Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VIGO ACOLLE ATÉ O VENRES UN CONGRESO INTERNACIONAL

A tradución galega analiza o seu momento

Expertos de todo o mundo analizarán a evolución desta disciplina nos últimos anos, que en Galiza vive un período de crecemento.

Redacción - 18:10 15/10/2008
Facultade de Tradución e Interpretación da Uvigo

Facultade de Tradución e Interpretación da Uvigo

En 2004 celebrouse a primeira edición deste congreso internacional. Moitas cousas mudaron na tradución en Galiza dende aquela. O número de títulos vertidos ao galego multiplicouse, tamén a calidade das traducións, e o nivel dos profesionais da tradución, en gran parte debido ás promocións saídas da faculdade en funcionamento no campus vigués. Ampliouse o abano de linguas para as que se poden realizar traducións de calidade en galego, hai editoriais que apostan con forza por estas obras, e deste xeito mudaron tamén o tipo de adaptacións publicadas.

O congreso, que se celebra no Centro Social Caixanova de Vigo, está coordinado por Silvia Montero, Ana Luna, Liliana Valado e Alicia López e centrará os seus traballos na política editorial da tradución dentro e fóra de Galiza, aínda que tamén estará presente o campo profesional, "no que se afondará nos dereitos e deberes dos profesionais do sector, xa sexan tradutores, correctores ou revisores", sinala Luna. A este respecto, as organizadoras salientan que "os profesionais do sector non son unicamente tradutores e editores, senón tamén persoal dos servizos de normalización lingüística e todo o que teña que ver coas administracións dende o punto de vista das edicións e traducións".

En palabras de Liliana Valado, "a tradución está de moda. As políticas editoriais da Xunta de Galicia favorecen a tradución tanto dende o galego como cara ao galego pero, a nivel de estatísticas, segue habendo eivas, non só no número de volumes publicados senón principalmente nas temáticas". Ao fío deste razoamento, Ana Luna engade que "en 25 anos de democracia e de normalización lingüística neste país non se fixo nunca unha aposta tan importante polo sector en xeral como se está a facer na actualidade".

Hai máis traducións e de mellor calidade, e estas adaptacións teñen tamén un carácter diferente: xa non se trata unicamente de clásicos, senón que nas librarías xa compiten novidades e bestsellers publicados á vez en galego e castelán, "hai que pensar que un lector non se move só por voluntarismo político e lingüístico", sinala Ana Luna. Até o de agora o campo é a literatura, pero no futuro o espazo debe abrirse ás obras técnicas, de ensaio e de consulta, "dende un punto de vista normalizador, é fundamental que existan textos en galego que veñan doutros ámbitos e espazos, que pertenzan a outros campos do coñecemento", sinalan as organizadoras do congreso.

Expertos procedentes de todo o mundo
O Congreso comezou este mércores coas intervencións de Ros Schwartz, e mais de Francisco Fernández Naval, Gotzon Lobera e Mònica Pereña, que falaron das políticas de apoio ao audiovisual en Galiza, Euskadi e Cataluña, respectivamente.

A xornada do xoves estará dedicada aos editores e escritores, abríndose coa ponencia de Anne Bergman-Tahon, directora da Federación Europea de Editores. O venres é o día dedicado especificamente aos tradutores. O protagonista do día será Edwin Gentzler, director do Centro de Tradución e profesor de Tradución na Universidade de Massachusetts. Ademais, intervirán Bego Montorio e Tina Parcero, representantes das asociacións vasca e española de tradutores, respectivamente.


4.88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: