Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA

A pugna polo control da política de residuos abre unha guerra sen cuartel en Sogama

A chegada do bipartito a San Caetano provocou un encarnizado enfrontamento entre a Xunta e Unión Fenosa. No fondo gravitan suculentos intereses.

Ramón Vilar - 13:30 03/11/2008

Os que coñecían as interioridades de Sogama, unha das sociedades públicas máis importantes coas que conta o país, sabían que a caída do goberno Fraga en xuño de 2005 abría moitos interrogantes. Os primeiros pasos do bipartito foron analizados milimetricamente pola empresa Unión Fenosa, que a pesar de contar co 49% do accionariado, fronte ao 51% da Xunta, sempre liderou a xestión de residuos en Galiza.

O modelo, dende que en 1992 se constituíra a sociedade, estaba ben claro. O presidente noméao a Consellaría de Medio Ambiente e o conselleiro delegado é un home de Unión Fenosa. E cada un soubo ben a súa función até 2005. A figura do presidente era meramente representativa mentres que a do conselleiro delegado era a que realmente se encargaba de dirixir o día a día en Sogama.

Despois da "pax romana" viñeron os coitelos
Pero este modelo, que daba unha estraña “pax romana” ao sistema de xestión de residuos galego, mudou definitivamente coa chegada á presidencia do ourensán Xosé Díaz. Home de confianza do conselleiro Manuel Vázquez, o novo presidente quixo marcar territorio dende a súa chegada a Cerceda. Como representante da Xunta e máximo responsábel da entidade a súa voz tiña que ter peso e á vez había que deixar clara a mudanza na política de residuos.

As lapras non tardaron en saltar. O presidente de Sogama axiña comprobou que os altos cargos dependentes de Unión Fenosa non estaban dispostos a deixar sitio no temón de mando. Os pouco máis de vinte traballadores cos que conta Sogama (todos con funcións de alta dirección ou meramente administrativa) só obedecían as directrices do conselleiro delegado. As cambadelas ao novo presidente convertéronse no pan de cada día.

Practicamente só, o presidente logrou un apoio fundamental: o dos traballadores da planta (máis de 300 operarios subcontratados por Sogama).  Neste colectivo, moi dinámico e combativo nos últimos anos, a representación sindical téñena exclusivamente a CIG e UXT. Pola contra nas oficinas de Sogama o único delegado sindical pertence a CC.OO.

Un negocio case perfecto
E é que Sogama foi, e en parte aínda o é, un gran negocio para a todopoderosa Unión Fenosa. O informe do Consello de Contas de 2004 revela que a empresa, a través de Unión Fenosa Operación y Mantenimiento e Soluziona Operación y Mantenimiento controla boa parte dos servizos que precisan as instalacións cercedenses. Un exemplo é que en 2004 a eléctrica, por medio de empresas do seu grupo, facturoulle a Sogama 18,5 millóns de euros.

O informe era contudente e falaba de pacto preferenciais que “pretenden blindar economicamente a posición da empresa adxudicataria contravindo o estabelecido no prego de bases de concurso”. O escándalo era de tal magnitude que no propio consello de administración da sociedade os  cargo de Unión Fenosa votaban a favor dos proxectos que presentaban as filiais da mesma compañía. Poucos meses despois de coñecerse o documento, a Fiscalía do Tribunal de Contas decidiu abrir unha investigación.

A universidade como organismo independente
Os combates no interior da sociedade pública chegaron ao seu clímax no outono de 2007. Co aval do informe do Consello de Contas, o presidente de Sogama daba un golpe na mesa e incorporaba as universidades galegas aos procesos de contratación para aumentar a súa transparencia. A decisión era unha proba de que os tempos políticos tiñan cambiado.

O choque de intereses puido verse de maneira diáfana a pasada semana. Sogama tiña que contratar o servizo da planta de envases lixeiros. En xogo estaban 19 millóns de euros. Os técnicos de Sogama apostaron pola firma Urbaser (filial da ACS de Florentino Pérez, que á súa vez é aínda o principal accionista de Unión Fenosa). Pola contra, a Universidade de Vigo apostou pola empresa Cespa. Finalmente, o consello de administración apoiou as recomendacións da institución pública. O PPdeG non tardou en levar ao terreo político esta decisión acusando ao presidente de Sogama de ter favorecido a Cespa e cuestionando de paso os profesionais universitarios.

Unha verdade a medias
Os conservadores, utilizando información interna, relacionaban a marcha do conselleiro delegado de Unión Fenosa, Francisco Bustío, con esta contratación. Mais o certo é que a decisión desta marcha xa estaba tomada dende había meses. A Consellaría de Medio Ambiente chegou a un acordo con Unión Fenosa para mudar o organigrama. O substituto non será conselleiro delegado, será director xeral. Con este movemento a Xunta pretende rebaixar o rango e a capacidade de manobra, case absoluta, que até o momento tiñan os conselleiros delegados dentro da empresa pública. Mentres, o pulso no interior de Sogama continúa.


4.91/5 (34 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O PPdeG creou en 1992 Sogama, centralizando o tratamento do lixo en Cerceda
O PPdeG creou en 1992 Sogama, centralizando o tratamento do lixo en Cerceda
Os representantes dos traballadores apoian a viraxe na política de residuos
Os representantes dos traballadores apoian a viraxe na política de residuos
Xosé Díaz, actual presidente de Sogama
Xosé Díaz, actual presidente de Sogama