Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTONIO DEVESA, PLATAFORMA VECIÑAL DE MEREXO

"Agora será cando comece realmente a loita contra as piscifactorías"

Os veciños de Muxía afectados pola aprobación do plano acuícola advirten que acudirán aos xulgados para impedir a usurpación de 270.000 metros cadrados da súa costa.

Redacción - 12:00 29/08/2008

"Ningún dos conselleiros da Xunta coñece a realidade de Merexo nin se achegou a esta costa para comprobar a desfeita que veñen de aprobar". Así de contundente se amosa Antonio Devesa, o voceiro da plataforma veciñal desta zona de Muxía, que xa adianta que será agora cando comecen os atrancos para a ampliación da actual piscifactoría. O proxecto que a Xunta vén de aprobar para esta zona contempla unha extensión de 270.000 metros cadrados, que serán explotados pola empresa norueguesa Stolt Sea Farm.

Segundo explica este colectivo, entre o proxecto defendido polo anterior goberno popular para Merexo e o que se vén de aprobar non hai diferenzas, e mesmo as fotografías que acompañan a documentación son as mesmas. De aí a impotencia que sente a veciñanza, que despois das súas reiteradas protestas, xuntanzas e manifestacións non viron cambios de actitude por parte do goberno. O seguinte paso agora para a administración é a aprobación dos plans sectoriais de cada un dos 24 parques de acuicultura que comprende o novo plan. Comeza entón, di Antonio Devesa, unha loita máis individualizada, se ben os diferentes colectivos implicados (Oia, Corrubedo, Seráns, Quilmas, Arou, Camelle e Xove) seguirán a manter os seus contactos.

Vía xudicial
"A vía do diálogo non obtivo froitos, é agora tempo de ir aos xulgados". Con anterioridade, este colectivo xa interpuxera unha denuncia e un recurso pola vía do contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que fora admitida a trámite. Sen embargo, a contestación do alto tribunal foi que ata o momento non había delito que xulgar, mentres non se aprobase o plano acuícola. Os veciños comprenden que a parte boa da aprobación do proxecto, é que agora xa se pode actuar legalmente contra el. Neste sentido, os diferentes colectivos xa anunciaron que presentarán en breve unha denuncia ante a Fiscalía especial de medio ambiente do TSXG para que investigue a situación das 26 piscifactorías que xa operan no litoral. Segundo explican, estas plantas carecen do preceptivo permiso de verquido, xa que só contan cunha autorización provisional que, nalgúns casos fora concedida hai 18 anos. Neste sentido, o colectivo ecoloxista Adega tamén anunciou que tratarán de demorar a aprobación dos proxectos de explotación que agora deben de presentar as empresas concesionarias, co obxectivo de que as multinacionais perdan o interese en implantarse en Galiza.

Ademais, os veciños tampouco descartan acudir ante instancias xudiciais europeas, ante a afección que a ampliación do parque de acuicultura terá sobre a costa. En Merexo presentaron un proxecto alternativo á ampliación da granxa de rodaballo consistente na produción de cebola ecolóxica, unha iniciativa que xeraría uns 50 postos de traballo directos, e que xa ocupa a seis persoas na vila. "A administración terá entón que explicar porque dá prioridade á expropiación destes terreos para entregarllos a unha multinacional que degradará a paisaxe no canto de apostar por un proxecto sustentábel e respectuoso co medio ambiente", din os veciños.


Ligazóns

4,71/5 (7 votos)

Comentarios (16)

ulo #1 29/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Desgraciadamente non, compañeiro. Unha vez que o Consello da Xunta aprobou o plan, iste xa é un feito.... o máis que se poderá facer é correxir, nos xulgados ou cos recursos, alguns dos seus piores aspectos.
Agora o que ven son as negociacions.... a loita contra o plan, rematou.
E unha pregunta... Que faran os do BNG das zonas afectadas, porque o plan foi aprobado polo Consello da Xunta, é dicer, polo PSdG e o BNG. Que non veña iste desmarcandose do Plano... porque tanto é de un como de outro.
E, senon, que dimita da Xunta... Veriamos se o PSdG só poderia sacalo adiante.

Tino #2 29/Agosto/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver ulo: é facil.
O Consello da Xunta é un órgano colexiado, q toma as decisións por maioria: por desgraza o BNG non é o "grupo,, maioritario no Consello e o Psoe impúxose.

