Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
1 DE OUTUBRO EN VIGO

O Consello da Cultura celebra o seu plenario por vez primeira fóra de Santiago

Ao tempo inaugurarase na cidade a exposición 'Galicia 25. Unha cultura para un novo século', que repasa a historia da institución.

Redacción - 10:35 30/09/2008

25 anos de historia traballando ao redor da cultura galega dende Santiago de Compostela, dende os anos noventa no segundo andar do Pazo de Raxoi, na mesma praza do Obradoiro. E este mércores o Consello da Cultura rachará esta centralidade compostelá no plano físico, celebrando por vez primeira unha sesión plenaria fora da capital do país, en concreto en Vigo no Pazo de San Roque.

Nesta sesión plenaria o presidente do Consello, Ramón Villares, dará conta das actividades levadas a cabo ao longo deste ano e coñeceranse tamén os informes dos coordinadores das seis áreas de traballo dacordo coa reestructuración aprobada no pleno celebrado o pasado 10 de xullo. As seis áreas coas que a institución funciona actualmente son Lingua, Literatura e Comunicación (coordinada por Victor F. Freixanes), Música e Artes Escénicas (Ramón Castromil Ventureira), Ciencia, Natureza e Sociedade (Francisco Díaz-Fierros), Patrimonio e Bens Culturais (Iago Seara Morales), Pensamento e Sociedade (Ramón Máiz Suárez) e Creación e Artes Plásticas (María Luísa Sobrino).

Ao remate da xuntanza, o Auditorio do Centro Social Caixanova acollerá a inauguración da mostra 'Galicia 25. Unha cultura para un novo século', que repasa os 25 anos de historia da institución, creada o 8 de xullo de 1983. Ao acto asistirán o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. O Consello da Cultura completa con esta exposición, que terá carácter itinerante, o programa de actividades e iniciativas que ao longo deste ano levou a cabo para conmemorar a efeméride. En palabras de Ramón Villares, o feito de comezar en Vigo o percorrido da mostra supón "un recoñecemento ao carácter desta cidade como motor económico, industrial e tamén cultural do país".


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: