O estudantado non se acomodou: segue demandando que o financiamento das universidades veña, en grande parte do goberno, e non saia case todo do seu peto.
As caricaturas de Touriño e Sánchez Piñón
A comezos do mes de outubro, os reitores das tres universidades galegas aliábanse para pedirlle á conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, que aumentase o financiamento que reciben do Goberno, expoñendo unha serie de necesidades económicas que, aseguraban, estaban a pasar. Parecía, daquela, que a crise tamén chegaba á Universidade.
Porén, Sánchez Piñón retrucaba, dicindo que a Xunta xa amosara o seu compromiso coa USC, a UdC e a Uvigo cun incremento significativo sobre as cantidades asignadas na anterior etapa; a conselleira falaba de 125 millóns de euros, un 50% máis que en 2005. Finalmente, despois duns días de intercambios de pareceres, a través dos medios de comunicación, e, finalmente, cunha xuntanza entre Goberno e Universidades, o novo Plan de Financiamento (aínda que coincidindo todas as partes na súa necesidade e urxencia) quedaba adiado até o primeiro semestre de 2009, coa meta de traballar para o período 2010-2015.
Na actualidade o gasto que a Xunta fai nas Universidades do país corresponde a un 0,75% do PIB, e o obxectivo é chegar ao 1'5% en 2015. Porén, os estudantes non están de acordo, principalmente porque unha parte importante dese orzamento sae dos seus petos. Coa reivindicación dunha xestión integral do gasto universitario como a principal, os Comités (CAF e CAE) convocaron unha folga nos sets campus galegos para a vindeira cuarta feira, 19 de novembro. Teñen, ademais, programados diversos actos e concentracións, e agardan unha importante participación por parte do estudantado.
"A redución das taxas non supón ningún prexuízo para o financiamento das universidades"
"O motivo desta campaña é solicitar un incremento do investimento público nas universidades. Agora temos que crer que até 2015 non é posíbel chegar ao 1,5% do PIB galego, cando é totalmente posíbel acadalo xa en 2010, e sen ningún prexuízo para as arcas públicas", díxolle a Vieiros Marcos Loureiro, responsábel nacional dos CAF. Para esta organización estudantil, a implicación do Goberno no financiamento universitario debe medrar: "o 1,5% do PIB para 2010 non é nada inasumíbel, algo que non se poida realmente acometer, senón todo o contrario, é posíbel", comenta Loureiro, ao tempo que lembra que, a suba dos orzamentos do sistema universitario debe ir acompañada dunha "redución das taxas que paga o estudantado". A día de hoxe, segundo os CAF, o 13,81% dos cartos cos que se financia a UdC saen do peto dos seus estudantes; na USC os estudantado paga o 18,21%, e na Uvigo o 10,29%. "Dende os CAF apostamos pola redución desta porcentaxe até o 5% en 2010".
Máis bolsas, máis aloxamento público, máis coordinación, menos despilfarro
Ao tempo que piden taxas máis baixas, dende esta organización demandan o aumento das bolsas ("Só o 17% dos estudantes de Galiza están bolsados polo MEC, e nós consideramos que é preciso chegar ao 33% en 2010, e de aí aos 50%, no camiño dunha posíbel exención das taxas"), e das prazas de aloxamento público, lembrando unha vella demanda da organización, xusto agora que se deu a coñecer nos medios de comunicación a existencia de infravivendas no campus da Zapateira da Universidade da Coruña, "un feito que nós xa levamos tempo denunciando", destacou o responsábel dos CAF. Neste sentido, tamén demandan a creación dun só ente, formado polas tres universidades, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellaría de Vivenda e Solo, para a xestión do aloxamento universitario, que converta todas as prazas existentes (as concertadas, as subvencionadas e as concesionadas) en prazas públicas., e que traballe por garantirlles acceso, polo menos, ao 15% dos e das estudantes matriculados en cada un dos sete campus galegos.
En resume, demandan, outra volta, un ensino público "que non malgaste, e que informe do que gasta, é dicir, cun bo sistema de fiscalizamento e control orzamentario por parte de Educación"; que faga un "uso positivo das infraestruturas, eliminando a limitación de prazas nalgunha carreiras; as probas específicas para algunhas titulacións; e que reduza as proporcións profesor-alumnos nas carreiras máis masificadas. "O que procuramos é que existe un apoio económico importante, imprescindíbel para a xestión integral necesaria no Sistema Universitario Galego, para que se fagan melloras substanciais, tanto en materias como en infraestruturas".
Podian comezar por fiscalizar as dietas e sobresoldos dalgúns (moitos profesores) q non acoden ás reunións, comités, etc, etc pero q acaban cobrando como se foran. Ou mellor ainda, por q teñen q cobrar mais por algo q se entende q é o seu traballo?
Alguén terá que explicar algún día canto gastou a Universidade de Vigo na promocion da candidatura para a Universiada... e canto pensa seguir gastando "ad maiorem gloriam" dun Santiago Domínguez (BNG)que máis parece un presidente de Comisión de Festas (Volta Ciclista, Universiada...)que un concelleiro preocupado por solucionar os problemas reais da cidade (depuradora, transporte público, asistencia social, rehabilitación da cidade, etc. etc.). E pensar que fixo a campaña municipal co lema de "Revolución para Vigo" !!!! "Santi-Revolución"???????? Que sarcasmo!