Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTE VENRES EN VIGO

A tertulia do 'Café Voltaire' homenaxea a Rei Ballesteros

No acto, que será aberto, leranse fragmentos da obra do escritor, que atravesa unha enfermidade, e falarase da súa significación na literatura galega.

Redacción - 12:00 17/10/2008
Anxo Rei Ballesteros

Anxo Rei Ballesteros

A tertulia literaria do Café Voltaire, que se celebra no Central Pork (Via Norte 40, xunto á estación de ferrocarril de Vigo) abrirá este venres ás 20.30h as súas portas a todos os que queiran achegarse para homenaxear a Anxo Rei Ballesteros, que atravesa nestes momentos por unha enfermidade. Neste acto brindarase á súa saude, leranse fragmentos da súa obra e falarase da súa significación na literatura galega recente. Na tertulia participan habitualmente Xosé Soutullo, Carlos Fernández, Carlos Arias, Xosé Manuel García Trigo, Damián Villalaín, Gustavo Adolfo Garrido, Xosé Fortes ou Luís Paradelo.

Anxo Rei Ballesteros (Codeso, Boqueixón, 1952) sitúase sempre á marxe do sistema literario galego, mais no centro do canon, reclamado pola crítica e premiado co Ramón Piñeiro, o Pedrón de Ouro ou o Losada Diéguez. Dos anxos e dos mortos (1977) está considerada unha das novelas clave sa literatura galega do século XX, marcando a fronteira entre a literatura do franquismo e a nova literatura. En opinión de Dolores Vilavedra, "a escasa difusión que conseguiu no seu día, entre outras razóns pola mínima visibilidade pública do seu autor, privárona de exercer esa función inaugural". Aquela novela fragmentaria e moderna significaba a fin do realismo social e abría unha nova etapa.

Quince anos despois chegou Loaira, en 1992, de novo rompendo esquemas e anticipándose ao seu tempo; e segundo o crítico Xoán González Millán "un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega". E en 1998 o conxunto de relatos A sombra dos teus soños. En 2005 chegou a súa última novela polo momento: Non sei cando nos veremos, editada por Galaxia, que a través da lingua oral e a narración directa realizaba unha crítica contundente da moral e as formas de vida da sociedade actual. O autor, que reside na Pobra do Caramiñal, tamén se introduciu no ensaio filosófico e mais no teatro.


4,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anxo Rei Ballesteros, primeiro pola esquerda, nos 'Diálogos de Mariñán'
Anxo Rei Ballesteros, primeiro pola esquerda, nos 'Diálogos de Mariñán'