Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÁNXELES CUÑA, DIRECTORA DO FITO

"Ourense pode ser un imán cultural"

A responsábel de Sarabela destaca a calidade das doce obras que se representan no Festival Internacional de Teatro, que remata o domingo.

M.S.P. - 09:15 29/10/2008

Ourense é puro teatro esta semana. O Festival Internacional, FITO, convértese na mostra de outono da provincia, dando continuidade a outras citas que fan da cidade, posibelmente, a capital da escena galega. En boa parte, Sarabela Teatro, e a súa directora Ánxeles Cuña, son os responsábeis de que isto sexa así. Sarabela, ademais de ocuparse da organización deste festival, anda ocupada nas representacións de Dáme Veleno, a súa obra máis recente, estreada hai tres semanas.

Miteu, Moti, Ribadavia, Carballiño..., que lle pasa a Ourense co teatro?
Ourense é unha cidade de artistiñas, e somos herdeiros dunha tradición moi longa que debe ser recollida; debemos recoller esa mecha prendida, é un compromiso real, social e poético. Ourense pode ser un imán cultural. Dende Sarabela sempre buscamos crear sinerxías coa cidade, e por iso realizamos actividades durante todo o ano, como a aula universitaria de teatro, o Miteu... A través do teatro unha cidade pode construír a súa identidade, e en Ourense estase levando a cabo unha programación cuns eixos moi claros: o Teatrauria, que comezou no verán con 'A sombra da auga' e agora continúa con este festival. E logo está o que se fai en Ribadavia ou no Carballiño. Ribadavia é, sen dúbida, o festival galego de referencia e o forno do teatro profesional galego.

Falando de Ribadavia, neste festival comeza a botarse de menos a Rubén García, verdade?
Si, este festival dedicámosllo a Rubén García, e de feito convidáramolo a ler o pregón de inicio, nunha especie de acto de irmanamento entre o Fito e Ribadavia. Aínda que nos deixara fisicamente, Rubén vai seguir con todos nós.

Que criterios seguistes á hora de seleccionar as doce compañías presentes no FITO?
Un criterio de calidade e de excelencia. Quixemos combinar compañías pequenas, medianas e grandes. Están tres compañías emblemáticas, como Odín, La Cuadra e Els Joglars. Sentiamos tamén a necesidade de achegarnos a culturas afíns, como é a lusofonía, e por iso están aquí compañías brasileiras e portuguesas. E tamén a Iberoamérica; e hai compañías de Chile, Uruguai, Colombia, e Brasil. Son obras moi interesantes, todo un exemplo de que na precariedade real pódense crear espectáculos moi vizosos. Buscamos achegar alternativas e ofrecer unha programación de luxo a prezo popular, con todas as obras agás Els Joglars a cinco euros. De xeito que podes ver todas as obras polo que no Festival de Outono de Madrid custa unha única obra. O obxectivo é ese: achegar o teatro á cidadanía.

Que obras destacarías?
Creo que o festival é unha oportunidade moi boa para ver compañías moi emblemáticas, como Odín, La Cuadra e Els Joglars. En canto a Odín, moita xente non coñece esta compañía, pero é das máis emblemáticas das últimas décadas en Europa, levando a cabo unha liña de traballo propia, e unha procura de conceptos e linguaxes, facendo unha achega moi importante ao teatro. Foi unha ocasión moi especial. E despois está La Cuadra, que traballa moito as súas raíces mediterráneas, cunha liña de descubrimento dos seus mitos.

Como está sendo recibida Dáme Veleno, a vosa última obra en Sarabela?
A acollida está sendo moi boa en todos os escenarios, con públicos moi distintos, a recepción é sempre moi emocionante. Imos facer dúas representacións no Círculo de Bellas Artes de Madrid, e estamos pechando a posibilidade de actuar no Fitei, no Porto.

Unha obra arriscada...
Si, é unha obra moi arriscada, moi na nosa liña; sempre buscamos comunicar con temas que nos conmovan. É unha obra sobre o desexo dun home de vivir e morrer dignamente, e leva ese desexo até o final. É unha obra de fondo, que fai pensar, pero non é dogmática. Porque non hai nada máis dogmático que a defensa da autodeterminación persoal. É unha obra moi vital. Para Sarabela é un paso adiante, tamén, poruqe sempre se nos bota en cara que as nosas obras son moi densas; pois ben, esta é unha proposta moi limpa.


4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: