Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIDE MÁIS “SIMBIOSE”

A UPG manda aviso: os cargos do Goberno teñen que render contas dentro do BNG

O principal partido do Bloque debate as teses do seu XII Congreso, que celebrará en Compostela a mediados deste mes.

R.V. - 09:00 06/11/2008
Tags: BNG UPG

“Non hai que esquencer que os cargos do Goberno tamén se deben á organización política e deben de participar na vida orgánica da fronte, así como as propostas, suxestións ou críticas tamén se deben abordar nos organismos”. Este é un breve fragmento das teses que a UPG está debatendo internamente de cara á cita congresual que terá lugar no Auditorio de Galiza (Compostela) os vindeiros días 15 e 16 de novembro. O documento principal fai fincapé na necesidade de perfeccionar a “simbiose” entre a organización e o Goberno. Así, o texto subliña que unha das eivas que se detectou pouco despois da chegada á Xunta foi a “dificultade existente para canalizar axeitadamente a petición entre a organización e o BNG no Goberno”.

No contexto estatal, o documento é especialmente crítico co PP e co PSOE: “Ideoloxicamente os dous comparten o centralismo. Mais, mentres o PP declara abertamente a súa posición antinacionalista e reivindica a unidade de España, o PSOE mantén unha imaxe de aparente progresismo acompañada de desvalorización das nacionalidades”.

Pero se hai un tema central no documento ese é a análise económica. A UPG debulla as causas da crise financeira, logo de facer unha crítica radical ao sistema neoliberal. No que ten que ver co país, o partido que lidera Francisco Rodríguez sinala nas súas teses precongresuais que “Galiza necesita competencias plenas sobre o sistema financeiro galego” para poder ter unha soberanía económica. A curto prazo, o informe chama a traballar a prol dunha Lei de Caixas que poña as entidades ao servizo dos sectores produtivos e non de “intereses especulativos”.

Cambio xeracional e presenza no mundo sindical
Case catro anos despois do último congreso (xaneiro de 2005) a UPG anovará todos os órganos partidarios. Fontes consultadas por Vieiros subliñan que se agarda un cambio xeracional incluso no órgano máis importante: o Secretariado Político. O que non terá apenas discusión será o cargo de presidente (Bautista Álvarez) nin o do secretario xeral (Francisco Rodríguez). O primeiro é un posto máis honorífico, mentres que o segundo ten unha vocación claramente executivo. Máis discutido podería estar o posto número tres da organización, que ocupa o estradense Roberto Vilameá, que podería asumir outras funcións políticas de cara a vindeira lexislatura.

A UPG repasará a estratexia xeral e a organización da fronte nacionalista. Porén, cadros consultados por Vieiros insisten en que vai haber un debate “moi sereno” e que servirá para “reforzar” o Bloque de cara os comicios da vindeira primavera. Outra cousa é que UPG non repase a súa estratexia para seguir sendo o partido hexemónica dentro da formación.

Aínda que non apareza nas teses referencia algunha á CIG, a cita da próxima semana estará tamén marcada polo vindeiro congreso desta formación sindical. A UPG, que sempre foi maioritaria no seo da organización sindical, terá que afrontar o congreso da CIG coa falta dos cadros que pasaron ao Movemento pola Base logo de que se producise unha excisión en 2006. Este novo factor fai que a pugna polo control político do sindicato sexa máis acentuada nesta ocasión. Con máis de 60 mil afiliados, a organización sindical é nestes momentos a maior estrutura coa que conta o movemento nacionalista.


4,04/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: