Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Referendo este martes

Primeiro chanzo de Grenlandia cara á independencia de Dinamarca

O novo estatuto recoñece os grenlandeses como pobo con dereito á autodeterminación e a súa lingua como única oficial.

Redacción - 11:00 25/11/2008
Na illa viven 56 mil persoas

Na illa viven 56 mil persoas



Os 56 mil habitantes de Grenlandia -a maior illa do mundo con 2,2 millóns de quilómetros cadrados, o 81% cuberto por xeo- votan este martes en referendo unha ampla reforma do seu estatuto de autonomía que abre as portas á independencia total de Dinamarca.

O novo estatuto, que substituirá ao aprobado en 1979, recoñece os groenlandeses como pobo con dereito á autodeterminación, a súa lingua como única oficial, amplía ao máximo as competencias que pode asumir o goberno e outórgalle a este o control dos hipotéticos ingresos procedentes do subsolo.

Este último punto foi o principal motivo de discordia entre Grenlandia e Dinamarca, e o que provocou un atraso de case dous anos na proposta sobre a reforma do estatuto, que unha comisión mixta elixida por ambos os gobernos tivo que acordar.

Segundo estimacións recentes podería haber reservas de cru equivalentes á metade das de Arabia Saudita, o que permitiría a un país que vive da pesca e da subvención anual de Copenhague, o 27% do seu PIB, ser autosuficiente.

Competencias exclusivas
Ademais, o novo estatuto ábrelle a Grenlandia o acceso a competencias como política penal, policía, tribunais, estranxeiría e control de fronteiras e transporte aéreo. O financiamento será asumido polas autoridades de Nuuk, a capital grenlandesa.

Só seis áreas seguirán baixo control danés: Constitución, nacionalidade, Tribunal Supremo, defensa e seguridade, política monetaria e de divisas e política exterior, aínda que as autoridades grenlandesas deberán ser consultadas en cuestións internacionais que lle afecten ao seu territorio.

Aínda que o referendo é de carácter consultivo e ten que ser aprobado polos parlamentos de Nuuk e Copenhague, hai un acordo implícito de todas as forzas políticas para respectar o seu resultado. De gañar o Si, o novo estatuto entrará en vigor o 1 de xuño de 2009, coincidindo cos 30 anos da autonomía grenlandesa, unha das dúas que xunto coas Illas Feroe, ten o reino danés.

O seguinte paso, a independencia, debe contar tamén co apoio de ambos os dous parlamentos e ser aprobada en referendo só en Grenlandia. Os máis optimistas falan de 2016 ou de 2021, coincidindo cos 300 anos da colonización danesa, mais todo ha depender fundamentalmente do petróleo.


4.9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: