Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
alíanse para velar polos seus intereses

Nace o primeiro 'lobby' de concellos na Galiza Central

Lalín, Melide, Monforte e O Carballiño xa traballan "con pé firme e ao xeitiño", segundo Crespo, alcalde do primeiro dos municipios. Son de cadansúa provincia e de cadansúa cor política.

Redacción - 19:00 12/09/2008
Rodríguez, Cea, Montes e Crespo a carón do logo da Asociación

Rodríguez, Cea, Montes e Crespo a carón do logo da Asociación

"Con pé firme e ao xeito, para non esmendrellarnos", así dixo o rexedor de Lalín, Xosé Crespo Iglesias (PPdeG) que bota a andar a Asociación Voluntaria de Municipios 'Galicia Central', na que o seu concello fai parte, xunto co de Monforte de Lemos, que rexe Severino Rodríguez (BNG), o do Carballiño, dirixido por Carlos Alberto Montes (PsdeG), ou o de Melide, do que é alcaldesa Socorro Cea Vázquez (BNG).

Os tres alcaldes e máis a alcaldesa deron unha conferencia de prensa esta sexta feira en Compostela, para presentar esta andaina pioneira en Galiza que aínda comeza, e que nace para xestionar, dun xeito máis eficaz, os servizos de catro concellos dunha mesma zona, con características e problemáticas moi semellantes, mais pertencentes a distintas provincias (cada un deles a unha das catro que dividen administrativamente Galiza) e con corporacións municipais de distinta cor política. Isto último, se cadra, é o que máis chama a atención deste proxecto (á que Crespo denominou, "se se quere", lobby) mais os rexedores presentes na presentación desta Asociación restáronlle valor a este feito.

Crespo encetou a quenda de intervencións ante a prensa salientando que os alcaldes "somos todos parecidos", no sentido de que todos se enfrontan, tarde ou cedo, a semellantes problemas nos seus municipios. "Todos notamos o bafo dos veciños na caluga", así describía o alcalde popular a presión que, dixo, teñen os rexedores que busacan "o mellor para os nosos pobos, por riba de intereses partidistas".

Neste sentido tamén se pronunciou o nacionalista Severino Rodríguez (escollido como primeiro presidente desta Asociación), que salientou que con este traballo "que non é fácil, mais ilusionador", han tratar de "superar localismos", "poñendo por diante os intereses dos cidadáns e non dos partidos", ao "explorar novos camiños de cooperación e colaboración". "Nós demos un primeiro paso necesario para o interior", que se ha plasmar, segundo dixo, en "sumar esforzos para conseguir servizos de calidade" polos que "ningunha administración ou institución" agás a local loita.

Provincias e partidos distintos, as mesmas problemáticas
Así describiron a situación dos seus concellos os catro rexedores que se xuntaron nesta asociación. Melide, O Carballiño, Lalín e Monforte teñen moitas similitudes, salientaron os alcaldes e máis a alcaldesa, a pesar de pertencer a cadansúa provincia galega (A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo, respectivamente): "todos os concellos teñen unha importante e semellante demanda de servizos, e un pequeno orzamento (o 13 por cento do total da torta)", dixo Crespo, ao tempo que salientaba que as súas peticións non pasan por "ter un porto deportivo", mais si por cubrir outras necesidades.

A Asociación Galiza Central non nace "contra outras organizacións como a Fegamp", dixo tamén o alcalde de Lalín, ao ser preguntado pola necesidade de crear máis unha asociación intermunicipal, mais si contra as eivas de outros convenios que "non funcionan moito", como as Mancomunidades.

"Os concellos do interior podemos ser a chave dun desenvolvemento alternativo"
Isto dixo a rexedora de Melide, Socorro Cea, quen tamén revelou que se sentía orgullosa de que o seu municipio poida participar en "proxectos comúns e innovadores" que poidan servir de exemplo, tamén nas súas comarcas.

Nesta liña falou tamén o rexedor do Carballiño, Carlos Alberto Montes, quen dixo que os catro concellos que agora se asocian teñen "o mellor das áreas rurais e o mellor das vilas", uns puntos en común que é preciso "potenciar e dinamizar".

As chaves da Asociación Voluntaria de Municipios 'Galicia Central'
Galicia Central vai funcionar como unha economía, a escala, que permitirá, segundo os alcaldes e a alcaldesa dos catro concellos asinantes, xestionar, de xeito máis eficaz, os servizos públicos. Os alicerces desta Asociación creáronse en febreiro en Lalín, e, a partir da súa constitución formal desta sexta feira, ha funcionar como unha entidade sen ánimo de lucro, cunha presidencia rotatoria e itinerante, que viaxará dun concello a outro, segundo de quen sexa a quenda de mando. Para aforrar custos e optimizar recursos, os membros das corporacións municipais dos catro concellos han traballar tamén para a Asociación.

A xunta directiva da entidade estará composta polos catro alcaldes dos municipios que a integran e por un concelleiro de cada un deles, así como por un tesoureiro e un secretario, ámbolos dous funcionarios do concello de onde sexa o presidente. Aínda non se falou de orzamento (queren facer mínimos os gastos: "no que nos metamos habémolos sacar para adiante, a pufo non vai quedar", segundo Crespo), mais si de vindeiras actuacións, como a posibilidade de traballar unha candidatura ao Interreg IV, na que os catro concellos han presentar os seus proxectos para a reactivación económica a través da agricultura ecolóxica e o ecoturismo.

A colaboración xa comezou coa organización dun concurso de fotografía, varios concertos e certames musicais e a vontade de desenvolver as olimpíadas escolares de 2008-2009.


5/5 (4 votos)


Comentarios (7)

andresmilleiro #1 12/Setembro/2008 andresmilleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns pola iniciativa e veremos a onde chega e veremos por que se decantan, se por unirse para facer concursos de fotografía, para o Interreg, ou para todo...

maleiro #2 13/Setembro/2008 maleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vaia morro que tén iste Crespo!
Unha crespada máis!! Veremos cando pagamos o macro-concello que ten parado. Ise que nos vai custar aos contribuintes de lalín......12 millóns de euros. Iste Crespo dende que vive en Santiago, cada vez se parece máis o Ceaucescu, cos seus aires de grandeza.
Manda carallo!!

noitarego #3 13/Setembro/2008 noitarego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que ben ficaba o conservatorio folque por aí pola cerna do país. Iso era un investimeno e non olimpiadas comarcais ou festivais sen vir a conto. Crear rotas de sendeirismo en serio, favorecer as restauracións das primeiras vivendas, dos e das que viven todo o ano nesa zona tan rica en natureza.

noitarego #4 13/Setembro/2008 noitarego
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

"Con pé firme e ao xeito, para non esmendrellarnos", así dixo o rexedor de Lalín, Xosé Crespo Iglesias"
na miña terra, esmendrellarse é escachar a rir. fíxate ti que atomizado está o idioma. aiaiaiai.

LiberdadeGaliza #5 13/Setembro/2008 LiberdadeGaliza
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O QUE FAZ O NACIONALISMO?

A padeira Brites de Almeida não foi uma mulher vulgar. Era nacionalista, grande, com os cabelos crespos e muito forte. Não se enquadrava nos típicos padrões femininos e tinha um comportamento masculino. Nasceu em Faro Portugal, de família pobre e humilde.
O dia 14 de Agosto de 1385 amanheceu com os primeiros clamores da batalha de Aljubarrota e Brites não conseguiu resistir ao apelo da sua natureza. Pegou na primeira arma que achou e juntou-se ao exército português que só com 6500 homens já incluindo 300 arqueiros ingleses naquele dia derrotou o invasor castelhano com um poderoso exército com mais de 30000 homens incluindo castelhanos, franceses e genoveses. Depois da derrota castelhana chegou a casa cansada mas satisfeita, despertou-a um estranho ruído: dentro do forno estavam sete castelhanos escondidos. Brites pegou na sua pá de padeira e matou-os logo ali. Tomada de zelo nacionalista, liderou um grupo de mulheres que perseguiram os fugitivos castelhanos que ainda se escondiam pelas redondezas. Conta a história que Brites acabou os seus dias em paz junto do seu marido lavrador mas a memória dos seus feitos heróicos ficou para sempre como símbolo da independência de Portugal. A pá foi religiosamente guardada como estandarte de Aljubarrota por muitos séculos, fazendo parte da procissão do 14 de Agosto.
A Batalha de Aljubarrota foi uma entre muitas que o invasor castelhano foi derrotado e humilhado em Portugal: http://es.wikipedia.org/wiki/B...
No fim da batalha nenhum comandante português foi ferido. Dos 5 comandantes castelhanos 2 foram mortos, 2 ficaram gravemente feridos e prisioneiros e 1 (D. Juan) fugiu gravemente ferido. Morreram mais de 10000 homens do lado castelhano (em 2004 um historiador espanhol diz que só morreram 3000) e 6000 foram presos. A certeza é que dos 30000 homens do exército comandados por D. Juan I de Castela que invadiram Portugal só menos de metade voltam. Dois rios na zona de Aljubarrota ficaram entopidos com os corpos mortos das tropas castelhanas. O povo matava todos os soldados castelhanos que debaixo de humilhação tentavam fugir até que o Rei de Portugal pediu clemência ao povo pelos derrotados. Foi decretado luto em Castela.

noitarego #6 14/Setembro/2008 noitarego
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

a nós que carallo nos importa a alxubarrota ou castela. galiza independente, sen se agachar a ninguén

Tino #7 15/Setembro/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

OUtro lobby, non chega coa Fegamp e outros ao xeito?
Non saben o q facer para enredar e continuar no postiño o maior tempo posível.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un momento da presentación, mentres falaba o alcalde de Lalín
Un momento da presentación, mentres falaba o alcalde de Lalín
Os catro rexedores nunha xuntanza anterior
Os catro rexedores nunha xuntanza anterior
Situación do Concello de Melide
Situación do Concello de Melide
Situación do Concello de Lalín
Situación do Concello de Lalín
Situación do Concello de Monforte de Lemos
Situación do Concello de Monforte de Lemos
Situación do Concello do Carballiño
Situación do Concello do Carballiño