Por certo, q fixeches ti para impedir q o Psoe teña esa mairia tanto na Xunta coma no Consello?

ulo #3 29/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois ir á manifestacion Galiza Non Se Vende.... Por exemplo.
E non apoiar estar nun Consello no que todos son corresponsabéis, ou ten razon Feijoo cando din que na Galiza ha dous gobernos?
Xa esta ben de esconderse tras... somos minoria. Ben se se é minoria, e se fai unha politica de dereitas, é de sentido comun que ti es de dereitas.
Doe, pero é a realidade.

ulo #4 29/Agosto/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E qué fixo o BNG? Porque o Consello aprobouno

borneira #5 29/Agosto/2008 borneira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O momento de entrada en vigor é o momento de presentación de un contencioso administrativo. Hai razóns dabondo para botar abaixo este plan feito a medida das multinacionais do sector pero incongruente coas leis en vigor, coa de Costas sen ir máis lonxe

ecoe #6 29/Agosto/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E ó millor queren TAMÉN o voto das persoas preocupadas por estes asuntos. Van dados!

Tarelo #7 30/Agosto/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Home Tino, non mo tomes a mal pero menuda pregunta!. Que pode facer un/ha humilde cidadá coma ulo para evitar que o PSOE teña maioría na Xunta?. Tamén é que lle pides moito a ulo e o mellor nada a unha organización coma o BNG, que ten moitísimos máis medios, deputados, etc Eso é como pedirlle responsabilidades pola crise a un pobre a porta dunha igrexa, "a ver ti, o da lata de sardiñas ¿que fixeches ti para que non subira o prezo do cru?" Preguntalle a Solbes, ¿non?, ou a Rato, ou a Bush, ou a Putin, ou o G7 . . .

Tarelo #8 30/Agosto/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Agora xa entendo para que deixan os 500 metros de litoral os do PSOE. Hai que aproveitalo todo!

sozinho #9 30/Agosto/2008 sozinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para #2 e #3: Se cada contrariedade política nos leva a cambiar de voto, acabaremos votando ao máis minoritario, ao que nunca fixo nada bo nin nada malo.
Con respecto ao tema, é unha vergoña o que fai esta consellería de Pesca, pero inda con todo, a vergoña do PP era un chisco maior. O votante do PSdG vai seguir aprezando iso, porque os senvergoñas de hoxe alimentan aos acomodaticios de mañá.

sozinho #10 30/Agosto/2008 sozinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por certo, o do 1% da Rede Natura é mentira, pois moitas pisan o límite da Rede Natura, pasándolle un tubo por baixo e vertendo directamente en augas que son de Rede Natura, pero claro, os vertidos non contan, só o cemento. Penso que se é necesario mellorar moito máis para vender unha boa xestión, conselleira.

UnDeTantos #11 30/Agosto/2008 UnDeTantos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Arrecona,hai cada pesado nesta web...peor co jaivotas...

ulo #12 1/Setembro/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"o presidente e o vicepresidente dun mesmo goberno non teñen que por unha data para unha xuntanza; mantéñenas a cotío, e eu estou sempre a súa disposición".
Quintana apelou ao segredo do Consello da Xunta para evitar falar do rexitamento do seu partido ao Plano Acuícola
Anxo Quitana á Ser.

mceleiro #13 1/Setembro/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pobrinho BNG! Que pode fazer...? É minoria...! Se lhe votaramos mais...!

A política ambiental da Conselharia de Indústria também será culpa do PSOE.

Caralho, pois se todo é culpa do PSOE, que fazéis com eles? Talvez é melhor uma boa oposição que um mau governo. Mas é tão agradável o carrinho oficial...!!!

Hermerico #14 1/Setembro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Como ser a favor do plano acuícola sem que se note. Esse é o problema do BNG. As plataformas mais adictas à sua filial ecologista pode que tenham prémio... ou nom.
Qué? vistes o anúncio da conselharia de pesca a umha página na imprensa facha fazendo apologia do plano acuícola? a mesma malversaçom que os que fixeram os fachas (os outros fachas)quando ZP lhe mudou o nome ao plano Galicia de mierda.

Tino #15 3/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois nada, votemos a partiduchos q nunca foron nada e nunca o serán, e mentres, o PP e PPsoe arramplando, o resto manifestándonos e protestando por detrás.
O q fai falta é precisamente q sexa o BNG quen teña maiorias na Xunta, Consello e resto de institucións: o Psoe alióuse co PP para renovar os consellos de administración das Caixas galegas, tamén no caso da Fegamp.
Onde hai capitán non manda mariñeiro, e no caso do BNG non lle keda mais ca apandar e tragar con cousas das q estou seguro non está de acordo. Senón con q persoas se enchen as manis? Só cos do Nós-Up&Down e Frente popular galega?

Hermerico #16 3/Setembro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O BNG também foi um partiducho sem representaçom. E nom foi fazendo esta política que obteve apoio e um capital político que está a desbaldir rapidamente. Claro , que chagado ao governo já tem o seu próprio sistema clientelar e já funciona como os outros. E isso de que o fai a contra vontade é algo bem defícil de acreditar. Predicar a resignaçom , o imobilismo e a confiança no futuro é paralizante e involucionista

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete