Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NEGOCIACIÓN DOS ORZAMENTOS ESTATAIS

Jorquera exíxelle a Solbes máis investimentos e competencias

O deputado nacionalista asegurou logo da xuntanza co ministro de Economía que hai vontade de diálogo pero que as posicións de partida son aínda moi diverxentes.

Redacción - 10:00 19/09/2008

O BNG puxo enriba das mesas as condicións para un si ao goberno de Rodríguez Zapatero. O deputado Francisco Jorquera reuniuse este xoves co ministro de Economía, Pedro Solbes, para mostrarlle as súas demandas. Ao remate do encontro, o nacionalista asegurou que, aínda que hai “vontade de diálogo”, as posicións de partida están afastadas.

A formación galega sabe que os dous deputados do Bloque poden ter un papel clave para sacar adiante os orzamentos estatais. Consciente do momento político, a dirección do BNG marcou unha folla de ruta que ten como eixos centrais un maior investimento para Galiza e luz verde a novos traspasos competenciais.

Jorquera subliñou que é condición inexcusábel que se manteña o ritmo inversor para que as infraestruturas comprometidas polo Estado sexan unha realidade dentro dos prazos previstos. Así os nacionalistas reiteran que é preciso que a partida para Galiza represente o 8% do total pero que, á súa vez, incremente o volume de investimento con respecto ao ano anterior. A este respecto, os nacionalistas tamén exixen que se cree no Congreso a Subcomisión de Infraestruturas que demandou no seu momento o Parlamento de Galiza.

Pero dende o BNG tamén fan fincapé na necesidade de dotar a Galiza de maiores cotas de autogoberno. Dende as filas nacionalistas non entenden como segue bloqueado o traspaso de competencias como é o caso de Tráfico. Por iso, demandan compromisos concretos de cara os vindeiros meses.

Facer da necesidade virtude

Na dirección do Bloque consideran que a negociación dos orzamentos pode ser unha das súas mellores bazas na partida que xoga co goberno español. Nun momento de crise, o executivo de Zapatero non pode permitirse o luxo de deixar máis tempo os orzamentos no aire. Os nacionalistas son conscientes de isto e, á mesma vez, que os socialistas españois teñen, debido á aritmética parlamentaria, unha reducida marxe de manobra á hora de establecer pactos.

Jorquera ten a misión de negociar un apoio que pode ser moi beneficioso para o país pero que tamén pode ter uns réditos notábeis para o BNG. En vésperas das eleccións galegas, o Bloque quere mostrar que non ten ataduras á hora de sentar na mesa co goberno español e que esa liberdade pode dar importantes froitos.


5/5 (5 votos)


Comentarios (1)

Vakaloura #1 19/Setembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Outro paripé máis. A quén queren enganar agora? Desgrazadamente pra Galiza, haberá casamento. O mal chamado PSdG. (PSOE) conta cunha sucursal en Madrid. O BNGdGaliza tamén está ás ordes de Ferraz. ¡Quin and company, se o voso é sair na foto! Así crédesvos máis importantes. Queredes expricar a cidadanía galega canto se cumpriu do que vos prometeron no 2007? (igualiño que no plan Galicia do PP). Ollade moi ben; os do común xa sabemos; que o que estades a facer é vender fume e sobre todo a gañar votos. Non vos interesamos os galegos, interésanvos cantos máis votos mellor e o de sair na foto con ZP ou Solbes, facendo crer que os PXE dependen do BNdG. Pois non, non e non. Xa chega abondo de seguer a pedir esmolas pra o voso própio interese. Sen nengunha contrapartida en troques. ¿Onde están as competencias pendentes? Diredes si ao que vos propoñan que non vai a ser ren de ren. Se vos queda un chisco de dignidade…..xa sabedes ¡GALIZA NON SE VENDE!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: