Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Apoio dos hostaleiros do país

Toñi Vicente, en liberdade con cargos polo caso das vieiras con toxina ASP

A cociñeira, que vai reabrir o seu local este mesmo luns, rexenta un dos poucos restaurantes do país que contan cunha estrela da Guía Michelín.

Redacción - 18:30 08/09/2008

A restauradora Toñi Vicente, imputada na suposta trama de compravenda de vieiras con toxina ASP, quedou en liberdade sen fianza logo de prestar declaración este luns pola mañá no Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol.

A restauradora, que entrou ás 11.10 horas acompañada dos seus avogados e saíu arredor das 14.30 horas, compareceu no marco do proceso que investiga unha suposta trama de comercialización de vieira con toxina 'amnésica'. Cando menos, e polo momento hai, dez persoas imputadas.

Toñi Vicente asegurou estar moi afectada pola situación, e afirmou que confía en que o asunto non lle afecte á reputación do seu restaurante, situado en Compostela e que é un dos poucos do país que conta cunha estrela da prestixiosa Guía Michelín.

"Creo que disto vou saír reforzada e creo que a miña reputación está por riba deste malentendido", afirmou a cociñeira, que ten previsto reabrir o seu local este mesmo luns. O seu avogado asegurou que "o papel" da restauradora na trama é "totalmente circunstancial", "sen que teña nada que ver na trama crucial", e agradeceu o tratamento dos medios.

Na suposta trama están imputadas polo menos outras nove persoas: o representante da empresa de distribución de alimentos, seis mariscadores de Ferrolterra e outros dous hostaleiros que, segundo fontes da investigación, están á fronte de dous coñecidos restaurantes, un en Poio e outro en Sanxenxo.

Apoio dos hostaleiros

Toñi Vicente está a recibir o apoio de moitos compañeiros de profesión. O Grupo Nove, integrado por dezaseis novos restauradores do país -entre outros, Marcelo Tejedor, Pepe Vieira e Pepe Solla-, condenou a "utilización mediática" que, ao seu xuízo, se fixo da que cualificaron "grande dama da cociña galega".

O grupo de restaurantes Xantares, ao que pertencen entre outros Chef Rivera, Manicha Bermúdez, Tito Nixon e a propia Toñi Vicente, condenou a actitude dalgúns medios de comunicación. "Dun delincuente común facilítanse en principio as siglas; de Toñi -a abandeirada da cociña galega de maior prestixio- escribíronse nome e apelidos", afirmaron, e destacaron a profesionalidade da imputada.

Ademais, o cociñeiro catalán Ferrán Adriá e mais o vasco Juan Mari Arzak, mostraron o seu interese "solidario" polo caso de Toñi Vicente a través de Euro-Toques, entidade á que pertence. E tamén a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca salientou a "ampla" traxectoria profesional e "recoñecido prestixio" da restauradora.


3/5 (2 votos)


Comentarios (12)

micsha #1 8/Setembro/2008 micsha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esperemos que sea cierto que se trate de un malentendido lo de Toñi Vicente. Ahora bien: esperemos que ese negocio con los bichos contaminados se termine de una vez.

zudre #2 8/Setembro/2008 zudre
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É o único Restaurante con estrela MIchelín? Seguro? Penso que alomenos a Casa Marcelo da rúa das Hortas tamén...

xorna #3 8/Setembro/2008 xorna
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Si, Marcelo Tejedor tamén ten unha Estrela Michelín, e Yayo Daporta (Cambados) e O retiro da costiña (Santa Comba); Casa Pardo e Playa Club, en A Coruña; Casa Solla e A Taberna de Rotilio, en Pontevedra, e A Rexidora, en Ourense.

Donicela #4 8/Setembro/2008 Donicela
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Existiría marisqueo e pesca furtivos se non houbera restaurantes que a compran? Creo que non, ou polo menos os furtivos non terían tanta facilidade para colocar o seu produto no mercado... Moito corporativismo hosteleiro e pouca solidariedade coa xente do mundo do mar que respecta as vedas.

borneira #5 8/Setembro/2008 borneira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O máis extendido é pensar que tirando o hepatopáncreas, a vieira xa non é nociva. Si o é, tal como aparece hoxe en prensa, a consellería tiña que publicitalo suficientemente cos informes técnicos correspondentes.
Tamén é pensamento popular que as vieiras están en veda continuada debido aos intereses dos importadores de vieira foranea. Iste pensamento xa é máis dificil de trocar sobre todo coas continuadas actuacións da consellería a favor das grandes empresas..

Barcelos #6 8/Setembro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A esta tía xa lle foderon o negocio, porque hai que ser moi amigo dela para ir ou volver por alí.

Por un mal entendido non adoita haber liberdade con cargos.

No que case ten razón é que dun delincuente común facilítanse só as siglas. Será porque ela non é unha delincuente común. De Antonio Puerta, o toxicómano que maltratou e case matou a Jesús Neira, tamén coñecemos o seu nome.

Xeonllo #7 8/Setembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Só unha cousa, de momento:

Permitídeme unha corrección. "Interese" coido que é masculino.

Ademais, o cociñeiro catalán Ferrán Adriá e mais o vasco Juan Mari Arzak, mostraron a súa interese "solidaria"

Por tanto, O SEU INTERESE "SOLIDARIO".

En canto a esa noxenta falta de escrúpulos dos que comercian con alimentos en estado tóxico por cobiza para lucrárense a costa da saúde dos demais, resúltame difícil de calificar e merece un castigo exemplar.

É un feito da mesma caste, tal vez máis grave aínda, que os constantes verquidos de merda química e contaminante nos ríos que fan moitas empresas e que permiten os poderes públicos ou as leis que decretan unhas multas ridículas das que se rin eses empresarios.

Son os intereses das contas correntes de particulares fronte os da saúde de todos nós.

Troita_de_pe #8 9/Setembro/2008 Troita_de_pe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esa tipa xa perdera o seu prestixio cando saía na tv loubando o peixe de piscifactoría nos últimos anos da era Fraga. E que ninguén o lembra? Quedara claro a súa preocupación pola calidade dos productos.

krauzer #9 9/Setembro/2008 krauzer
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai unha memoria da fame nas raiceiras do noso inconsciente. Lembro cando os traballadores da Bazán apañaban as robalizas instaladas ao abeiro dos barcos, papábanas mesmo con sabor a piche. O caso era apañalas de balde e facer compango. A sociedade furtiva existe en todo o mundo.Nalgures é unha variante de lecer para o desocupado, chámese desempregado, sobrevivinte ou veraneante asalariado. Daría para unha reportaxe psicoanalítica pescudar o comportamento furtivo daqueles que veranean na nosa costa, armados de trueiros, salabardos e outros aparellos de cacha.Na Galiza foi sempre una faceta vital bàsica cando non había críticos que apuntaran os problemas sociais e sanitarios.Daquela era o furtivismo unha forma de comunitarismo que tiraba a fame con sacas de berberechos. O furtivismo organizado cando colleita titulares xornalísticos ven ser un novo cenario para as novas roupas do emperador.Quen usa e abusa das vieiras ? Eche como as drogas.A ver, quen foi o último en ir xantar cociña de vangarda?

BonKarallan #10 9/Setembro/2008 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A cociñeira, que vai reabrir o seu local este mesmo luns... invitará a vieiras gratis a todos os que se atrevan.

Galiza Kalidade

Barcelos #11 9/Setembro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bonka, faltache o mellor.

"O viño, o papel hixiénico e mais os gastos de traslado ao Hospital, corren por conta do cliente".

salvora #12 10/Setembro/2008 salvora
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"Eu só como dúas vieiras ao ano se toca voda" (comentario de rúa que podemos subscribir o 80% da poboación).
Onde eu vivo, o das vieiras só constitúe tema de debate entre os "señoritos de casino" (remito ao artigo de opinión de Xabier Docampo)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: