Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polos enfrontamentos entre goberno e opositores

Evo Morales declara o estado de sitio na rexión boliviana de Pando

O goberno ditou a orde ante os numerosos altercados que se produciron na zona, un día despois do asasinado de, polo menos, dez labregos na cidade de Porvenir.

Redacción - 10:00 13/09/2008
Feridos nos enfrontamentos desta semana

Feridos nos enfrontamentos desta semana

O goberno de Bolivia ditou este sábado o estado de sitio na rexión de Pando, ao norte do país, debido aos enfrontamentos entre os partidarios de Evo Morales e os opositores, xusto un día após a matanza de, polo menos, dez campesiños na poboación de Porvenir, a 52 quilómetros da cidade de Cobija, capital do departamento.

O ministro de Goberno (Interior) de Morales, Alfredo Rada, asegurou que antes de tomar esta decisión, fixeron unha análise profunda do que acontecía. Así o especificaba: "O goberno nacional, nas últimas horas, analizou a situación excepcional que se presenta en Cobija e viu que non só está a pór en perigo a convivencia entre cidadáns, senón os dereitos fundamentais como seres humanos, fundamentalmente o dereito á vida". Rada engadiu, ademais, que en Pando "houbo unha auténtica masacre".

A medida tomada polo executivo boliviano prohibe levar armas de fogo, armas brancas e calquera material explosivo en toda a rexión de Pando. Tamén quedan prohibidas as xuntanzas políticas, mitins, folgas, bloqueos e calquera tipo de manifestación nas rúas. A circulación está controlada e restrinxida para certas horas do día e prohibiuse o tránsito nocturno de grupos de máis de tres persoas. Tamén se controlou o tráfico aéreo do aeroporto de Pando, ocupado hai varios días por paramilitares do movemento cívico local (o Comité Cívico de Pando, ligado á prefactura local).

A matanza de Pando
A madrugada da pasada quinta feira na Prefectura de Pando, paramilitares, sicarios e funcionarios por un lado, e campesiños polo outro, protagonizaron un enfrontamento que se saldou cun balance de 10 mortos e máis de 40 feridos.

Naquela altura, a delegada do goberno na zona, Nancy Teixeira, aseguraba que a masacre fora organizada polo prefecto Leopoldo Fernández, membro do grupo opositor de ultradereita. Teixeira, que se atopa refuxiada, sen coñecerse o seu paradeiro, asegurou este sábado que os paramilitares aínda continúan perseguindo os campesiños no monte, sen deixar pasar as ambulancias para que socorran os feridos. Polo seu lado, o senador Abraham Cuéllar denunciou que se seguen a atopar cadáveres na zona.

Namentres, o presidente boliviano, Evo Morales, convocou os prefectos opositores do Consello Nacional Democrático (Conalde) a unha xuntanza para falar "sen condicións nin imposicións" para frear a onda de violencia e saqueos que se está a desenvolver en varias zonas do país. O prefecto do departamento de Tarija, Mario Cossío, contestoulle a Morales, e aseguroulle que vai ser el quen represente o Conalde este sábado na xuntanza.

Os enfrontamentos cos partidarios do gobernador da provincia continúan
As protestas nas rexións petroleiras do país (entre elas a de Pando) terminaron por bloquear a metade das exportacións de gas a Brasil e a totalidade das dirixidas a Arxentina. O goberno tamén despregou, a pasada sexta feira, o exército, nun intento de restaurar a produción.


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe dunha rúa de Tarija, onde se produciron os incidentes / Imaxe: Clarín
Imaxe dunha rúa de Tarija, onde se produciron os incidentes / Imaxe: Clarín
Morales comparecendo, após expulsados o embaixador dos EUA de Bolivia, a quen acusou de 'incitar' as protestas opositoras / Clarín
Morales comparecendo, após expulsados o embaixador dos EUA de Bolivia, a quen acusou de 'incitar' as protestas opositoras / Clarín
Longas fileiras para recoller garrafas de gas no norte do país. Este sábado Brasil aseguraba que non está notando a falta do combustíbel / Clarín
Longas fileiras para recoller garrafas de gas no norte do país. Este sábado Brasil aseguraba que non está notando a falta do combustíbel / Clarín