O científico británico asegurou en Compostela que é moi difícil evitar un desastre no planeta nos vindeiros cen anos, polo que avogou pola busca dunha alternativa.
Sobre a creación do universo, sobre o Big Bang, pero tamén sobre a importancia do carácter divulgador da ciencia, da súa opción política, ou sobre o cambio climático. O físico Stephen Hawking falou en Santiago de Compostela ante un nutrido grupo de xornalistas que o interrogaron sobre o máis diverso. Porén, o científico precisou coñecer as preguntas de antemán e na súa contestación demorou unha xornada enteira. Non é para menos, xa que por mor da enfermidade neuronal motora (Esclerose lateral amiotrófica) que sofre dende os 22 anos, na actualidade comunícase a través dun mecanismo que só lle permite pronunciar entre unha e dúas palabras por minuto.
Propoñer unha resposta definitiva a como comezou o universo é un traballo no que Hawking empeñou toda a súa vida. De feito, asegura que "a ciencia está a contestar cada vez a máis preguntas que eran dominio da relixión", polo que considera que "pronto debería ofrecer unha resposta definitiva a como comezou todo". Di: "pode chamar ás leis científicas Deus, pero non sería un Deus persoal, ao que se podería coñecer e facer preguntas, aínda que se tal divindade existise, gustaríame preguntarlle como chegou a pensar algo tan complicado como a teoría M en once dimensións". Con todo, como científico e sabedor de que o universo está gobernado por leis científicas, asegura que "isto non deixa moito espazo para milagres ou para Deus".
"Estudei física e cosmoloxía porque quería respostas para as grandes cuestións"
Sobre o que había "antes" do Big Bang, o científico responde apelando a Aristóteles, Kant ou Einstein, para subliñar que hoxe sabemos que "o tempo non pode existir fóra do universo". Precisamente a "emoción do descubrimento" é a razón pola que Hawking se achegou ao estudo da física, e a que fixo que publicase o libro "A vida secreta do universo", unha obra elaborada xunto coa súa filla e adicado aos lectores máis novos. A divulgación é unha das tarefas nas que se implicou de xeito importante o propio Hawking, quen destaca que "a baixa estima que se ten da ciencia e dos científicos está a ter serias consecuencias", fundamentalmente nesta sociedade "crecentemente gobernada pola ciencia e a tecnoloxía".
De feito, o traballo dos científicos non debe de ser alleo aos problemas da sociedade, unha cuestión na que incide o profesor ao falar do cambio climático: "os científicos teñen unha responsabilidade especial de informar ao público e aconsellar aos líderes sobre os perigos que afronta a humanidade". Neste eido, recorda que como tal se preocupa de "compartir o coñecemento" e recorda que "temos o deber de alertar ao público dos riscos innecesarios que vivimos cada día e dos perigos que albiscamos se os gobernos e as sociedades non actúan".
Colonización doutros planetas
O futuro da nosa especie pasa, segundo Hawking, pola colonización do espacio, sobre todo tendo en conta que "será moi difícil evitar un desastre no planeta Terra nos vindeiros 100 anos". A experiencia coa Estación Espacial Internacional demostra que é posíbel, di o científico, que os seres humanos sobrevivan durante meses lonxe deste planeta. "Non obstante, a gravidade cero provoca numerosos e indesexábeis cambios psicolóxicos, debilitamento dos ósos, así como problemas con líquidos...etc; o desexábel é que os seres humanos puideran estar nun planeta ou nunha lúa". É máis, di, "a raza humana non debería de poñer todos os seus ovos na mesma cesta, ou no mesmo planeta (...) esperemos poder evitar que a cesta caia até ter esparexido a carga.
E à vez que diz isto dá a sua bênção ao CERN... Pois assim é bem fácil intuir "que é moi difícil evitar un desastre no planeta nos vindeiros cen anos". Em fim...
Seguramente é unha osadía contradicir a este home, pero non sei que se nos perde no espazo co que hai que arranxar aquí.
O home muy optimista non é. Ainda que ten motivos.
E menos mal que a Bush xa lhe keda pouco, é ainda kere despedirse kon foguetes e tirando a Kasabranka pola fiestra.
Entendo que o gran desastre que nos levaría ó espazo, sería causado polo propio ser humano, xa que 100 anos, na historia da humanidade non son nada como para pensar na fin do planeta. Iso si, sabendo que os humanos somos o mal da terra, non sei se o espazo será lonxe abondo para fuxir de nós mesmos, ese é o seu optimismo. ¿Chegara para abrir os ollos?
A estratexia expansiva, a levamos aplicando os pobos miles de anos, e por experiencia, nunca hai abondo, sempre queremos máis ¿é intelixente seguir así?
Penso que as solucións, son máis de sentido común, de feito, hai unha crise e non se pretende atacar as causas, se non os síntomas, ¡ridículo!. Así nos vai.