Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Sen noticias do Consorcio Lingüístico

Faragullas normalizadoras para os concellos mentres segue adiada a planificación

A Xunta repártelles con criterios "pouco claros" 800 mil euros aos municipios, e segue sen crear o organismo planificador malia que había orzamentos reservados.

R.Noguerol - 08:00 15/10/2008

Xa en 2007 os orzamentos da Xunta reservaron cartos para a creación e impulso do Consorcio de Planificación Lingüística, un organismo sobre o que o Parlamento se pronunciou de xeito favorábel tamén en dúas ocasións, a última durante o debate do estado da nación do ano pasado. A necesidade de botar adiante este proxecto, reiteradamente paralizado, aparece unha vez máis de xeito claro ao coñecerse a última achega de subvencións para a normalización da lingua nos concellos.

A Consellaría de Presidencia informaba este luns da publicación no Diario Oficial de Galicia de subvencións para a normalización lingüística por valor conxunto de case 800 mil euros para un total de 145 entidades locais, en 115 dos casos para a organización e desenvolvemento de campañas e nos 30 casos restantes para a creación ou reforzo de servizos de normalización. Unha lista onde por exemplo o Concello de Marín recibe 50 mil euros e á súa beira o de Ferrol aparece con 5 mil. Ou onde unha mancomunidade de concellos ingresa unha subvención e polo outro lado concellos integrantes desta reciben, sen coordinación mediante, outras cantidades adicionais.

"Non parecen existir criterios técnicos, nin poboacionais: vese unha auténtica ausencia de planificación", láiase ao respecto Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O colectivo que preside Vidal quéixase ademais da propia "tolemia" dos prazos estabelecidos pola administración, xa que se fan públicas as axudas a 12 de outubro e esíxeselles aos municipios que desenvolvan, paguen e xustifiquen os correspondentes proxectos antes do 31 de outubro.

A falta de vontade política frea o Consorcio planificador
Desde a CTNL insisten na necesidade dunha estrutura estábel que lle dea sentido aos esforzos normalizadores favorecendo a utilización eficaz dos recursos. Un papel que estaba chamado a desenvolver o Consorcio para a Planificación Lingüística, organismo proxectado como instrumento clave para o impulso institucional e social do uso da lingua. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para 2007 prevían xa a creación do Consorcio. Do mesmo xeito que o facía o propio programa operativo da Secretaría Xeral de Política Lingüística presentando no Parlamento hai ano e medio. De xeito específico, unha resolución aprobada no debate do estado da nación ese mesmo ano, instaba o Goberno a desenvolver unha "estratexia de coordinación da planificación lingüística" a través do Consorcio.

Paradoxalmente, segundo denuncian, a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén vetada a creación deste organismo, malia que a súa propia inexistencia impídelle contar cun instrumento de coordinación dos servizos de normalización das administracións públicas. Desde Política Lingüística aseguran que o proxecto foi paralizado despois dunha primeira fase de traballos debido ás reticencias das principais institucións chamadas a integrárense e seren coordinadas: as sete cidades, as catro deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Unhas diverxencias que desde a CTNL consideran superábeis, atribuíndolle a verdadeira da razón da paralización da iniciativa á "falta de vontade política".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: