Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA

En Baldaio, as avionetas e as aves non fan boa veciñanza

Incluído na Zona de Especial Protección de Aves da Costa da Morte está sometido a prácticas que alteran os procesos migratorios das especies.

Redacción - 19:20 23/10/2008

Parapente con motor, voos de avionetas en prácticas ou kite surfing (surf axudado dunha cometa) son algúns dos deportes que habitualmente toman o espazo da praia e do humidal de Baldaio (Carballo). Así o denuncia o colectivo ecoloxista Adega, quen exixe unha actuación rápida por parte da Consellaría de Medio Ambiente.

Esta rica paisaxe forma xa parte da Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Costa da Morte, unha declaración que foi publicada no DOG en 2004 (Decreto 72/2004 do 2 de abril). Ademais, na creación do Inventario de Humidais de Galiza (Decreto 127/2008 do 5 de xuño) recóllese expresamente a prohibición de "utilizar artefractos ou dispositivios que produzan contaminación acústica e incidan negativamente sobre a fauna, salvo aqueles debidamente xustificados". Con todo, Baldaio é escenario deste tipo de deportes e tamén doutras prácticas que sen converten en cotiás sobre todo no verán, como o paseo de kaiaks pola praia, cans ou pescadores coas súas canas que non respectan as zonas de alimentación e descanso para as aves. Isto foi o que levou ao colectivo ecoloxista a solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que garanta a integridade ambiental deste espazo artellando as medidas precisas para eliminar estas agresións.

Riqueza de Baldaio
Na actualidade este espazo comprende unha grande área de litoral que xurdiu dun entrante costeiro e rematou pechándose nunha gran barra de area. Entre a avifauna protexida presente na zona atópanse gabitas, diversas especies de pilros ou mazaricos, que acadan importancia polas súas poboacións migrantes ou invernantes. Ademais, no areal mantéñense uns poucos núcleos reprodutores de pílara das dunas. Doutra banda, nas xunqueiras destaca tamén a presenza da garza pequena e as poboacións de paseriformes reprodutores e migradores, así como núcleos reprodutores de folosa acuática, unha especie globalmente ameazada.


Ligazóns

4.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Baldaio é o humidal máis extenso de Galiza
Baldaio é o humidal máis extenso de Galiza
Está incluído na ZEPA da Costa da Morte (Foto: avesdebaldaio.blogspot)
Está incluído na ZEPA da Costa da Morte (Foto: avesdebaldaio.blogspot)
Ao fondo, tres parapentes a motor sobre o humidal (foto: avesdebaldaio.blogspot)
Ao fondo, tres parapentes a motor sobre o humidal (foto: avesdebaldaio.blogspot)