Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
VIII ENCONTRO MUNDIAL DE INTELECTUAIS E ARTISTAS

John Otto Catalinotto: Gañe Obama ou McCain non significará ningún cambio

"Se gañase Obama ou McCain non significará ningún cambio estrutural no sistema imperialista", segundo o intelectual estadounidense John Otto Catalinotto, quen participa como invitado ao VIII Encontro de Intelectuais e Artistas en Defensa da Humanidade, durante o curso da súa intervención no foro Transiciones hacia el Socialismo en Europa e Estados Unidos.

Xurxo Martínez Crespo - 16:54 16/10/2008

O escritor e activista político estadounidense destacou que o eventual triunfo de Barack Obama sería positivo en termos de política exterior, isto porque o candidato demócrata está decidido a acabar coa guerra en Iraque e porque, ademais, "sabe que a forza militar non solucionará todos os nosos problemas, así que seguramente mostrará unha cara máis amigábel ao mundo, iso sen mencionar o paradoxo que significaría a elección dun presidente negro nun dos países máis racistas e xenófobos do mundo".

No entanto, proseguiu, 'a gran cuestión é que os problemas do capitalismo son tantos e tan graves que Obama non os pode resolver'.

Mentres mostraba fotografías de protestas organizadas en Estados Unidos contra a intervención militar e política dese país en diversas partes do mundo, o escritor e activista político John Otto Catalinotto, foi enfático ao dicir que xa non é cousa de herexía ou sectarismo afirmar alí a contundente frase 'Karl Marx tiña razón'.

"É cousa normal por estes días, en panfletos, até se viu nun titular de prensa (Karl Marx was right), iso non sería posíbel hai cousa de dez anos, tiña sido unha herexía, sectarismo, pero agora é normal", afirmou.

A consideración xurdiu polo tema da crise financeira mundial, xerada a partir das políticas neoliberais impostas desde Estados Unidos e que puxo en dúbida os supostos do modelo capitalista.

No mesmo contexto, fixo mención doutros tópicos como a política exterior estadounidense e as potenciais consecuencias que implicarán para América Latina os resultados das próximas eleccións presidenciais estadounidense.

A John Otto Catalinotto acompañárono os intelectuais Georges Labica, do Estado francés, e Marina Minicuci de Italia. Os tres coincidiron en soster que a actual crise financeira non rachará aínda os cimentos do capitalismo.

"O que acontecerá é que o diñeiro cambiará de mans", puntualizou Marina Minicuci, catedrática e xornalista italiana.


5/5 (4 votos)