Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de 60 mil postos de traballo na automoción

Ianni anuncia reducións de custos en Citroën ao tempo que a CIG chama a manifestarse

O sindicato presenta a marcha convocada para o luns vindeiro en defensa do emprego no sector, e o director da marca en Vigo fala de recortar o gasto un 18% en 2009.

Redacción - 17:30 29/10/2008

O director da planta de PSA Peugeot-Citröen en Vigo, Pierre Ianni, cifrou nun 18% a redución de custos na factoría en 2009. Esta sumarase ao 10% que xa levou a cabo en 2007 e ao 10% xa previsto para este exercicio, co que a diminución global neste trienio será do 38%.

Confirmouno esta cuarta feira en Compostela nas xornadas Estratexias de crecemento: como ser rendíbel no cambio de ciclo, organizadas pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Ianni amosouse convencido de que esta estratexia pode converter a actual crise económica "nunha oportunidade" para a fábrica.

Pierre Ianni subliñou que a diminución de custos do 38% superará en oito puntos e adiantará nun ano a estratexia prevista en global polo grupo automobilístico, que enmarcou nunha liña de traballo "iniciada en Vigo a mediados de 2007 para producir máis rápido, con máis calidade e máis barato".

O máximo responsábel da factoría viguesa apostou ademais por implicar todo o Clúster da Automoción (Ceaga) e recordou que cinco das 10 medidas "anticrise" deste conglomerado industrial se basean na redución de custos.

Manifestación en Vigo, o luns ás 20.00 horas

Ao tempo, en Vigo, a CIG presentaba ante os medios a manifestación en defensa do emprego no sector da automoción que convocou para o luns vindeiro ás 20.00 horas na Vía Norte da cidade. O lema da marcha será En defensa do emprego na automoción, coa que pretenden chamar á atención das administracións, porque "non poden pagar de novo os traballadores e traballadoras esta crise".

CCOO e UXT rexeitaron a proposta dunha convocatoria unitaria porque entenden que "non é o momento de mobilizarse". A CIG ligou esta manifestación coa campaña que existe a nivel nacional como confederación contra a crise que terá lugar o dia 13 en todas as cidades do país.

O secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido, considerou que "é fundamental a defensa de emprego no sector do automóbil, porque ocupa a moitos postos de traballo e a moitos sectores". "Afecta mesmos a servizos e á construción, e iso vai repercutir no conxunto da sociedade", advertiu.

Ademais, amosou a súa preocupación "porque o que se expón nas distintas mesas de negociación das distintas empresas afectadas, tanto na principal como na de compoñentes e provedores, son ou flexibilidade máxima e bolsa de horas ou expedientes de regulación de emprego (ERE)".

60 mil postos de traballo

Por outra banda, achegáronse algúns datos, como que hai 60 mil postos directos e indirectos que dependen da automoción só nas comarcas pontevedresas, e que ao final de ano haberá entre 1.200 e 1.500 postos de traballo directos menos, polo despedimento de operarios eventuais.

Xunto con Malvido, tamén participaron o portavoz da coordinadora da automoción de CIG-Químicas, Francisco Miranda e o secretario nacional da Federación de Alimentación, Mar, Transportes, Téxtil e Telecomunicacións (FGAMT), Xosé Fernández Piñeiro, que estiveron arroupados por arredor de cincuenta delegados, presidentes e secretarios dos comités de Empresa das federacións e sectores implicados: metal, químico, téxtil e transporte.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: