Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALBERTE MOMÁN, POETA

"Polo ben dos autores e da lingua galega non nos podemos cinguir aos formatos tradicionais"

Presentou 'Baile Átha Cliat', gañador o pasado ano do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, que nesta ocasión foi para Enma Pedreira.

M.S.P. - 19:30 24/11/2008

En 2003 levou o Narrativas Quentes de literatura erótica por O lobo da xente; un ano despois fíxose co Premio Francisco Añón de Poesía con Erótica, no que novamente afondaba nestas temáticas. O pasado ano o seu poemario Baile Átha Cliat foi recoñecido como a mellor obra na segunda edición do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, que hai uns días fallou unha nova edición, gañada esta vez por Enma Pedreira con Xoguetes Póstumos.

Alberte Momán é, polo tanto, un dos autores galegos que mellor manexa o xénero, que non últimos anos parece atravesar unha crise cuxa importancia matiza o autor: "Non sei até que punto hai unha crise. Si que creo que está minguada a produción de textos con esa etiqueta tan específica, seguramente porque marca moito. A etiqueta de 'poesía erótica' ou 'literatura erótica' é moi limitante, crea un prexuízo previo. Pero na literatura galega si hai moito erotismo". É dicir, hai menos 'literatura erótica' así chamada, pero Momán salienta que na literatura xeralista hai obras cunha carga de sexo moi importante, por exemplo o Ser ou non, de Borrazás.

Con respecto ao Erótica de 2004, Baile Átha Cliat (o nome de Dublín en gaélico) presenta novidades: "son parecidos só en parte. Erótica era un libro máis sensual ca erótico, que trataba como a soidade pode xerar sentimentos sensuais. En cambio esta nova obra si afonda máis nas relacións directas".

é formosa e inacessível
como todas as formosas e inacessíveis
que cravaram os olhos
longe do meu desejo
é formosa e inacessível
aprendi a amar a distância
entre ambos
(Erótica, 2004)

Novos formatos, novos soportes
En Momán destaca tamén a aposta pola difuasión da súa obra en soportes que van máis aló do libro físico, aproveitando nomeadamente as ferramentas de Internet. Na rede están, por exemplo, os poemarios O alento da musa, Erótica ou Ferrol e o que queda por chover. Tamén publicou unha novela por entregas, Efecto Iguana, no suplemento cultural da Peneira. Ou por exemplo vai ver nos vindeiros meses como un poema seu (Diálogo entre palabras que afirman e pensamentos que berran en silencio) é convertido en canción no segundo disco de Fanny & Alexander.

"Temos proxectos moi interesantes, como A Regueifa, que xa están distribuíndo contidos moi interesantes. Polo ben dos autores e da lingua galega, non nos podemos cinguir aos formatos tradicionais", di Momán, que conclúe que "o mellor soporte é aquel que é universal e asequíbel e Internet é universal e asequíbel". A última das obras que puxo na rede, en descarga libre para os seus lectores é Ferrol e o que queda por chover, no que repasa as súas orixes ferrolás, un libro pesimista a primeira vista pero que agacha unha mensaxe esperanzada: "digamos que reflite un pesimismo que evolúe. Eu vivín a miña infancia en Ferrol; e a min pasoume e segue a pasar así: infancias que viven Ferrol como cidade deprimida. Pero a clave é mudar estes sentimentos destrutivos en construtivos. En vez de fuxir o que podemos facer é ficar e resistir, mudar a situación. De aí o título do poemario: 'o que queda por chover'".

Se así o queres
saberei volverme fronte a todo

Confeso sentirme lonxe
desta cidade de anos
que esqueceu mirar por min
(Ferrol e o que queda por chover, 2008)


4,25/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: