Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión da subcomisión

O Congreso inicia o estudo da reforma electoral co voto emigrante como asunto secundario

Malia a proposta de PP, BNG e CC para priorizar o tema, o PSOE opta na Cámara Baixa por non tratar o voto da emigración como asunto urxente.

Redacción - 09:00 06/11/2008

"O sistema electoral é un todo e o valor engadido da subcomisión é o de ofrecer unha proposta de reforma global que teña en conta a sistematicidade do modelo". Con esa argumentación xustificaban desde o grupo parlamentario do PSOE no Congreso a decisión de non acelerar a reforma necesaria para que os emigrantes voten en urna.

Admiten os socialistas a necesidade de tratar o tema, pero sinalan como prioritarios por diante outros asuntos como o debate sobre o sufraxio activo en eleccións municipais dos extranxeiros residentes no Estado Español, nunha reforma que como pronto, non estaría lista antes de 2011. Deste xeito, e insistindo na necesidade de "buscar unha formulación coherente de todos os temas", os socialistas néganse a anticipar calquera reforma parcial como é o caso da demanda unánime en favor do voto emigrante.

Na outra beira, o BNG advirte unha vez máis da urxencia de acometer a reforma do voto da emigración, sinalando que sería factíbel ter listos os cambios para as próximas eleccións en Galiza. Piden os nacionalistas que se trate o asunto "de xeito inmediato". Na petición contan co apoio de Coalición Canaria, con interese tamén na reforma debido ao alto número de canarios no censo de residentes ausentes. O PP tamén se une á demanda, e recorda a reclamación unánime asinada polo Parlamento en Galiza, desa vez tamén co voto a favor dos socialistas galegos.

Un feixe de propostas adicionais
A posíbel introdución dun regulamento claro sobre a "precampaña electoral", a mellora do exercicio do sufraxio para minusválidos, a repartición de escanos por circunscricións en función da poboación inscrita no censo ou a mellora do réxime de actualización do censo electoral, son outras cuestións que se analizarán nesta subcomisión do Congreso, presidida polo socialista Alfonso Guerra.

De xeito concreto, o PP propón modificar a lexislación electoral para estabelecer que nos concellos goberne a lista máis votada. CiU, PNV, BNG, ERC e CC propoñen fixar circunscricións electorais "de ámbito autonómico" para as eleccións europeas, un tema que CiU xa levou ao pleno do Congreso sendo rexeitado por PSOE e PP. Izquierda Unida suxire modificar o sistema electoral limitando a un mínimo os escanos por provincia, ampliando a 400 o número de deputados do Congreso e creando un espazo de "restos" que permitiría compensar as terceiras forzas de ámbito estatal. Mentres, CiU pide abrir o debate sobre as listas abertas, que lle permitan ao elector expresar as súas preferencias para o Congreso e o Parlamento Europeo e estudar un sistema electoral mixto que permita a elección de parlamentarios polo sistema de dobre voto (á candidatura e ao deputado).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: