Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende Palestina

Ramadán Kareem: Felices Festas!

A fin do Ramadán coincide coa celebración do ano novo 5769 do calendario xudeu, unha cifra próxima ao número de mortos da Segunda Intifada.

Moncho Iglesias Míguez - 09:30 30/09/2008

Durante o mes de Ramadán, o noveno no calendario musulmán, a xente que profesa o Islam xaxúa dende que sae o sol ata que se pon. Este xaxún supón unha privación de comida, bebida e relacións sexuais durante todo o día, e é obrigatorio para todos aqueles adultos que poidan realizalo. O sufrimento das horas de luz pretende afastar os desexos carnais dos fieis, amais de limpar a alma e axudar a comprender o que senten os máis necesitados.

Malia ser un período difícil, que se acrecenta cando este mes sagrado coincide co verán, no que os días son máis longos cás noites, o Ramadán é un mes de euforia e festexos. O iftar, ao acabar o día, é a hora na que se rompe o xaxún e na que as xuntanzas entre familiares e amigos dan un sentido de socialización e alegría a todas as noites do mes. Preto de quince minutos despois da posta do sol, é o momento exacto para comezar a comer. Nas horas anteriores prepáranse os pratos que, normalmente, sempre inclúen dátiles. E é que, segundo conta a tradición, o profeta Mahoma comeu un dátil antes de comezar co resto da comida.

Os avisos que dan permiso para romper este xaxún mestúranse co bulicio no interior das casas e o silencio no exterior. As rúas baleiras e os fogares cheos son a imaxe diaria destas horas, nas que se goza coa comida e a compañía. Pouco despois do iftar, o muezín sobe ao minarete da mesquita e dende alí chama os fieis para avisar da hora do quinto rezo do día. No templo xúntanse familias e veciños, nun centro de reunión espiritual e social que permite esquecer ese decorrer diario, ás veces monótono pola repetición de eventos inusuais.

Militares nas mesquitas
Nestas visitas á mesquita, igual que nas que se fan de casa en casa desexando o mellor, as fes únense, e cristiáns e musulmáns adoitan compartir festexos. O interior dos templos e as súas horas de rezo son respectados para que cadaquén celebre e ore do xeito que considera axeitado. Con todo, as continuas incursións israelís nos Territorios permiten asaltos en calquera lugar e momento. Así, hai uns días, nunha das mesquitas de Nablus, un grupo de militares entrou durante a hora do rezo coa escusa de estar na procura dun presunto terrorista. Os disparos de gases alarmaron a xente, que só se deitou no chan esperando que chegase a súa saída, unha hora despois.

Hoxe, os saúdos e xuntanzas repítense. A fin do Ramadán coincide coa celebración do ano novo 5769 do calendario xudeu, unha cifra próxima ao número de mortos que a Segunda Intifada leva provocado neste seu oitavo aniversario. Felices Festas!


*Addendum no Día da Tradución:
Amais de berce das tres grandes relixións monoteístas, Terra Santa foi o fogar de San Xerome, patrón dos tradutores, que viviu os últimos anos da súa vida en Belén. Alí, nun territorio escurecido polas novas sempre presentes, esqueceuse o vulgo de que San Xerome, nos 34 anos que pasou na cidade, fundou un mosteiro e traduciu a Biblia ao latín, a Vulgata, outra celebración a engadir a un territorio cheo de eventos.


4,71/5 (14 votos)


Comentarios (3)

Jatopardo #1 1/Outubro/2008 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿A que ven esta lección de islamismo? a verdade, non entendo nada.

Para esa terra, berce das tres grandes relixións monoteístas como di o autor do artigo, ten unha frase preciosa Orlando Bloom na película, O Reino dos Ceos, cando canso de loitar por un anaco de deserto di, "se isto é o Reino dos Ceos, que se faga con el a vontade de deus".

mceleiro #2 2/Outubro/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Homem, talvez comprendas um bocadinho melhor a cultura muçulmana, sempre útil a menos que sejas dos que evitam mesturar-se com "morosdemierda".

Eu sou ateu, mas achei o artigo interessante.

Jatopardo #3 3/Outubro/2008 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O de "morosdemierda" é unha afirmación túa, non miña.

De tódolos xeitos, falando de cultura musulmana, Vieiros podería sacar unha reportaxe sobre a matanza de reses Halal. Xa sabes. No estado español é obrigatorio que se aturda as reses antes de matalas, ¿pero isto obriga a todos? non, a todos non, os musulmáns co rito Halal e os xudeos con rito Kosher din que o seu deus quere que o animal esté consciente no momento en que lle rebanan o pescozo.

Co cal dase a paradoxa que se un cristiano ou un ateo degolla a pelo unha vaca ou unha ovella enfréntase a un castigo por maltrato animal, pero se este mesmo feito o fai un xudeu ou un musulmán, está permitido pola lei.

Penso que é bastante máis interesante discutir isto que contar que "despois do iftar, o muezín sobe ao minarete da mesquita e dende alí chama os fieis para avisar da hora do quinto rezo do día".

Con deus mceleiro e non abuses tanto da demagoxia que vaste indixestar.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A hora do rezo / Foto: Moncho Iglesias (clique para ampliar)
A hora do rezo / Foto: Moncho Iglesias (clique para ampliar)
O iftar, ao acabar o día, é a hora na que se rompe o xaxún / Foto: Moncho Iglesias (clique para ampliar)
O iftar, ao acabar o día, é a hora na que se rompe o xaxún / Foto: Moncho Iglesias (clique para ampliar)