Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pé do mar

Redeiras, unha profesión por dous euros á hora

O colectivo reclama que remate o intrusismo e a dignificación dun oficio ao que se adican en Galiza 700 mulleres. Vexan o vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 09:00 10/11/2008

"É unha profesión que non debe morrer, que arrinca da nosa propia cultura e que hai que dignificar". A que fala é Evangelina Martínez (Geli), a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesáns. A súa é unha xornada laboral que comeza, como tantas outras, ás nove da mañá e que se prolonga até últimas horas da tarde na nave de redeiras do concello de Cangas. Alí traballan normalmente un grupo de mulleres no arranxo de redes do cerco, entre os sons das gaivotas e da radio que manteñen acesa e alí atenderon a Vieiros. As do cerco son as artes mellor pagadas, pode chegar aos cinco euros e medio por hora, mais esa non é a xeneralidade no sector. O arranxo de aparellos de artes menores non sobe dos dous ou tres euros por hora, unha situación que as redeiras achacan á existencia do intrusismo.

En Galiza hai unhas 700 mulleres que fan do enmalle o seu oficio. Eses son os datos oficiais, porén estímase que o número pode chegar até as 1.200 se temos en conta as que traballan de xeito ilegal. Segundo nos explica Geli esta é unha das causas de que o salario sexa tan baixo: "elas traballan por uns prezos miserábeis porque todo o que gañan vai para o peto, pero nós somos autónomas, temos que pagar a Facenda, á Seguridade Social... e non podemos competir". Por exemplo, na Guarda "cónstanos que hai dez mulleres traballando legalmente mentres que en total pode haber unhas 200 facéndoo de xeito irregular".

Outras demandas: infraestruturas, formación ou xubilación
A nave de redeiras de Cangas, como todas, é propiedade de Portos e as redeiras pagan un aluguer por traballar nela. Con todo, esta tampouco é a situación de todo o colectivo: "hai concellos que non teñen naves habilitadas para as mulleres, e noutros casos, como en Cariño, son utilizadas polos armadores mentres que as redeiras teñen que traballar nas súas casas".

Outra exixencia refírese á formación: "este é un oficio que require moitos anos de aprendizaxe, que é moi especializado. Por iso pedimos o recoñecemento da profesión e que se impulse a súa correspondente cualificación profesional". Queren unha instrución "un pouco máis reglada" ao tempo que aseguran que as redeiras teñen futuro: "hai moito traballo e sitio para todas, o problema é que as condicións son malas e con estes prezos o relevo xeracional tórnase imposíbel".

Doutra banda, piden que se lles recoñezan as enfermidades profesionais que lle son propias: "sufrimos dores de cervicais, lumbalxia, hernias discais... e non se consideran como resultado do noso emprego, cando é así". Tamén, queren que se teña en conta as duras condicións de traballo á hora de adiantar a súa xubilación, un extremo que ven de ser aprobado no pleno do Congreso dos Deputados a iniciativa do BNG. Queda agora iniciar as modificacións lexislativas axeitadas para que se se faga efectivo.

Asociacionismo e futuro
A Federación Galega de Redeiras integra a 12 asociacións de toda Galiza. A organización é un obxectivo destas mulleres que entenden que "a unión fai a forza". Fora diso, o seu é un traballo independente: "todas somos autónomas", coa única excepción dunha cooperativa de redeiras do cerco que traballa en Portosín. Con todo, o seu asociacionismo gaña folgos: "o que pretendemos é crear unha cooperativa a nivel de toda Galiza, para abastecer todo o traballo e garantir que todas o fagamos de xeito legal".

En canto ao futuro, Geli é optimista: "traballo hai, o único que hai que facer é dignificar a profesión e non deixala morrer. Pertence á cultura galega e é unha obriga de todos os galegos loitar por ela".


Ligazóns

4.71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



En Galiza hai unhas 1.200 redeiras, 700 delas cotizan á Seguridade Social
En Galiza hai unhas 1.200 redeiras, 700 delas cotizan á Seguridade Social
Unha das súas demandas máis vellas é a eliminación do intrusismo
Unha das súas demandas máis vellas é a eliminación do intrusismo
A Federación cre que o colectivo ten moito futuro e exixen a dignificación da profesión
A Federación cre que o colectivo ten moito futuro e exixen a dignificación da profesión