Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un problema do continente

Os parlamentarios europeos unen as súas voces para salvar as abellas

Urxen a tomar medidas para salvar estes insectos dunha inminente desaparición, que pode ter efectos alén da suba do prezo do mel.

Redacción - 10:00 25/11/2008
Abellas no mel / Flickr: spadeshideout

Abellas no mel / Flickr: spadeshideout

Na sede do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, serven todos os días, entre as 07:30 e as 11:00 horas da mañá, o que se coñece como almorzo continental: café, croissants recheos de améndoa e zume de laranxa e elevados prezos. Pero, se as abellas seguen desaparecendo, pode que os parlamentarios queden sen almorzo.

Pode parecer unha afirmación un chisco alarmista, pero o certo é que se as abellas morren, non só vai subir o prezo do mel, ou desaparecer este néctar nun futuro, senón tamén outras moitas plantas que estes insectos polinizan. O café custaría máis do que o euro que cobran agora por el nos comedores de Estrasburgo, e o recheo dos croissants podería desaparecer, así como as laranxas que se espremen para facer o zume. Mesmo o leite sería máis escaso, porque das abellas depende que crezan case todos os ingredientes que compoñen o penso que se lles dá ás vacas, xa que recorrer aos cereais é moito máis caro.

A desaparición das abellas, unha perigosa ameaza
A poboación de abellas no continente europeo está diminuíndo a un ritmo alarmante. No Reino Unido, por exemplo, caeu un 30% entre 2007 e 2008, segundo a Asociación de Apicultores Británica. Mais o Reino Unido non é o primeiro produtor de mel europeo, senón que con 1.091.630 colmeas, italia anda á cabeza, e neste país as abellas teñen un índice de mortalidade do 50%, unha cifra preocupante cando a apicultura é neste país unha actividade a escala industrial.

Estes datos estatísticos tíranse da Autoridade Europea de Seguridade e Alimentaria (EFSA), mais sinalando que as cifras destacadas non son moi fiábeis, xa que antes de que as abellas comezasen a morrer, cada país facía as súas estatísticas ao seu xeito. No Estado Español, por exemplo, morreron só durante 2007 uns 9.000 millóns deste insectos, deixando despoboadas 300 mil colmeas.

Por que morren?
Os científicos non se poñen de acordo sobre as causas da morte das abellas. Hai quen fala dun parasito intracelular -Nosema ceranae- que se desenvolve no sistema dixestivo destes insectos e que está provocando unha pandemia mundial, que se podería paliar coa aplicación dun medicamento de uso veterinario, a "fumagilina". Esta enfermidade comeza coa desaparición das abellas obreiras, sen as que o resto da colmea non pode sobrevivir, e acaba por morrer de inanición. Ao non volver as obreiras, a raíña, abandonada e sen comida, asume as súas funcións até finar de esgotamento, e detrás dela vai o resto da colmea.

Mais tamén hai quen pensa que hai outros factores que están afectando a vida das abellas, como o uso excesivo dalgúns pesticidas e as longas tempadas de humidade -debidas ás alteracións climáticas- que houbo nos dous últimos verán europeos, ademais das plantacións transxénicas ou a influencia das ondas dos teléfonos móbiles. A situación é tan grave, que xa ten un nome: desorde do colapso de colonias (CCD, nas súas siglas en inglés) ou síndrome de despoboamento masivo. Mais, na actualidade, o que impera neste eido é unha importante falta de información.

Voces unidas no Parlamento Europeo
E é esta falta de información o que máis preocupa aos parlamentarios europeos, que uniron as súas voces esta fin de semana para facer un chamado ao brazo executivo da UE, a Comisión Europea, para que libere fondos que se destinen a investigar que está a acontecer coas abellas. Ademais, piden que se creen zonas especiais para a recuperación destes insectos, que sexan boas de labrar e nas que medren plantas ricas en néctar.

Sería un pulo importante para a industria apícola o feito de que os políticos europeos lle prestasen atención. Mais, hai que ter en conta que a Comisión Europea aínda tarda o seu tempo en actuar, e tempo é xusto o que non teñen as abellas.


4,71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: