Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SIMPOSIO DA ASOCIACIÓN DE EDITORES

O libro galego busca "novos horizontes"

Este xoves participaron no encontro Josep Bargalló, director do Instituto Ramon Llull, ou Mary Fé Boix, Vicedirectora da Feira de Frankfurt.

Redacción - 09:00 14/11/2008

A primeira das dúas xornadas do Simposio da Asociación Galega de Editores, dedicado nesta ocasión á internacionalización do libro galego, e que se pecha este venres no Consello da Cultura, contou coa presenza de Ánxela Bugallo, que apostou en nome do departamento que dirixe por "aumentar lectores e horizontes". Bugallo avogou por "sumar esforzos" e manter as actuacións orientadas a proxectar a cultura galega, ademais de lograr "unha máis sólida representación nos distintos ámbitos de promoción cultural".

Porén, a visión de María Fé Boix, vicedirectora da Feira do libro de Frankfurt, foi menos optimista sobre o momento actual da internacionalización da cultura galega: "Cando me convidaron a dar esta conferencia, o primeiro que fixen é ver no catálogo de da Feira do Libro de Frankfurt para ver como estaba a literatura galega. O resultado foi escasísimo comparando con outras literaturas minorizadas como o catalán ou o vasco".

Na primeira mesa redonda do día, o profesor Arturo Casas pediu "fuxir do curtopracismo" e das políticas efectistas. Para Casas, a internacionalización do libro galego precisa dunha aposta que vaia máis alá da atención a determinados eventos, poñendo como exemplos as experiencias de Estonia ou Irlanda. Finalmente propuxo facer fincapé no contacto cos centros galegos das universidades de fóra e no obxectivo de acadar unha presenza nos seus espazos editoriais, como fixo Cataluña.Nesta mesa, na que tamén participou o Director Xeral de Creación Cultural, Luís Bará, falouse dos proxectos de creación do Instituto Rosalía de Castro ou da Oficina do Libro, prevista na Lei do Libro, iniciativas aínda non desenvolvidas e polo que parece non previstas polo momento. A este respecto, Bará situou o nacemento do Rosalía de Castro na vindeira lexislatura e salientou o labor que a partir de agora vai realizar a AGADIC como "organismo de apoio ás empresas no proceso de internacionalización" para os diferentes sectores, e tamén para o libro.


Onde atopar ese espazo?
Unha das estratexias para "atopar" un "espazo no mundo" impulsada pola Administración galega nos tres últimos anos, afirmou Ánxela Bugallo, pasa por sellar "alianzas solidarias" con outras culturas que tamén buscan "un oco fronte a un dominio único" nun escenario globalizado. É por iso que a conselleira defendeu a vinculación cos gobernos vasco e catalán para impulsar un mellor coñecemento mutuo, unha comunicación e promoción conxunta. Porén, Bugallo apostou por ampliar "horizontes" máis aló dos "ámbitos prioritarios" cos que Galicia está relacionada "históricamente", como País Vasco, Cataluña, Latinoamérica ou os países lusófonos.

Pola súa banda, o director de Galaxia, Víctor Freixanes destacou o "alto nivel ou, polo menos alto nivel competitivo" da creación propia, malia a recoñecer que "os problemas empezan nos procesos de promoción, difusión e comunicación". Nesta liña sinalou que o mercado da comunidade, cos seus 2,7 millóns de persoas, "obriga ás industrias culturais a saír". "Ou somos capaces de exportar o noso discurso creativo no ámbito do libro ou temos moi pouco futuro porque outros van entrar", concluíu.

Programa para o venres
A directora da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, Roberta Chinni, falará na mañá do venres do mercado infantil e xuvenil dende a súa perspectiva, tema que se concretará na experiencia profesional tendo en conta as características da edición galega da directora de OQO Editora Eva Mejuto, editorial recoñecida con numerosos premios internacionais na literatura para os máis cativos.A presenza internacional da mañá do 14 de novembro completarase coa mesa redonda "A lusofonía, un mercado para Galicia". Nela intervirán a responsable do Projeto APEX para a internacionalización da edición brasileira, Dolores Manzano, a responsable da Editorial Callis (Brasil), Miriam Gabbai, e o responsable do Programa de Bibliotecas Públicas e Comunitárias do Estado de Sao Pâulo, Jose Luiz Goldfarb.

Xa pola tarde, o Director Executivo da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio María Ávila, falará das súas numerosas vivencias no mercado exterior representando o libro español. E para clausurar o V Simposio O libro e a lectura contarase nesta edición coa Directora para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara, Amelia Guardiola. Precisamente esa feira é a próxima cita profesional á que se desprazarán os editores da AGE con stand propio e que terá lugar do 29 de novembro ao 7 de decembro na cidade mexicana.


Ligazóns

2.75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: