Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Siñor Afranio na memoria

Abren o roteiro que lembra a fuxida do mestre e político galeguista Alonso Ríos

Este sábado rendéuselle homenaxe ao pé da súa casa, en Camporrapado, na parroquia silledense de Cortegada.

Redacción - 13:00 14/09/2008

Antón Hipólito Alonso Ríos, naceu en 1887 en Camporrapado, na parroquia de Cortegada, en Silleda. Estudou en Compostela, pero emigrou axiña á Arxentina, onde traballou como mestre e entrou no mundo das sociedades, colaborando na fundación da "Sociedad Hijos de Silleda" en 1908. Do 19 ao 31 foi xerente da "Sociedad Científica Argentina", mais no ano de se proclamar a II República, voltou á península, enviado pola Federación de Sociedades Galegas, para representar os emigrados do país nesta nova época.

Neste mesmo ano foi escollido membro do Consello Permanente do Partido Galeguista así coma presidente da "Asamblea Republicana de La Coruña", onde debía traballar no anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Despois, botou un tempo en Tomiño, traballando de director de escola, mentres defendía os intereses do mundo agrario dende a "Federación Provincial Agraria de Pontevedra". Tamén participou na campaña pro Estatuto, e no 1936 resultou elixido deputado agrario ás Cortes pola Frente Popular.

Após o golpe, Alonso Ríos organizou a resistencia en Tomiño, pero pronto tivo que fuxir, perseguido. Daquela chegaron os enxeñosos anos nos que Alonso Ríos se agochaba baixo a identidade do cidadán portugués siñor Afranio de Amaral, e comezou a percorrer as vilas e montes galegos, axudando nas casas coas colleitas, e até facéndose pasar por frade. Tres anos pasaron así, dun lado para outro, mais á fin destes conseguiu chegar ao Porto, a Casablanca e, finalmente, a Bos Aires. Alí, no exilio, colaborou cos refuxiados galegos e axudou a reconstruír o nacionalismo galego no outro lado do Atlántico, a través do seu traballo na Irmandade Galega, coa alianza Galeuzxa e no Consello de Galicia.
Ten varias obras literarias, mais destaca a autobiográfica "O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido" (1979), na que describe o seu periplo durante a persecución franquista. Alonso Ríos Faleceu en 1980, aos 93 anos de idade.

Na memoria, cumpríndose 121 anos do seu nacemento
Agora, xusto 28 anos após o seu pasamento, a Consellaría de Cultura e Deporte, a Comisión pola Memoria Siñor Afranio e a Asociación sociocultural Adellis, lembraron o mestre galeguista nunha xornada de homenaxe á súa figura. Os actos comezaron ás 18:00 horas na Carballeira e na súa casa natal, con actuacións musicais, e varias intervencións, entre elas o dun representante da familia do homenaxeado, Xulio Carballo. Terminadas as verbas sobre Alonso Ríos, (tamén as do escritor e académico Xosé Neira Vilas), empregadas na lembranza dun home que espremeu o maxín para fuxir da morte, namentres loitaba por reorganizar unha resistencia nacionalista do outro lado do mundo, lonxe da terra, descubriuse unha placa co seu nome, de recordo desta homenaxe.

O siñor Afranio volve ao monte
Ademais dos actos de homenaxe, o sábado presentouse tamén o "Roteiro do Afranio", un proxecto co que se dará a coñecer a figura de Alonso Ríos a través do percorrido que fixo polas vilas e montes de Galiza no ano 36 facéndose pasar polo Siñor Afranio, cidadán portugués.

Ademais do roteiro, preparouse unha exposición sobre a vida do mestre e político galeguista que comezará a súa itinerancia en Tomiño, onde Ríos traballou como mestre, o vindeiro 20 de setembro.


Ligazóns

5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: