obama rexeitando o ataque ruso van neste senso.

Buques de guerra da OTAN, entre outros un destrutor estadounidense, están a chegar estes días a Xeorxia nunha misión de axuda humanitaria. Este tipo de movementos recordan en parte aos que se producían durante a Guerra Fría, non cre?

Sempre que me fixeron esta pregunta desbotei esa metáfora, aínda que cada vez o hai que pensar mellor. Desbótoa porque hai que lembrar que na actualidade EUA e Rusia defenden o mesmo sistema capitalista de corte liberal. Antes non, independentemente dos adxectivos que se lle poden poñer a cada un deles.

Agora hai unha especie de entente cordiale, e o que existe é unha confrontación de corte imperial, que está moi lonxe de alcanzar os niveis da Guerra Fría. Por outra banda, hai que ter en conta que as forzas están moi descompensadas. Non esquezamos que o orzamento militar de Rusia é inferior ao de Reino Unido, Francia e Alemaña, todas potencias occidentais.


4,67/5 (12 votos)

Comentarios (13)

piorno #1 26/Agosto/2008 piorno
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Interessante a visom do conflito em chave doméstica norte-americana. Mas nom esqueçamos um outro assunto, o do famoso escudo antimísseis na Polónia, que enfrentava umha forte oposiçom popular nesse país. Finalmente, já com o pretexto do conflito no Cáucaso, foi assinado em Varsóvia no passado dia 14 de agosto um acordo para dar luz verde a essa importante instalaçom militar.

outromais #2 26/Agosto/2008 outromais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo con piorno, isto veulle de medo os USA: cos paises do leste asustados pola resposta rusa, botanse nos seus brazos e fan o que eles queiran.
O do pau e a cenoria, pero o pan ponheo outros e a cenoria a pagas ti. Non che hai coma ser unha superpotencia.

outromais #3 26/Agosto/2008 outromais
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

perdon, pau e non pan. É que so penso en comer.

Clausewitz #4 26/Agosto/2008 Clausewitz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Rusia recoñeceu hoxe a independencia de Osetia do Sur e Abkhazia e pide a outros estados que fagan os mesmo.

Clausewitz #5 26/Agosto/2008 Clausewitz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O presidente ruso, Medvédev, argumentou así a súa decisión: ambas rexións terían despois dos ataques rusos dereito a decidir o seu futuro por si mesmas. Da mesma maneira, as poboacións de Osetia do Sur e Abkhazia deben ser protexidas de futuras agresións por parte de Xeorxia. Medvédev fundamentou a súa decisión por ser a única posibilidade de protexer a vida dos habitantes.

Sara_Mago #6 26/Agosto/2008 Sara_Mago
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

acho que Piorno deu no cravo

rinlo #7 26/Agosto/2008 rinlo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esses 4000 metros quadrados da Geórgia vêm sendo oito ferrados. Frio nom devem passar, os georgianos.

xoca #8 26/Agosto/2008 xoca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A superficie de Georgia son: 69.700 km2 menos a superfice de Osetia do Sur e Abkhazia que non creo que sexan entre as duas 65.700 km2. Tamén puidera ser que os ferrados por este lares foran de algo mas de 1/2 Ha.
Pero non sei se os rusos e os USA non estarán compinchados contra a UE. Mentres Chavez, Morales e algún outro pode respirar un chisco.
O da política internacional é para mentes moito lucidas. Se houbese unha prensa non domesticada algo poderia mudar, mais asi todo estará ben revolto.

semprecelta #9 26/Agosto/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É a de Osetia do Sur a superficie que é de 4.000 quilómetros cadrados, non a de Xeorxia. Excelente análise do profesor Taibo. Orgullo de ser galego!

semprecelta #10 26/Agosto/2008 semprecelta
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ao final o máis coherente do mundo foi Goberno español: nin Kosova nin Osetia do Sur nin Abkhazia (nin Galeuscat, claro).

DanielErreCe #11 26/Agosto/2008 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo moito coa opinión de Xoca sobre a os movementos ruso-iankees para manter a UE no redil, por se xa non o estaba, que achante e siga coa dinámica de que cada un dos Estados europeos empurre dos seus intereses evitando que caian na tentación de iren tomando decisións conxuntas na xeopolítica. A USA interésalle e a Rusia tamén. O contrapunto podería ser (moi inxenuo pola miña parte) que as elites europeas vaian tomando conciencia do poder xeopolítico que acadaría a Unión se o núcleo duro actuase coordenadamente (algo que, por outra banda, é case imposíbel).

outrolector #12 27/Agosto/2008 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O "nucleo duro" da UE debera de actuar coordenadamente non para sacar peitiño diante das outras potencias, senon para acadar a soberanía enerxética, alimentaria e tecnolóxica, especialmente dependente dos EUA. E evitar perder de todo os seus valores de neutralidade e humanísticos. Parabens e grazas polo artigo do Prof. Taibo.

ulo #13 27/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O do "nucleo duro da UE" e dos "seus valores de neutralidade...." , quen crea que a UE é neutral e "humanística", é que ou é un inxenuo ou descoñece a historia de Europa.
Europa é a responbles de dúas guerras mundiais, duas carnicerias.... Europa é a responsable do xenocidio polos seus valores de millons de seres humanos en AL....
E a UE actual ten os seus exercitos repartidos polo mundo: os franceses e belgas facendo a guerra en Centroafrica polo control do coltan -unha guerra que provocou varios xenocidios, tutsis contra hutus, e hutus contra tutsis, por citar o máis coñecido-. A UE actual, e a súa moeda o Euro, é parte do saqueo das riquezas do mundo. A súas multinacionais estan acusadas de violar os dereitos humanos (Repsol YPF é unha delas).
Os valores humanisticos dos Berlusconis, Merkel, Sarkozy, Zapatero, Durao Barroso, etc. etc., teñen os mesmos limites que os valores humanisticos dos USA cando apoiaron aos independentistas cubanos e filipinos contra o imperio español... os intereses das súas multinacionais.
A alternativa non é unha UE tan imperialista como os ianquis, senon outra unidade europea, democratica, ao servizo da poboacion e solidaria co resto do mundo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os líderes de Abkhazia (dereita) e Osetia do Sur aplauden a decisión dos deputados rusos
Os líderes de Abkhazia (dereita) e Osetia do Sur aplauden a decisión dos deputados rusos
Celebración da decisión do Parlamento ruso nas rúas de Tsjinvali (Osetia do Sur)
Celebración da decisión do Parlamento ruso nas rúas de Tsjinvali (Osetia do Sur)