Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII Congreso Nacional da UPG

Paco Rodríguez: "Temos moitísimo interese en que o nacionalismo estea unido"

O partido aspira a conformar unha "gran forza social, incluídos os sindicatos", e defende un ideario nacionalista "adecuado a cada momento histórico".

F. A. - 17:10 12/11/2008
Da esquerda á dereita: Pontón, Rodríguez, Vilmeá e Lobeira (clique para ampliar)

Da esquerda á dereita: Pontón, Rodríguez, Vilmeá e Lobeira (clique para ampliar)

A Unión do Povo Galego (UPG), partido integrado no BNG, presentou oficialmente as teses a debate que se analizarán esta fin de semana en Compostela no transcurso do XII Congreso Nacional do partido. O documento céntrase na crise do modelo económico liberal, defende o nacionalismo como alternativa á globalización, e considera que un Estatuto de Nación, con máis competencias para Galiza, facilitará a mellora de políticas laborais (creación de emprego, suba de salarios) e sociais para o noso país.

O secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, fixo un breve resumo destes puntos -adiantados por este xornal- nunha conferencia de prensa na sede nacional do partido esta cuarta feira. No acto estivo acompañado polo secretario de Organización, Roberto Vilameá, e polos deputados Bieito Lobeira e Ana Pontón.

A lingua, asunto político

Rodríguez incidiu ademais na necesidade de ter "unha sociedade informada, que coñeza o que foi este país", cun criterio claro no debate sobre a nosa lingua e o noso patrimonio cultural. Neste senso, considerou que o tema do idioma "non é que estea politizado, é un problema político". "Sábeno ben os que atacan con iso de el rollo del gallego", engadiu, e recoñeceu -"non o hai que ocultar"- que "a idea de conciencia lingüística fai aumentar a idea dun espazo propio, de autogoberno".

Ademais, criticou as últimas declaracións do Valedor do Pobo sobre a tendencia ao conflito dos partidos no asunto do idioma. El é "o primeiro conflito"; "non cumpre os requisitos mínimos" para o cargo "nin como Valedor bilingüe", e "ten unha opción política clara", polo que habería que retiralo.

Papel da UPG

O secretario xeral tamén se referiu a concepción propia do partido: nacionalista, que mantén as ideas marxistas, e que dadas as circunstancias económicas actuais coincide en parte con algúns postulados leninistas. Mais, principalmente, a UPG defínese como "nacionalista, antiglobalización e antiimperialista".

"E sobre todo, temos moitísimo moitísimo interese en que o nacionalismo estea unido", recalcou; interese, dixo, "na conformación dunha gran forza social, incluídos os sindicatos". "Estamos por riba de veleidades biográficas", afirmou, e defendeu a necesidade dun ideario "adecuado a cada momento histórico".

Goberno

Preguntado por se vía reflectidas estas teses a debate no traballo das consellarías nacionalistas, Francisco Rodríguez respondeu que o labor destas é "positivo dentro das eivas competenciais", e puxo como exemplo "cousas tan boas como a política agraria e o contrato homologado, onde topamos sempre co contexto español e europeo".

Outra das preguntas, referida á saída do secretario xeral de Cultura do Goberno, quedou sen resposta para "evitar que se desvirtúe a conferencia de prensa con este tipo de valoracións", comentou o secretario xeral. Porén, quixo deixar claro que o cargo saínte "nin ten nin tivo nunca nada que ver coa UPG". Ao contrario, "forma parte doutra corrente interna moi importante do BNG", declarou.


3.19/5 (32 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: