Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Na procura de patrocinio institucional

O Dépor quere estampar nas súas camisolas o logo do Xacobeo

Lendoiro pensa que o seu clube é "infinitamente máis rendíbel" que calquera equipo ciclista, en clara referencia ao Xacobeo Galicia.

Redacción - 11:15 17/10/2008
Lendoiro homenaxeando os socios históricos do Dépor

Lendoiro homenaxeando os socios históricos do Dépor

As camisolas dos xogadores do RC Deportivo da Coruña seguen baleiras, sen unha marca, unha imaxe ou un logo estampado nelas, alén do escudo do clube. A causa? O prezo que Lendoiro lle pon ao patrocinio: millón e medio de euros.

Aínda que a estas alturas da Liga o peito dos xogadores do Dépor segue libre, non é por gusto, senón porque ningún posíbel patrocinador acepta a cifra que propón Lendoiro. Este millón e medio de euros foi o que se lle ofreceu ao centro Dolce Vita a finais de setembro, e é o mesmo millón e medio que se pon sobre a mesa cando aparece algunha empresa interesada. E a esta cifra aínda lle hai que engadir medio millón máis de euros por "consecución de obxectivos". Lendoiro mantense firme.

Obxectivo: o Xacobeo
Porén, o clube coruñés segue procurando un bo patrocinio, e segundo confesou o seu presidente en conferencia de prensa, téñenlle xa botado o ollo ao Xacobeo, a entidade de xestión dependente da Consellaría de Innovación e Industria. O Xacobeo xa entrou no mundo dos patrocinios deportivos a finais do pasado mes de agosto, cando rescatou o anteriormente coñecido como Karpin Galicia, o equipo ciclista profesional galego, da falta de cartos por causa da crise da construción, que xa comezaba a notar o principal sustento dos corredores, a empresa Valery Karpin SL, pertencente ao ex futbolista do Celta.

Pero Lendoiro teno claro, e, ao tempo que acusaba as institucións da pouca implicación que teñen no fútbol, aseguraba que o seu clube pode ser "infinitamente máis rendíbel que calquera equipo ciclista". Neste sentido, o presidente do Dépor revelou que xa tiña solicitado o patrocinio hai uns 20 días, mais sen ter recibido aínda resposta, algo que non entende, xa que, segundo dixo, o Xacobeo sería o o mellor apoio do que "representa" o Dépor e a cidade da Coruña "no mundo". Porén, hai que lembrar que atopar patrocinador non é o maior problema do clube, xa que os cartos que este poida aportar non pasan do 2 ou o 3% do orzamento total da entidade.

O orzamento total do Dépor aínda non se coñece, a pesar de estar comezada, hai xa tempo, a nova tempada, pero segundo revelou Lendoiro, é menor que o doutros anos (un 10% menos que no último exercicio).


1.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: