Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROGRAMACIÓN NOVEMBRO

Marker no Cineclube de Compostela, Lean e Resnais no CGAI

En Santiago Ángel Santos presentará 'O Cazador' o 3 de decembro.

Redacción - 10:04 03/11/2008

O Cineclube de Compostela continúa a súa programación este novembro e decembro cunha oferta moi variada na que terán un peso especial os fotógrafos, detrás e diante das cámaras. Chris Marker, Agnès Varda, Henri Cartier-Bresson, Raymond Depardon, Johan Van der Keuken... son algúns dos nomes relacionados co mundo da fotografía que estarán representados no programa destes meses. A programación, ademais, abrese cunha sesión dedicada á descolonización africana (con O Carreteiro de Ousmane Sembène e As estatuas tamén morren de Marker e Resnais) e pecha con dúas sesións sobre a memoria política dos que non están (Morrer aos trinta anos de Romain Goupil e Os loiros, de Albertina Carri), antes de interrumpir a programación até a volta das festas de inverno.

Tamén haberá sitio para o cinema galego, con Ángel Santos que virá presentar a súa curtametraxe O cazador o 3 de Decembro. As proxeccións, como todos os meses, serán todos os mércores ás 22:00 horas da noite, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).

Pola súa banda, na Coruña a programación do CGAI (Durán Loriga, 10 baixo) para o mes de novembro, dedicara unha atención especial ao cinema de David Lean (Oliber Twist, Breve Encontro...) e Alain Resnais (Hiroshima Mon Amour, Muriel, O ano pasado en Marienbad), coa proxección dos seus filme máis destacados. A Filmoteca galega tamén realizará un percorrido polos procesos creativos en 'O cine pensa a arte', con filmes de Andy Warhol, Jean Cocteau, Pasolini ou Godard. Podes consultar aquí a programación completa do CGAI para o mes de novembro.

Programación do Cineclube
O mes de novembro abre o día 5 con dúas pezas curtas, viradas sobre a realidade africana e os procesos de descolonización. O carreteiro (Borom Sarret, Senegal, 1966, VOSG, 18'), de Ousmane Sembène, está considerado como o primeiro filme realizado en África por un africano, e comeza a carreira dun dos directores máis interesantes do continente. Xunta este filme, poderemos ver As estatuas tamén morren (Les statues meurent aussi, Franza, 1950, VOSP, 30'), onde Chris Marker e Alain Resnais realizan en 1953 un dos primeiros filmes anticolonialistas, ollando a través da arte africana.

Chris Marker tamén ten un papel na sesión da cuarta feira seguinte, o 12, xa que se proxecta O recordo dun porvir (Le souvenir d'un avenir, Franza, 2001, VOSE, 42'), onde xunto a Yannick Bellon fai un percorrido distinto pola historia da Franza, através das fotografías de Denise Bellon. Ese día, tamén poderemos ver Saúde, cubanos (Salut les cubains, Franza / Cuba, 1963, VOSG, 30'), a ollada que Agnès Varda lanza sobre a realidade de Cuba coa montaxe dunhas 1500 fotografías, escollidas entre as que realizou nesta illa.

O mércores 19 continúa o protagonismo fotográfico. Neste caso, será a quenda de Reporteiros (Reporters, Franza, 1981, VOSG, 90'), de Raymond Depardon, onde o documentarista francés testemuña o devir cotián dos fotógrafos que traballan para a Axencia Gamma. Este filme virá acompañado da curtametraxe Contactos: Henri Cartier-Bresson (Contacts: Henri Cartier-Bresson, Franza, 1994, VOSE, 12'), de Robert Delpire, un episodio da serie Contacts, ideada por William Klein, onde se repasa a obra deste fotógrafo francés.

O mes de novembro finaliza o 26 coa proxección de dous filmes de Johan Van der Keuken, que tamén exerceu o oficio de fotógrafo. Trátase de Lucebert, tempo e adeus (Lucebert,tijd en afscheid, Holanda, 1994, VOSE, 52'), un retrato do artista e poeta Lucebert, membro do grupo COBRA, realizado con motivo da súa morte; e Beppie (Beppie, Holanda, 1965, VOSE, 37'), onde unha nena de dez anos conta as súas aventuras e opinións sobre temas como a morte, a televisión, o amor ou o diñeiro.

O mes de decembro comeza cunha nova sesión de cinema galego no Cineclube, Nesta ocasión será Ángel Santos o convidado para presentar a súa curtametraxe O cazador (Galiza, 2007, VO, 25'), baseada nun relato de Chékhov e que ven de gañar o primeiro premio no Filminho. Esta sesión estará completada cun outro filme, a escoller polo propio Ángel Santos, e co debate co director.

A cuarta feira 10 de Decembro, a memoria do que significou o Maio do 68 francés volve tamén ao Cineclube. Será o tempo para a proxección de Morrer aos trinta anos (Mourir à 30 ans, Franza, 1982, VOSP, 97'), de Romain Goupil, onde este director, directamente implicado nas revoltas estudantís daquela, recupera a historia e relación co seu mellor amigo, Michael Recanati, que cometera suicidio en 1978, através da súa pasión polo cinema e pola política.

Finalmente, para fechar a programación antes do descanso das festas, o filme escollido será Os loiros (Los rubios, Albertina Carri, Arxentina / EUA, 2003, VO, 97'), un percorrido pola memoria a partir da ausencia dos pais da directora, desaparecidos da ditadura arxentina. O ollar sobre os que non están mestura fantasía e realidade, dando forma a un realidad que pertence ao pasado, mais que se proxecta no presente.


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: